Gravado en Le Monde Ilustré dos traballos na ría de Vigo en 1870.

Gravado en Le Monde Ilustré dos traballos na ría de Vigo en 1870.

1870: Galicia estrea a luz eléctrica submarina

Unha compañía francesa empregou en Vigo por vez primeira a electricidade baixo do mar no rescate dos galeóns de Rande

Galicia é hoxe unha potencia en produción de electricidade, pero chegou tarde a incorporar a luz das  lámpadas ás rúas das súas vilas e cidades. Porén foi pioneira a escala mundial nun aspecto concreto da nova enerxía: a iluminación baixo do mar. Porque nas augas da ría de Vigo se estrearon en 1870 algúns dos primeiros focos submarinos. Foi no decurso dos traballos do francés Hippolyte Magen para o rescate dos galeóns da batalla de Rande. E aquel adianto que marabillou aos galegos foi tamén noticia internacional.

Luz submarina en 1870 en Vigo na expedicion Magen.

Luz submarina en 1870 en Vigo na expedicion Magen.

A luz eléctrica chegara a Galicia a mediados do século XIX como un fenómeno de laboratorio na Universidade de Santiago. E tamén foi estreada con fins recreativos: nas festas do Apóstolo de 1852 foi iluminada a praza do Obradoiro; en 1859, instalouse na Coruña un potente foco comprado en Londres e, en 1864, deu luz á fachada do Casino herculino. En Vigo, o industrial Antonio López de Neira estreou na rúa do Príncipe un reflector para alumear a procesión do Cristo da Vitoria.

Sorprende ler nos xornais da época as reaccións a aqueles primeiros experimentos: “O mércores pola noite probouse na casa do Señor López de Neira a luz eléctrica que para maior lucimento das próximas festas do Santísimo encargara a París devandito señor”, conta o Faro de Vigo, que salienta que produciu “agradable impresión entre as persoas que inesperadamente se viron asolagadas por unha claridade tan intensa como a do Sol, aínda que de meláncolico reflexo como a luz da Lúa”.

A luz tamén entusiasmou ás couzas e mosquitos do século XIX: “Unha das cousas que máis nos chamou a atención naqueles momentos -conta o Faro de Vigo- foi o asombro que a luz produciu sobre os insectos que se abeiraban entre a ramaxe das árbores”.

Como vemos, ata finais do século XIX, a luz eléctrica foi sobre todo unha mera curiosidade. Por iso foi tan importante a estrea da iluminación submarina en 1870, que se converteu nun fito internacional. Porque en 1870 se estrearon na ría as lámpadas Ruhmkorf, no curso da expedición dirixida por Hippolyte Magen para o rescate dos galeóns de Rande.

A luz eléctrica permitía traballar de noite, o que espertaba sospeitas dos veciños

Aquela estrea provocou admiración e polémica, tanto en Vigo como en París, onde tiña a súa sede social a compañía rescatadora: a Societé de Sauvetage des Galions de Vigo.

Nun diario publicado posteriormente, Magen describe os seus traballos baixo as augas da ría de Vigo cun estilo similar ao de Jules Verne en ’20.000 leguas baixo dos mares’: “A luz eléctrica permitíanos distinguir, do mesmo xeito que con sol, bloques de todas as formas (…) O efecto dos raios eléctricos sobre esas masas convulsionadas, e que os óxidos transforman en tons morenos e avermellados, era verdadeiramente marabilloso”.

Anuncio da compañía de Magen nun xornal francés.

Anuncio da compañía de Magen nun xornal francés.

Grazas á iluminación eléctrica submarina, que se estrea en Vigo a escala mundial con esta expedición, os mergulladores de Magen poden traballar de noite. Chama a atención o ruído da máquina de vapor e o sistema de poleas para baixar a campá submarina deseñada polo enxeñeiro Bazin. E por Vigo e Redondela corre o rumor de que os traballos nocturnos tratan de encubrir que os franceses están a extraer dos fondos de Rande inxentes cantidades de ouro e prata.

En España, os medios de comunicación recelan da campaña de Magen. Algúns especulan cos perigos que corren os mergulladores franceses: “Tentouse espantar aos nosos bravos mergulladores dicíndolles: “Os que descenden non informaron de que as súas pernas están desgarradas debido ás trabadelas de congros hóspedes asiduos destas ruínas”, escribe Magen, “os nosos bretóns alegrábanse e pensaban que a súa mesa estaría abundantemente provista destes gordos peixes”.

En xornais franceses de 1870 atopamos tamén crónicas sobre estas operacións nocturnas, nas que os xornalistas se mostran marabillados pola estrea mundial da iluminación eléctrica submarina. Porque as lámpadas Ruhmkorff xa se empregaban en minaría, porque podían evitar as explosión por grisú. Pero por primeira vez se utilizaban baixo do mar e para unha empresa que levantaba paixóns daquela en media Europa: o rescate dos presuntos tesouros dos galeóns afundidos na ría de Vigo na batalla de Rande de 1702.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.