A estación que a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) ten en Ourense marcou este domingo unha máxima de 25,4ºC, o que supón a temperatura máxima absoluta rexistrada na estación situada no campus universitario da cidade no período 1981-2010. O valor está só unha décima por debaixo do máximo absoluto do período 1973-2019, rexistrada o ano pasado, o 25 de febreiro, que foi de 25,5º.
Efemérides de temperatura máxima absoluta registradas el día 23 de febrero de 2020https://t.co/pWABfG1PIz pic.twitter.com/3JFQ1l1Ixp
— AEMET (@AEMET_Esp) February 24, 2020
A máxima foi mesmo maior na estación da rede de MeteoGalicia, situada moi preto da da Aemet, tamén no campus da UVigo. Alí marcou o termómetro 26,1ºC. Tamén se superaron os 25 ºC en Ponteareas (25,8), Ourense-Estacións (25,3), Verín (25,3) e Salceda de Caselas (25,2).
Na rede da Aemet acadáronse tamén valores moi elevados para a época do ano no Monte Iroite, con 27,1ºC. Do mesmo xeito, a estación de Lugo ofreceu un valor provisional de 27,9ºC, pero segundo informou a propia Aemet, estase estudando a exactitude do dato.
Deste xeito, este mes de febreiro de 2020 volve marcar rexistros de récord en canto ás altas temperaturas. A comezos de mes, no norte do país houbo noites case que tropicais, con mínimas moi preto dos 20ºC na Mariña de Lugo. Do mesmo xeito, varias cidades rexistraron a mínima máis alta nos últimos 40 anos.