As claves da brétema na costa de Galicia: calor, auga fría e pouco vento

Non é unha situación estraña no litoral galego, pero si que acadou maior repercusión este domingo ao alterar os plans de ocio de numerosas persoas que se achegaron á costa para gozar do verán: unha mesta brétema cubriu principalmente as Rías Baixas, mais tamén unha parte importante do norte de Galicia e o Cantábrico, así como toda a costa de Portugal ata Lisboa. A magnitude do episodio foi captada polo satélite Terra da NASA, como se pode ver na imaxe superior. E conduciu a un importante contraste entre os moitos lugares da costa nos que non se superaron os 20ºC de máxima, mentres que en varios puntos da provincia de Ourense se pasou dos 35ºC.

A brétema sorprendeu despois dun sábado de altas temperaturas, aínda que desde os servizos de meteoroloxía xa se estaba advertindo que o domingo podería amencer cun manto gris na costa. “As predicións xa advertían de que podería aparecer a brétema”, explica desde MeteoGalicia Alberto Romero. Porque o escenario era moi acaído:

Publicidade

“É moi habitual no verán, e nisto coinciden varios factores: o contraste entre a temperatura da auga e o calor do interior, sobre todo nas Rías Baixas, é notable. Fórmase entón a condensación da auga en forma de brétema. E a isto hai que engadir que nestes días o vento soprou pouco. Se houbese refachos máis fortes, de compoñente leste ou nordés, sería máis difícil que se formase a brétema”, engade Romero.

https://twitter.com/MeteoGalicia/status/1416642431253164032

Publicidade

A néboa espállase deste xeito pola costa atlántica, aínda que as interaccións entre as diversas correntes costeiras provocan que outras partes da península queden alleas a ela. Así, como destaca Romero, ao sur de Lisboa e ata o estreito de Xibraltar, onde a temperatura da auga é máis alta, non se produce o contraste térmico e, por tanto, non se xeran as néboas.

Despois dos episodios de brétema de domingo e luns, é probable que o martes e o mércores tamén comecen con esta panorama gris no litoral. A partir do xoves, coa entrada de aire frío nas capas altas da atmosfera, a situación volverase inestable e, por tanto, a brétema costeira tenderá a irse disipando. Iso si, polo menos a medio prazo, non parece que apareza o Sol no seu lugar. Á espera de que os modelos afinen a súa precisión en canto se achegue a fin de semana, hai unha alta probabilidade de chuvias a partir do venres e ata o domingo que vén.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

MeteoGalicia activa a alerta por temperaturas superiores aos 36 graos

A área do Miño de Ourense e Pontevedra, Ribeira Sacra e as Rías Baixas serán as máis afectadas pola dorsal subtropical

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

As Rías Baixas gardan a maior pegada toponímica da antiga presenza de focas en Galicia

Un estudo identifica 43 talasónimos asociados a estes animais mariños e reconstrúe a súa distribución histórica, con especial concentración na ría de Arousa

Galicia activa o sistema de alerta ante episodios de calor tras un mes de maio “moi cálido”

O último informe de Meteogalicia recolle o evento extraordinario de altas temperaturas rexistrado durante o mes pasado, que deixou máximas de 37,5 graos en Ourense