Sábado 9 Decembro 2023

Unha viaxe de historia e ciencia polas baterías da ría de Ferrol

Observer e o Concello de Ferrol presentan un percorrido polas construcións defensivas, resaltando o seu valor para a enxeñaría e a súa contorna natural

William Pitt, primeiro ministro inglés no século XVIII, afirmou unha vez (segundo unhas palabras que lle atribuíu tempo despois o político Pascual Madoz) que “se Inglaterra tivese nas súas costas un porto como o de Ferrol, e seu goberno cubriríao cunha muralla de prata“. Polo que corresponde aos gobernos españois e aos seus exércitos, a baía ferrolá sostén desde hai séculos unha infraestrutura militar de referencia na península. Os castelos de San Felipe, San Martín e Palma, no funil que dá acceso á ría, e un bo feixe de baterías custodian a entrada á cidade.

Todas estas construcións dan conta do enxeño de diversas épocas e xeracións e, ao tempo, intégranse nunha paisaxe igualmente atractiva desde a perspectiva natural. Aproveitando o valor destes enclaves, o Concello de Ferrol e a plataforma Observer presentaron esta semana a Ruta das Baterías Militares da Costa, que percorre dezaseis puntos do litoral ferrolán. O percorrido súmase así á listaxe de Destinos Científicos de Observer.

Publicidade

A ría de Ferrol

As características desta baía convertérona nun punto estratéxico para a actividade militar. Fronte á forma en “V” da maioría das rías, a súa bocana amosa un estreitamento que xera unha distinta dinámica das masas de auga, facendo que teña unha salinidade moi alta,  temperaturas pouco variables e unha gran variedade de sedimentos.

Baterías antiaéreas de cabo Prior, que formaban parte do sistema de protección da ría de Ferrol. Foto: Observer.
Baterías antiaéreas de cabo Prior, que formaban parte do sistema de protección da ría de Ferrol. Foto: Observer.

Estes factores naturais levaron ao enxeñeiro militar Tiburcio Espannocchi, ao servizo do rei Felipe II, a salientar a ría de Ferrol como un dos puntos “máis seguros e capaces” para acoller os barcos reais de cara ás confrontacións cos exércitos franceses ou ingleses. Coa designación de Ferrol como porto da Armada, e, posteriormente, como capital do Departamento Marítimo do Norte, a cidade experimenta un enorme desenvolvemento coa construción do Arsenal ou o estaleiro da Graña.

Para protexer o abrigo da parte interna da ría, os castelos de San Felipe, Palma e San Martín erixíronse co obxectivo de poder atacar con fogo cruzado os barcos inimigos que quixesen adentrarse na ría. As baterías e fortificacións de Doniños, Prioriño Chico, Viñas, Cariño, San Cristovo e San Carlos reforzaron estas defensas, que se completarían xa no século XX coa artillería moderna instalada en Prior e Prioriño. Hoxe en día, moitos destes vestixios (aínda que algúns en ruínas) seguen sendo visibles e visitables, polo que a nova Ruta quere recuperar e divulgar o seu valor.

A ruta: historia, enxeñaría e natureza

Fonte: Observer.
Fonte: Observer.

Deste xeito, a ruta polo litoral ferrolán está acompañada dun contexto cronolóxico que abrangue desde as vixías de Monte Ventoso e Prior (das que non existe data exacta de construción, aínda que se cre que son da época medieval) e o castelo de San Felipe (1589) ata as modernas baterías de Prior e Prioriño, pasando polo resto de construcións militares da ría de Ferrol.

En cada un dos puntos, a guía elaborada por Observer afonda nas características das construcións defensivas, testemuñas do coñecemento do seu tempo e dos avances da enxeñaría acadados nos últimos séculos. Cada un dos puntos conta cun vídeo descritivo, con imaxes tomadas desde drones e recreacións en tres dimensións que permiten coñecer mellor estas estruturas:

Ao tempo que de descobre a fascinante historia que rodea estes enclaves militares, as persoas que percorran a ruta poderán coñecer o valor natural da zona. As pradarías mariñas de zostera, a observación de aves e mamíferos mariños e os espazos naturais como a praia e lagoa de Doniños.

O Concello de Ferrol acolleu este mércores a presentación da ruta, na que participaron as concelleiras de Turismo, María Teresa Deus, e Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, xunto a Maite Vence, directora de Observer. No acto destacouse a instalación de códigos QR en cada unha delas que enlazan coa plataforma, na que tamén se pode atopar a guía en PDF, de preto de 60 páxinas, ademais de audioguías, vídeos, infografías, documentación histórica e científica da contorna, consellos para desenvolver a ruta, bibliografía complementaria, distancias entre baterías, tempo de desprazamentos e outros moitos datos.

Segundo destacou Deus, esta ruta pola ría de Ferrol é “o resultado dun traballo desenvolvido con rigor científico, técnico e histórico” en colaboración con Observer e Explorer, que desenvolveu os vídeos, no marco do proxecto MMIAH, unha iniciativa liderada polo Concello de Ferrol que busca divulgar o valor do borde litoral urbano da área atlántica a través da recuperación de bens en desuso asociados ao patrimonio militar, marítimo e industrial das cidades costeiras, facilitar o seu uso e xerar actividades co fin de promover o turismo cultural como factor de sustentabilidade económica. Ao mesmo tempo, en palabras de Eva Martínez, o proxecto súmase “ás iniciativas postas en marcha polo Concello cara a mellorar a candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial”.

O desenvolvemento da ruta contou tamén coa colaboración do investigador e comandante de artillería na reserva José López Hermida, quen felicitou ás concelleiras por “por fin dar un pulo ao patrimonio militar co que conta a nosa cidade” e animou á iniciativa privada a participar neste tipo de accións con fin de “sumar esforzos por Ferrol”.

A guía está deseñada tanto para novos visitantes como para os veciños da cidade “posto que moitas persoas aínda non coñecen as baterías coas que contamos na nosa contorna”, explicou a concelleira de Turismo de Ferrol.


A guía das rutas polas baterías da ría de Ferrol pode descargarse (en PDF) nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Aparece en Ferrol unha balea xibarte morta de case 10 metros

É o primeiro cetáceo desta especie que vara en Galicia dende 2011, e puido morrer ao quedar engachado en aparellos de pesca

Aparece unha balea morta na Estación Naval da Graña, en Ferrol

Foi descuberta polo persoal de garda nunha das roldas de vixilancia, sendo retirada da auga ao redor das 10:00 horas

O río que alimenta a comarca de Bergantiños convértese en destino gastronómico

O vicepresidente salienta a oportunidade que ofrece este proxecto para situar a comarca de Bergantiños como referente estatal

Guía para non perder a G-Night: un cento de actividades en sete cidades

Charlas, obradoiros, visitas guiadas e feiras científicas conforman a ampla oferta da Noite das Persoas Investigadoras en Galicia