Agora si, chega Cecilia: aviso por ondas, chuvia e vento esta tarde

Esta borrasca deixará abundantes precipitacións, refachos de ata 100 km/h e ondas de ata seis metros no litoral de Galicia

Todo apuntaba a que o pasado mércores 13 iba a chegar o novo temporal con nome deste outono. Corresponderíalle o nome de Cecilia, pero finalmente, a pesar do impacto que causou, sobre todo no litoral, con ondas de máis de 10 metros, non se cumpriron os criterios establecidos para estes casos. Tal e como indica a Aemet, unha borrasca noméase cando se produzan condicións que provoquen a emisión de avisos de vento de nivel laranxa ou vermello nalgunha zona de Francia, España, Portugal ou Bélxica. Algo que non acabou acontecendo a semana pasada, pero si que se produciu oficialmente onte á medianoite, cando a Aemet anunciou a través das redes o nomeamento de Cecilia.

En principio, ata o serán do xoves, a predición falaba dun aviso amarelo en toda Galicia por choiva, pero na noite do xoves o aviso elevouse ao nivel laranxa por refachos de ata 100 quilómetros por hora nas comarcas costeiras entre Barbanza e Bares. Esta mesma madrugada xa se superaron as previsións, con 133,8 km/h en Viveiro, 116,3 en Cedeira, 114,6 nas Neves e 111,3 en Sálvora.

Publicidade

A situación tamén está sendo complicada na montaña ourensá, onde se rexistraron temperaturas baixo cero, acompañadas de neve, e ventos de máis de 100 km/h en Manzaneda ou A Veiga, o que baixa a sensación térmica ata os -10ºC.

En canto ás chuvias, os niveis xa foron salientables en Lousame, Rois ou Santa Comba, con máis de 50 litros por metro cadrado recollidos en só 10 horas de venres.

Publicidade

Aínda que nas primeiras horas do venres a borrasca parece remitir, pola tarde, a partir das 15 horas, intensificaranse de novo a chuvia e o vento.

Así, os avisos para este venres quedan deste xeito:

  • Precipitación: oeste e suroeste da Coruña, toda Pontevedra e toda Ourense (agás a parte noroeste): aviso amarelo por ata 40 l/m2 en 12 horas.
  • Vento: aviso laranxa nas comarcas litorais da Coruña (máis de 100 km/h) e amarelo no resto do país (máis de 80 km/h).
  • Mar: aviso laranxa por ondas entre A Guarda e Camariñas (ondas de ata 6 metros) e amarelo entre Laxe e Bares (ondas de 4-5 metros). Aviso laranxa en toda a costa por vento do mar de forza 7.

Aínda que o impacto de Cecilia remitirá o sábado en Galicia, o aviso seguirá activado no mar por ondas e vento. o resto da península seguirá baixo a súa influencia o sábado, cando se desprazará cara ao leste. Aínda que o domingo será un día de relativa calma, os modelos de predición, segundo informa Aemet, apuntan á chegada de novos frentes con choiva e vento forte, especialmente no noroeste da península ibérica. Seguirá, por tanto, este outono cargado de auga.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O outono comeza este mércores ás 2.05 horas despois dun verán de temperaturas récord

A terceira estación do ano vaise estender ata o 21 de decembro ás 21.50 horas

Activada a alerta laranxa no oeste da Coruña por precipitacións intensas

A AEMET acende o aviso amarelo en zonas da Coruña, Lugo, Ourense e en toda a provincia de Pontevedra por tormentas e chuvias

Por que as choivas previstas serán insuficientes para acabar coa seca en Galicia: “A situación xa é moi severa”

A secura prolongada fai que o solo perda a capacidade de absorber auga, o que provoca escorreduras ante episodios intensos de chuvia

Anatomía da borrasca que regará Galicia e derrubará as temperaturas: “Formouse a latitudes excepcionais”

O descenso das temperaturas será máis pronunciado en zonas do interior de Lugo e Ourense, sobre todo na Ribeira Sacra, o Miño, Valdeorras e Verín