Listaxe das palabras máis buscadas no dicionario da RAG en 2017.
Listaxe das palabras máis buscadas no dicionario da RAG en 2017.

‘Afouteza’ e ‘cona’, as palabras máis buscadas en galego

A Real Academia Galega analiza no novo número de "Cadernos da Lingua" os termos que máis veces se procuraron ao longo do ano 2017

Cales son as palabras máis buscadas pola xente que acode ao dicionario da Real Academia Galega? A esta cuestión dá resposta un artigo que publica o número 37 de Cadernos de Lingua, que xa se pode descargar de balde na páxina web das publicacións da Real Academia Galega. A revista da institución ofrece, entre outros traballos, unha análise sobre os termos máis procurados no Dicionario da Real Academia Galega e os motivos de que o sexan. O traballo está asinado polo responsable do Seminario de Lexicografía, Manuel González González, e a profesora de galego do Instituto español Vicente Cañada Blanch (Londres), Begoña González Rei. Os filólogos conclúen que os factores externos máis determinantes son a circulación dunha palabra nos medios de comunicación e a súa presenza no mundo escolar

A partir da listaxe das cincuenta palabras máis buscadas no Dicionario en liña da RAG no ano 2017, profundan nos distintos usos desta ferramenta, dispoñible na páxina web da institución, a través do Portal das Palabras e tamén nas aplicacións para dispositivos móbiles. A busca do significado dun termo para poder descodificar correctamente un texto ou un discurso oral é habitual, “pero cada vez máis o Dicionario é empregado tamén con outras finalidades”: dende resolver dúbidas ortográficas ou buscar sinónimos e antónimos ata coñecer a realización fonética dun termo, xa que as entradas do DRAG inclúen a gravación da súa pronuncia, ou a alternancia vocálica na conxugación dun verbo. Estas posibilidades múltiples contribúen ao continuo crecemento no seu uso, que en 2019 superou as 70.000 procuras diarias de media.

Da homonimia ao xénero

A homonimia —a relación entre palabras de significado diferente que coinciden na pronuncia ou na grafía— explica así que o verbo máis buscado fose botar, e tamén que votar se situase entre as cincuenta voces máis consultadas. Botar non ten ademais correspondencia no castelán, polo que non é estraño que persoas sen certa familiaridade co galego busquen o seu significado, engaden os autores.

O acento diacrítico que distingue o adverbio, substantivo ou adxectivo só da preposición so, o adverbio fóra fronte á forma verbal do verbo ir ou do verbo ser fora, ou o adverbio, indefinido ou substantivo máis da conxunción adversativa mais, é o motivo polo cal estes lemas figuran tamén entre os máis procurados; mentres que as dúbidas sobre o xénero explican o elevado número de buscas que rexistran igualmente as palabras labor e personaxe.

O déficit de coñecemento do léxico galego entre persoas educadas en castelán provoca tamén que sexan habituais as buscas de palabras que non teñen un equivalente claro no castelán actual. É o caso de afouteza, teimudo, sapoconcho ou chimpín. Pero por que se dispara nun momento determinado o número de consultas sobre voces coma estas? “Porque hai un factor esóxeno ao propio coñecemento lingüístico da comunidade que o provoca”, responden os expertos. 

“O factor sen dúbida determinante é que a palabra estea máis exposta e máis visible na sociedade, e isto determínao fundamentalmente a súa presenza nos medios de comunicación social, xeralmente como consecuencia dalgún feito ou dalgunha circunstancia que causa un certo impacto e que se difunde socialmente”, abundan os filólogos. Afouteza foi, de feito, a palabra máis buscada no Dicionario no ano 2017 cadrando co seu uso nunha campaña de captación de socios do Celta de Vigo, o que contribuíu tamén a que se convertese na Palabra do Ano na elección popular promovida polo Portal das Palabras. Teimudo chegou ao posto 24 tras a súa inclusión noutra campaña publicitaria, sapoconcho foi un dos termos máis procurados durante semanas tras pronuncialo o concursante dun programa televisivo de ámbito estatal e chimpín, que ocupou o posto 19, repetiuse nos medios sobre todo para falar do Chimpín de Prata que se concede no Festival de Cans.

Uso escolar e da mocidade

Alén do uso nos medios, outro factor externo “tamén moi importante” é a presenza destacada dunha palabra na escola, “por estar presente nalgún texto ou material de traballo e, sobre todo, por estar presente nos exercicios escolares”. “Esmorga é unha palabra con alta presenza nas aulas de literatura galega porque dá título a unha importante novela de Eduardo Blanco Amor. Dado que se trata dunha voz que reflicte aspectos da nosa etnicidade, con significados non transparentes e descoñecidos nunha gran parte do territorio galego, non é estraño que moitos alumnos e lectores acudan ao dicionario”, explican Manuel González González e Begoña González Rei.

O uso lúdico do dicionario que sempre existiu na infancia e na pubertade parece explicar ademais boa parte das consultas tanto de termos escatolóxicos como doutros relacionados coa sexualidade. A súa aparición na listaxe das dez palabras máis buscadas da semana produce ademais un “efecto chamada” que axudou de maneira considerable á permanencia durante moitas semanas consecutivas dalgunha destas voces na cabeza das buscas, apuntan os autores.


ReferenciaQue buscan os usuarios habitualmente no Dicionario da Real Academia Galega? (Publicado en Cadernos da Lingua).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.