Unha canción para aprender a falar do tempo en galego

A Mesa pola Normalización Lingüística estrea un vídeo de Miguel Robledo, cunha canción de Magín Blanco, dirixida á cativada

A Mesa pola Normalización Lingüística estrea este xoves O tempo meteorolóxico, o videclip realizado polo ilustrador Miguel Robledo a partir da canción de Magín Blanco para acompañar o libro ilustrado do mesmo nome que axuda a cativada a identificar os fenómenos meteorolóxicos e o seu nome en galego.

Este título forma parte xunto con O abecedario, As aves e Os peixes e outra fauna mariña do proxecto didáctico que A Mesa adica á educación infantil, proporcionando materiais en galego para nenas e nenos de 0 a 6 anos co obxectivo de potenciar o uso de vocabulario na nosa lingua nesta etapa. O videoclip está dispoñíbel en youtube (ligazón) e o libro O tempo meteorolóxico pódese mercar nas librarías do país e mais na web da Mesa por 7,20 € para persoas socias e 8’55 € para público xeral. Hai un anaco dispoñíbel para consulta aquí.

Publicidade

O autor da canción é Magín Blanco (A Rúa, 1960), un dos máis coñecidos creadores de propostas musicais e escénicas para público familiar no panorama actual galego. Creador do universo que habitan A nena e o grilo e máis de Camiños, así como dalgunhas das composicións que forman parte de libro discos de referencia para a cativada do país como María Fumaça, Rosalía Pequeniña ou Canta o Cuco, Magín Blanco ponlle música e voz ás cancións que acompañan todos os títulos da colección que A Mesa adica á educación infantil, coas cancións O abecedario, Voa paxariño, Peixiños do mar e con este O tempo meteorolóxico que se estrea hoxe.

O autor do videoclip e ilustrador do volume é Miguel Robledo (Ourense, 1970), que como autor de cómic colaborou con La Voz de Galicia, Factoría K e El Jueves e como ilustrador editorial ten obras publicadas por Edicións Xerais, Mcgraw Hill USA, Santillana DuendeBux e Eurisaces Editora. Na actualidade é director creativo de Punto e Coma. Tamén traballou no proxecto de serie de televisión 3D O labirinto dos soños, realizou tanto a arte conceptual e do storyboard de Holy Night e o concepto de animación e a preprodución de Objetos perdidos. Como docente, ofreceu cursos e obradoiros para a Universidade de Vigo, Espacio Creativo The Room e foi titor en formación en centros de traballo para a Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense.

Publicidade

Segundo informa A Mesa, con estes contidos “quere contribuír con esta liña de publicacións a suplir a escaseza de materiais didácticos en galego para a etapa de 3 a 6 anos, fronte á grande cantidade de recursos existentes en castelán e en inglés, sobre a que alertou no Estudo sobre a educación infantil de Galiza de 3 a 6 anos. Curso 16/17, que se pode descargar no portal web da Mesa”. Así, expoñen que “os poucos materiais didácticos que existen para esta etapa débense ao compromiso das e dos educadores e mais á iniciativa social ou privada e dalgúns concellos, sen que haxa respaldo e promoción por parte da Xunta, que se desentende de poñelos a disposición das escolas. Isto supón un agravio comparativo, posto que o profesorado que queira traballar na nosa lingua coa cativada ten que elaborar os seus propios materiais”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Inestabilidade e risco extremo de incendio: así será o tempo durante a fin de semana en Galicia

O vento do nordés deixará case 20 graos de diferenza entre o sur e o norte da comunidade galega

O polbo e dúas especies de lura, entre os cefalópodos máis vulnerables ao quecemento do mar en Galicia

Un estudo internacional no que participa o IEO de Vigo analiza como a temperatura, salinidade e profundidade condicionan a distribución das especies

Unha noite máxica: estas son as imaxes da eclipse do 12 de agosto en Galicia

O evento congregou grandes grupos de persoas tanto dentro da franxa de totalidade como na de parcialidade

Un 12 de agosto histórico: a eclipse total que escureceu o día en Galicia

Miles de persoas levantaron a vista ao ceo e sentiron o silencio e frío que acompañaron os minutos nos que a Lúa ocultou por completo o Sol