Nun final espectacular da súa histórica misión, a sonda Rosetta estrelouse voluntariamente este venres no cometa 67P Churyumov-Gerasimenko (tamén chamado Churi), a tumba xeada onde descansará tras máis de 12 anos de odisea espacial, segundo informou hoxe a Axencia Espacial Europea (ESA) desde o seu centro de control de operacións. “Podo confirmar o descenso completo exitoso”, dixo o xefe da misión Patrick Martin, no centro de control da ESA en Darmstadt, Alemaña, ao tempo que anunciou o fin da misión. “Misión cumprida”, anunciou a conta de Twitter de Rosetta, en varios idiomas.
Rosetta tocou a superficie do cometa 67P Churyumov-Gerasimenko ás 10.39 (GMT) a unha velocidade de 3,2 quilómetros por hora e mandou datos durante 40 minutos máis. Os científicos cren que antes de apagarse rebotou na superficie do cometa como fixo o módulo Philae pero agora non será posible saber onde se atopa porque as comunicacións xa se interromperon.
O cometa é unha mole de xeo, pedra e po de 10.000 millóns de toneladas e un volume de 25 quilómetros cúbicos. Así terminou a misión Rosetta, que comezou o 2 de marzo de 2004, e percorreu 6.400 millóns de quilómetros ata chegar ao cometa en agosto de 2014.
A sonda Rosetta non foi deseñada para ser desconectada e por iso foi un reto para o equipo de control de voo forzala a entrar nun modo especial que se usou nas probas na Terra fai máis dunha década, segundo a ESA. Finalmente foi posible mediante un software que se cargou onte e que permitiu que cando Rosetta tocou a superficie do cometa se desconectase e deixase de enviar o sinal. Decidida en 1993 pola Axencia Espacial Europea, a misión Rosetta apuntaba a comprender mellor o Sistema Solar. Os cometas, aparecidos fai 4.500 millóns de anos, son dos obxectos máis primitivos deste sistema.
A misión, que custou 1400 millóns de euros, permitiu recoller tantos datos que van ocupar aos científicos “durante décadas”, segundo a ESA. A misión estivo marcada polas peripecias do robot-laboratorio Philae, que foi o primeiro en pousarse nun cometa, o 12 de novembro de 2014. Inerte desde que en xullo de 2015 esgotou por completo as súas baterías, Philae foi localizado a principios de setembro pola sonda.
O cometa Churi diríxese actualmente cara á órbita de Júpiter. Seguirá afastándose do Sol na súa traxectoria elíptica, ata uns 850 millóns de quilómetros de distancia do astro rei. E con el vai afastarse Rosetta, tras máis de 7.900 millóns de quilómetros desde o seu lanzamento en 2004.