Así propaga unha pinga de choiva as enfermidades das plantas

Unha investigación describe como as precipitacións poden liberar a atmosfera esporas que facilitan a transmisión de doenzas causadas por fungos

A ciencia ten que comprender os mecanismos de transmisión das doenzas para saber atallalas. Desde os virus causantes de doenzas como a gripe ou o ébola, que causan milleiros de vítimas, ata os patóxenos que infestan os vexetais e causan tamén graves perdas económicas. Estes patóxenos que afectan aos vexetais viaxan dunha planta a outra mediante a acción dos elementos, ou ben transportados por animais ou pola acción humana. Para coñecer máis o mecanismo polo cal a chuvia transporta as esporas causantes da doenza, investigadores da universidade de Cornell, nos Estados Unidos, estudaron moi polo miúdo como unha soa pinga de choiva libera e transporta esporas do fungo Puccinia triticina, causante de enfermidades en distintos grans de cereal.

Segundo recolle a Axencia Sinc, os investigadores usaron imaxes de alta velocidade para desenvolver modelos informáticos e analizar a dispersión das esporas do fungo despois do impacto dunha pinga de choiva na planta infectada, como se pode ver neste vídeo.

Publicidade

O traballo, publicado en PNAS, expón que cando unha pinga de choiva cae sobre unha folla, libera miles de esporas secas, unha cantidade que aumenta en función da velocidade da caída. Á súa vez, o impacto da auga xera un vórtice de aire ao redor do líquido que dura uns milisegundos.

Este remuíño impulsa as esporas cara a arriba, o que permite que o vento as recolla e as transporte lonxe da superficie da planta, ao longo de varios quilómetros. Desta forma, os patóxenos presentes nesas esporas poden contaxiar a outras.

Publicidade

Ata agora sabíase que as pingas de auga cun tamaño inferior a 0,1 milímetros, con patóxenos recollidos dunha planta ao chocar contra as súas follas, poden ser transportadas facilmente polo aire.

Este traballo axuda a entender como as pingas grandes, que son demasiado pesadas para viaxar polo vento longas distancias, tamén participan neste proceso de contaxio de enfermidades, ao impactar e liberaren esporas secas das plantas infectadas.

“O mecanismo de dispersión a través dun vórtice de aire podería explicar o aumento abrupto de esporas secas na atmosfera inmediatamente despois de que se produzan precipitacións”, sinalan os expertos no estudo.

Segundo os autores, “estes achados poderían estenderse a cultivos afectados por outras enfermidades da Puccinia triticina, como o do café e o millo”.

Referencias: Vortex-induced dispersal of a plant pathogen by raindrop impact (Publicado en PNAS o 25 de febreiro de 2019).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Un estudo galego revela que os lumes favorecen ás aves máis afectadas polo abandono rural

A USC e o CSIC investigan a Serra do Xurés e analizan a recuperación desigual segundo o hábitat, cunha maior vulnerabilidade das especies forestais

Extraer ADN de amorodos ou resolver unha ‘escape room’ climática: así será a sexta edición da G-Night

A Noite Galega das Persoas Investigadoras terá lugar o 25 de setembro de xeito simultáneo nas sete cidades galegas

Identificadas moléculas con potencial terapéutico en cancro no primeiro leite das vacas tras o parto

Un equipo galego revela que as vesículas extracelulares do calostro bovino frean de forma reversible a proliferación de tumores gastrointestinais