Sábado 20 Abril 2024

Claves do novo modelo de restricións: así queda Galicia a partir do venres

As previsións do comité clínico advirten que, de manterse a transmisión actual, poderían multiplicarse os ingresos hospitalarios nas vindeiras semanas

É probable que a presente acometida do SARS-CoV-2 en Galicia e España sexa a última dun virus que leva golpeando á sociedade desde marzo de 2020, en sucesivas ondas, coas conseguintes restricións e ‘desescaladas’. En pleno verán, e con xa preto do 60% da poboación galega coa pauta completa da vacina, o coronavirus volveu pola única fenda que quedaba sen protexer: a poboación menor de 40 anos, aínda sen vacinar, e con máis interaccións sociais, está a rexistrar cifras de contaxios sen precedentes. Estímase que nos últimos 14 días, 1 de cada 50 mozos e mozas galegos de entre 12 e 29 anos tivo un diagnóstico positivo pola infección do coronavirus. O 80% dos novos casos son de persoas menores de 40 anos.

Esta incidencia concéntrase, por tanto, en persoas cun risco moito menor de desenvolver unha forma grave de Covid-19 que provoque a hospitalización. Ademais, cada vez son maiores as evidencias de que se está a producir un importante nivel de transmisión fóra do foco de rastrexo, por mor da escasa asistencia aos cribados poboacionais ou o incumprimento das corentenas, entre outros aspectos.

Publicidade

Porén, as estimacións do comité clínico, que amosou este mércores o presidente da Xunta de Galicia, elevaron a preocupación. De manterse nas vindeiras semanas as cifras destes últimos días, con máis de 1.000 diagnósticos diarios, o nivel de ingresos e ocupación en coidados intensivos podería achegarse aos niveis da primeira e terceira ondas da pandemia. Isto é: a proporción de casos graves sería moito menor grazas ás vacinas e á protección da poboación máis vulnerable, pero unha incidencia desbocada levaría a que, igualmente, a carga asistencial sexa elevada. Isto xa se está observando na actualidade, segundo os datos de Sanidade: das 21 persoas ingresadas na UCI, oito teñen menos de 40 anos.

Claves do novo modelo de restricións: así queda Galicia a partir do venres
Proxección da ocupación hospitalaria no caso de manterse a transmisión actual do SARS-CoV-2 nas vindeiras semanas. Fonte: Xunta de Galicia.

Así, o avance da campaña de vacinación non sería suficiente diante do alto número de contaxios. A Xunta prevé iniciar a semana que vén a vacinación do grupo de 20 a 29 anos e completar a pauta no grupo de 40-49 anos. Nestes días, do mesmo xeito, completarase a primeira inxección o grupo 30-39. Mais o presidente da Xunta advertiu que, coa transmisión actual, xa se están a producir casos de contaxios no ámbito familiar "de netos a avós" que, a pesar da alta efectividade da vacina, conducen a ingresos hospitalarios.

Limitación de reunións

Diante desta desfavorable evolución, o comité clínico e o departamento de Sanidade da Xunta pon o acento nos encontros sociais para conter esta nova vaga da Covid-19. Son limitacións, tal e como recordou Alberto Núñez Feijoo, que afectan a dereitos fundamentais e, por tanto, obrigan a ter o visto bo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Nestes ámbitos, segundo a información recollida polos servizos epidemiolóxicos, é onde se están a concentrar boa parte dos novos surtos.

Desta volta, o novo modelo de restricións sitúa a preto de 40 concellos en nivel alto ou máximo por mor da súa elevada incidencia. Pero, ao contrario que en ocasións anteriores, non se abordarán peches perimetrais ou da hostalaría.

A Xunta volve restrinxir os encontros sociais diante do crecemento da nova vaga da pandemia

Así, en todo o territorio galego quedarán prohibidas (se o TSXG o autoriza) as reunións de máis de seis persoas en interiores e 10 en exteriores. Alén disto, poderanse xuntar persoas que pertenzan a un máximo de dous grupos de convivencia e superen estas cifras; isto é: dúas familias conviventes que superen, en conxunto, os 10 membros, poderanse reunir tanto en interiores como exteriores.

Ademais, durante a noite prohibiranse, se o TSXG o admite, as reunións de non conviventes. A limitación estará vixente entre a 1 e as 6 da madrugada nos 36 concellos en nivel máximo ou alto e entre as 3 e as 6 no nivel medio e medio-baixo, onde quedan os restantes 277 concellos. “Queremos evitar as reunións multitudinarias sen garantías que están detrás dun gran número de contaxios”, resumiu este mércores o presidente da Xunta.

Hostalaría

A outra das novidades afecta ao acceso ao interior dos locais de hostalaría dos concellos en nivel alto ou máximo. Para conter o risco de transmisión neste ámbito, a Xunta establecerá a obriga de presentar un certificado de vacinación completa, unha proba negativa nas últimas 72 horas ou ter pasado a infección por SARS-CoV-2 para poder entrar nos locais. Non será esixible isto nas terrazas, e os nenos e nenas menores de 12 anos estarán exentas destas medidas.

Neste mapa e nesta táboa podes consultar o resumo das principais medidas, que entrarán en vigor na medianoite do venres 23 ao sábado 24 de xullo. Os detalles están pendentes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

1 comentario

  1. Hai un erro nesta frase: “Ademais, durante a noite prohibiranse, se o TSXG o admite, as reunións de conviventes.” Ou van ter que ir todos (menos un) durmir a un hotel? 😉

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204