Domingo Fontán, retratado ao óleo por Antonio María Esquivel.
Domingo Fontán, retratado ao óleo por Antonio María Esquivel.

Domingo Fontán: toda unha vida para debuxar Galicia

O 17 de abril de 1788, hai 230 anos, comezou a vida dun home que lle puxo cara a Galicia. Antes de que agromaran as primeiras voces do Rexurdimento, a figura de Domingo Fontán foi, sen dúbida, un alicerce importante sobre o que se reconstruíu a identidade do país. Trascendeu a ciencia, tal e como amosa o respecto reverencial que lle renderon tempo despois Otero Pedrayo, Castelao ou Cunqueiro. A súa obra magna, á que consagrou gran parte da súa vida, foi a Carta Xeométrica, o primeiro mapa científico do país, e que puxo á Galicia na vangarda da cartografía. Nalgúns lugares, ata que chegou a fotografía por satélite, nada nin ninguén puido superar durante 100 anos o que conseguiu facer Fontán.

Fontán naceu na aldea de Porta do Conde, no que hoxe é o concello de Portas, nas terras de Caldas. Foi o segundo de cinco irmáns, dous homes e tres mulleres. O primoxénito, Andrés, estivo moi unido a moitos dos feitos relevantes da vida de Domingo. Xuntos comezaron a estudar en Noia co seu tío materno Sebastián, crego nesta vila, desde unha idade moi temperá. Antes, Domingo xa comezara a súa formación na parroquia de Santo André de Baliñas, no concello de Barro.

Con só 12 anos comezou a estudar Filosofía na Universidade de Santiago

A vila de Noia marcou de xeito decisivo a traxectoria de Fontán e a súa familia. Aquí, xunto ao tío Sebastián, na época na que o futuro xeógrafo comezou a amosar as súas aptitudes para o estudo, vivían uns relixiosos franceses que fuxiran do seu país despois da Revolución de 1789. Con eles aprendeu a que era a lingua científica de referencia naquel momento, e tamén tomou nocións de inglés. De moito lle serviría esta aprendizaxe anos despois, no transcurso da Guerra de Independencia, e no desenvolvemento da Carta Xeométrica.

Debeu demostrar boas cualidades porque con só 12 anos, en 1800, o neno Domingo matricúlase en Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela. Como adoitaba acontecer naquel tempo, os plans de estudos abranguían moitas e diversas ramas do saber. Así, nas aulas da institución compostelá estudou tamén Teoloxía, a lingua hebrea, as Sagradas Escrituras, Institucións Canónicas, Artes, Retórica, Lóxica ou e Ciencias Exactas, como a aritmética, a álxebra, a xeometría e a física experimental.

Casa de Noia onde viviu Fontán, que hoxe forma parte do mercado de abastos. Foto: R. Pan.
Casa de Noia onde viviu Fontán, que hoxe forma parte do mercado de abastos. Foto: R. Pan.

Obtén cos 14 anos cumpridos, en maio de 1802, o grao de Bacharel, primeiro de moitos títulos académicos. Nese tempo, Fontán tivo como mestre a outro dos científicos máis salientables que deu Galicia: Xosé Rodríguez, o “matemático de Bermés”, que de seguro alimentou a vocación de Domingo nas súas aulas. E precisamente foi Fontán o que, debido aos compromisos internacionais de Rodríguez, o substituíu en 1814 na cátedra de Matemáticas Sublimes, que acabaría asumindo en 1818 e ata 1835. Xa en 1811 comezara a exercer como substituto na cátedra de Retórica e Belas Artes, e en 1813 na de Lóxica e Metafísica.

E como Rodríguez, Fontán tamén se viu afectado pola represión do absolutismo ao finalizar a Guerra de Independencia. Foi denunciado por liberal, e aínda que acabaría sendo absolto, esta circunstancia acarreoulle atrancos posteriores na súa carreira.

O nacemento da Carta Xeométrica

Nestes anos xa andaba na cabeza de Fontán o proxecto de dotar a Galicia dun mapa científico de seu. Sen dúbida, o seu mestre Rodríguez animou a Fontán nesta empresa. En 1808, o matemático de Bermés recibira o encargo da Junta Central Suprema de España para comezar a desenvolver un mapa exacto do país.

E o discípulo botou a andar. Un dos primeiros pasos deuno en 1816 no Pazo de Sobrecarreira, en Sigrás (Cambre), propiedade do seu amigo Antonio Loriga. Así o confirman as pranchetas que conserva a Fundación Domingo Fontán. No pombal do pazo, o matemático anotou coa axuda do teodolito as distancias e os ángulos dos puntos xeográficos de referencia. A Carta Xeométrica xa se estaba xestando.

Torre da Berenguela. Imaxe: Luis Miguel Bugallo Sánchez - CC BY-SA 3.0.
Torre da Berenguela. Imaxe: Luis Miguel Bugallo Sánchez – CC BY-SA 3.0.

Un ano despois, o gran proxecto comeza a tomar forma. Un dos símbolos do país, a Berenguela da Catedral de Santiago, serviu como punto de partida. Como mostra do seu rigor, Fontán realizou preto de 150 observacións astronómicas para marcar a ubicación exacta da Berenguela, e comezar a trazar desde alí o mapa.

Nos anos seguintes, a vida de Fontán entregouse á Carta. Sobre todo no trienio liberal, entre 1820 e 1823, a actividade do matemático foi frenética. Neste último ano, a parte occidental do mapa estaba xa case rematada. Abordou despois os traballos da parte oriental, que desenvolveu a partir da base do Corgo, preto de Lugo. En 1833, nas montañas entre Lugo e Asturias, Fontán realizou as últimas medicións.

En decembro de 1834, o matemático presentou o seu traballo ante a rexente María Cristina, que acordou financiar o gravado da Carta. A mesma rexente, como recoñecemento á valía de Fontán, nomeouno o ano seguinte, en febreiro de 1835, como director do Observatorio Astronómico de Madrid, o que impulsou a nova etapa na vida do xeógrafo, máis centrada na capital de España.

O gravado da Carta sufriu, con todo, diversos atrancos que o demoraron ata 1845. Mais Fontán non perdeu o tempo, e dedicou ese tempo a perfeccionar o mapa. Foron constantes as correccións nas medicións e a incorporación de novos lugares ao rostro de Galicia.

Moito máis ca o mapa

O xeógrafo investiu gran parte dos seus días na Carta, máis a súa vida deu para moito máis. Foi tamén profesor, político, funcionario e empresario. Os testemuños de quen o coñeceu falan dun home entregado á terra e á mellora da vida dos cidadáns do país, de carácter firme e comprometido, que falaba con feitos. As diversas facetas de Fontán entrecruzáronse de forma continua, e a súa figura contribuíu, en diversos sensos, a facer avanzar a Galicia.

Durante a súa etapa como parlamentario, defendeu de xeito reiterado unha premisa: para gobernar mellor un país, era preciso coñecelo, percorrelo, saber como e por onde se movían as súas xentes. E foi moi crítico coa visión afastada que desde Madrid se tiña de Galicia.

Mapa do proxecto do ferrocarril entre Cornes e Carril, no que participou Fontán. Consérvao a Fundación que leva o seu nome. Foto: R. Pan.
Mapa do proxecto do ferrocarril entre Cornes e Carril, no que participou Fontán. Consérvao a Fundación que leva o seu nome. Foto: R. Pan.

Alén da súa actividade docente, centrada na primeira parte da súa vida, Fontán accedeu por primeira vez a un cargo político en 1817, cando foi nomeado como membro da Xunta de Reparticións de Tributos en representación do Salnés. E foi secretario nas Deputacións de Galicia, primeiro, e na da Coruña, despois. O regreso de Fernando VII e o absolutismo apartouno desta actividade, aínda que regresaría en 1826, cando lle foi encargada a división xudicial e municipal de Galicia. E en 1829 encomendáronlle o trazado das futuras estradas que vertebrarían Galicia. Aquí, a Carta Xeométrica foi tamén esencial.

Esta primeira parte, máis achegada ao que hoxe se pode asimilar coa actividade funcionarial, deu paso, a partir da década de 1830, ao parlamentarismo. Vinculado ao Partido Moderado, Fontán levou ao Congreso o seu coñecemento do país, alén da continua formación, que nunca deixou de lado. Así, sendo xa catedrático, estudou Dereito na Universidade de Santiago, o que lle axudaría no seu labor político.

Era unha etapa convulsa, coma decote, na política española: a morte de Fernando VII deu paso ás rexencias de María Cristina e Espartero e, finalmente, o reinado de Isabel II. Como deputado, Domingo viviu as tres etapas representando, nas diferentes lexislaturas, ás provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo. A actividade do deputado Fontán quedou rexistrada nas actas das sesións do Parlamento, que dan conta do seu estilo directo, sen ambaxes á hora de denunciar e criticar a inacción do Estado en Galicia.

O Domingo Fontán emprendedor

Despois de case 10 anos centrado na actividade parlamentaria en Madrid, Fontán renuncia por última vez ao seu asento en 1843 e establécese definitivamente en Santiago de Compostela. Comeza entón unha etapa máis centrada na actividade empresarial. Na súa casa da Rúa do Vilar, o xa ilustre xeógrafo monta un comercio de teas, licores, e cacao en gran, entre outros produtos. Tamén posúe un almacén onde gardaba roupa vella e trapos que utilizaba como materia prima para a fabricación de papel na factoría familiar do Castro, en Lousame.

O pai dos irmáns Fontán, Rosendo, foi no seu tempo accionista da fábrica, e os títulos pasarían despois ao seu cuñado crego, Sebastián. Ao morrer sen descendencia o seu tío, Andrés e Domingo fixéronse accionistas maioritarios da instalación, xa que foran adquirindo as participacións aos demais propietarios.

Fachada en ruínas da fábrica de papel do Castro, en Lousame. Foto: R. Pan.
Fachada en ruínas da fábrica de papel do Castro, en Lousame. Foto: R. Pan.

Outro dos proxectos empresariais de Fontán tivo bastante que ver coa súa Carta Xeométrica. Como xa se contou, o mapa científico foi clave no deseño da rede de estradas e camiños de ferro do país. Entre eles estivo a primeira liña de tren de Galicia, entre Cornes (Santiago) e Carril (Vilagarcía), inaugurada en 1873. Desde a década de 1860, o matemático impulsou o proxecto a través da vicepresidencia da Xunta Mixta, unha entidade encargada do estudo e o deseño do trazado da liña ferroviaria, e acabou obtendo a concesión do ferrocarril por parte da raíña.

Nos seus últimos anos, asentado na rúa do Vilar en Compostela, o polifacético Fontán mantivo a súa intensa actividade. Aínda que solicitara a xubilación do emprego de catedrático en 1851, continuou traballando para a fábrica do Castro e no proxecto do ferrocarril. Tamén xogou un papel importante na exposición compostelana de 1858, onde se expuso a Carta Xeométrica, e na Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, na que exerceu varios cargos.

O 24 de outubro de 1866, Domingo Fontán Rodríguez morreu no balneario de Cuntis por mor dunha cistite, aos 78 anos, moi preto de onde nacera. Foi soterrado no cemiterio xeral de Santiago, e as súas cinzas permaneceron nunha urna do concello desde que a familia as cedeu, en 1913, para depositalas no Panteón de Galegos Ilustres. Con todo, houbo que agardar ata o 30 de decembro de 1988 para que o home que debuxou o rostro de Galicia descansase, por fin, xunto a Rosalía, Castelao, Brañas, Cabanillas e Asorey.

Tumba de Domingo de Fontán. Foto: R. Pan.
Tumba de Domingo de Fontán. Foto: R. Pan.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.