O lobo mario Luimux volve ao mar no Gran Sol

O lobo mario Luimux, xusto no momento da súa liberación.
O lobo mario Luimux, xusto no momento da súa liberación.
O lobo mario Luimux, xusto no momento da súa liberación.

O lobo mariño Luimux xa está de volta no seu medio, despois de ser liberado en augas do Gran Sol polo arrastreiro galego Patricia Marta. O capitán do buque informou que a liberación tivo que retrasarse a causa do temporal, que fixo que tardasen máis do previsto en chegar ao seu destino. A CEMMA Cetáceos, que rescatou e coidou de Luís Muxía ata a súa recuperación, informou da feliz volta a casa deste animal cunha mensaxe de “Boa sorte para Luimux no mar!”.

Este lobo mariño partíu cara á súa liberación 40 días despois de que fose atopado no porto de Muxía.

Publicidade

Luís Muxía foi internado nun primeiro momento na UCI da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) en Nigrán. Aínda que os lobos mariños que aparecen na costa adoitan chegar debilitados, chegou en aparente bo estado. Porén, durante a súa recuperación tivo que facer fronte, segundo informou a Cemma, a unha “afección parasitaria severa pulmonar e dixestiva”. Con todo, experimentou unha evolución favorable. Por isto, foi trasladado ao Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), na Illa de Arousa, dependente da Xunta de Galicia, onde recuperou peso, ata acadar os 33 quilos de peso.

Outro dos lobos mariños rescatados este ano foi Guardesiña, unha femia que apareceu o 14 de xaneiro no porto da Guarda. A súa situación era máis complicada, xa que estaba moi esgotada, con síntomas de desnutrición e deshidratación e problemas respiratorios, polo que a súa recuperación está sendo máis lenta. Precisamente o día no que foi liberado Luis Muxía, Guardesiña foi trasladada desde a UCI de Nigrán ao Igafa, onde se espera que permaneza unhas catro semanas.

Estas actuacións forman parte da colaboración que desde 2003 manteñen a Xunta e a Cemma, para atender aos mamíferos mariños que chegan ás costas galegas en mal estado. Precisamente, cos últimos temporais, a Cemma está rexistrando varamentos masivos, ao ritmo de tres ao día. Son, sobre todo, cetáceos que aparecen xa mortos na costa. Son, sobre todo, golfiños comúns (Delphinus delphi), pero tamén algún arroaz boto (Tursiops truncatus), golfiños riscados (Stenella coeruleoalba), e ata un cachalote(Physeter macrocephalus) que apareceu, xa bastante descomposto, na praia da Lanzada.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.