O fotógrafo carballés Marcos Rodríguez recibiu esta semana en Catania (Italia) o premio Cámara de Ouro, que outorga a Federación Europea de Fotógrafos, na categoría de Reportaxe, grazas a tres imaxes tomadas en Galicia. Dúas delas corresponden ao varamento dunha balea nun coído de Corcubión, mentres que a outra foi tirada na rapa das bestas de Cedeira.
Marcos Rodríguez resultou gañador grazas á suma dos votos que recibiron estas tres imaxes. Cada unha das fotos vótase individualmente, e resulta gañador o autor que recibe unha maior puntuación por tres delas. Impúxose a os outros nove finalistas que chegaron a Catania. O pasado domingo anunciouse o nome do gañador. O fotógrafo galego xa chegara á final o ano pasado, na que quedara en 5ª e 9ª posición en dúas categorías do certame.
Nos últimos anos, este fotógrafo galego sumou numerosos premios, entre os que destacan o recoñecemento como mellor fotógrafo español do ano en 2016, e a medalla de prata na Copa do Mundo.