O sol acompañounos durante toda a Semana Santa. As temperaturas cálidas suxeríannos un cambio de armario para darlle paso á roupa de verán. Porén, a chegada a Galicia dunha fronte de aire polar retira os plans: haberá que volver aos xerseis, polo menos durante esta semana, aínda que xa esteamos a mediados de abril. De feito, tanto Meteogalicia como a Agencia Estatal de Meteorología (AEMET) apuntan que as temperaturas destes días, polo menos ata o venres, se manterán en niveis máis baixos do habitual para esta época do ano.
Segundo indican dende Meteogalicia, unha masa de aire polar entrou hoxe na nosa comunidade, provocando unha xornada de ceos encapotados e chuvascos que foron máis frecuentes na metade norte. A maiores, a cota de neve descenderá ata os 800 metros esta noite, cando se rexistre, tamén, un forte descenso das temperaturas. Unha baixada dos valores que, segundo inciden dende Meteogalicia, non é habitual en abril.
Bo día! O vento do norte seguirá traendo aire frío a #Galicia nunha xornada na que aumenta a inestabilidade atmosférica. Teremos chuvascos 🌦️intermitentes máis intensos ao norte, como mostra a animación do radar. A cota de neve baixará de 1000 a 800 metros. As temperaturas 📉 pic.twitter.com/58yiRbm6cV
— MeteoGalicia (@MeteoGalicia) April 19, 2022
As temperaturas mínimas seguirán descendendo durante o mércores. De feito, a cota de neve estará situada nos 900 metros. Malia isto, o escenario complicarase durante as xornadas do xoves e do venres. Dende a AEMET informan de que “é moi probable” que entre unha nova borrasca atlántica o xoves pola tarde, que afectaría ao extremo oeste peninsular ata desprazarse a outras zonas durante o venres e o sábado. Como parte positiva, haberá un lixeiro ascenso das temperaturas e as cotas de neve situaranse nos 1.200 metros durante a noite.
Finalmente, dende Meteogalicia sinalan que a situación de inestabilidade será máis notable durante o venres, con chuvascos máis frecuentes e intensos na segunda metade do día. A incerteza que sempre rodea a información meteorolóxica impide que as axencias, tanto a estatal como a autonómica, fagan unha previsión máis precisa do tempo cara á fin de semana. A AEMET, no que respecta ao domingo, informa no seu último comunicado que é probable que as precipitacións tendan a remitir.