Sábado 20 Abril 2024

Un plan de viaxe para coñecer Galicia a través da ciencia

O plan da maioría dos turistas que chegan a Galicia adoita ser semellante: ver a catedral de Santiago, o cabo Fisterra ou a Torre de Hércules, tres dos puntos máis visitados do país. Todo acompañado dunha degustación dos produtos da terra. Chegan normalmente nos meses de maior afluencia, entre marzo e outubro, cando o tempo acompaña, e nas principais pontes e días festivos do ano.

Porén, hai quen busca nas súas viaxes un plan distinto, cos que coñecer cousas que se escapan ao común nos lugares que visitan. E Galicia tamén pode ofrecer este tipo de paquetes turísticos. No caso do turismo científico, cidades como A Coruña ou Santiago teñen moito que dicir. E a partir disto, Observer e a axencia Tee Travel presentan neste 2019 a súa proposta de “Escapadas científicas” para toda a familia. Coa opción de escoller estancias de 2, 3 ou 4 noites, o paquete dá a coñecer os atractivos das dúas cidades a través de circuitos que moitas veces fican fóra das viaxes habituais.

Publicidade

Plan de viaxe

De arriba cara a abaixo, o Aquarium Finisterrae, a Domus e a Casa das Ciencias. Imaxes: coruna.gal.
De arriba cara a abaixo, o Aquarium Finisterrae, a Domus e a Casa das Ciencias. Imaxes: coruna.gal.

A viaxe comeza coa chegada á Coruña, por conta propia. Despois dunha volta polo casco histórico, o paseo marítimo ou a Torre de Hércules,e tras o descanso da primeira noite, a escapada científica inclúe un día de visita aos Museos Científicos Coruñeses (Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae) e ao Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (Muncyt). Cada un destes edificios ofrece unha interesante perspectiva sobre o coñecemento, a importancia da investigación, a curiosidade e o xogo como ferramenta de aprendizaxe.

A Casa das Ciencias destaca polo seu lema de “Prohibido non tocar”, con decenas de instalacións interactivas para que toda a familia disfrute aprendendo. Tamén dispón dun planetario con sesións sobre astronomía. A Domus, a carón do paseo marítimo na zona do Orzán, e preto da Torre de Hércules, ofrece un percorrido sobre a historia do ser humano. O Aquarium, coñecido tamén como Casa dos Peixes, aos pés do faro romano, divulga o medio mariño a través de varias salas de exposicións e un espectacular acuario con 338 especies distintas.

Finalmente, o Muncyt, o máis novo dos museos coruñeses, alberga máis de 600 instrumentos científicos, aparellos, medios de transporte, máquinas e ferramentas industriais desde o século XVI ata a actualidade.

Museo de Historia Natural de Santiago. Foto: USC.
Museo de Historia Natural de Santiago. Foto: USC.

Despois desta vibrante xornada, o programa ofrece o traslado en tren ata Santiago de Compostela. Xa na capital galega, antes de mergullarse no seu atractivo científico, que é moito, cómpre coñecer o seu gran patrimonio cultural e histórico, recoñecido pola Unesco. Non só a Catedral, senón tamén recunchos non tan conocidos como o parque de Bonaval, a Alameda ou o mercado de abastos merecen unha visita. Pola noite, o paquete inclúe unha cena nun restaurante do casco histórico da cidade. Cómpre coller forzas para a visita científica do día seguinte.

A xornada comeza coa visita ao Museo de Historia Natural, no fermoso parque de Vista Alegre. O edificio, deseñado polo arquitecto César Portela, acolle as achegas e o traballo de centos de científicos da Universidade de Santiago que desde o século XIX percorreron o mundo e coñeceron a gran riqueza natural do noso planeta. Hai 25.000 exemplares de fauna e flora, que se poderán ver de preto no museo.

Ao terminar, o cuarto día continúa coa visita á Colección de Anestesioloxía e Reanimación da facultade de Medicina da universidade compostelá. Aquí pode verse o antigo instrumental médico e cirúrxico que usaban os profesionais da saúde nos séculos pasados. A de Santiago foi unha escola pioneira na anestesioloxía en España.

A viaxe termina co almorzo do último día. Porén, segundo subliñan Observer e Tee Travel, é posible ampliar o plan con visitas ao museo da Sociedade Galega de Historia Natural ou o Aquaciencia en Ferrol.

Toda a información da Escapada científica a Galicia nesta ligazón.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Si, pódese crear acuarela con bacterias: a UDC impulsa a divulgación a través da arte

CICAGallery estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán con distintos grupos de investigación da universidade

Exoplanetas de spray e tinta: ciencia e arte alíanse nun proxecto internacional con selo galego

O artista vigués Tono Carbajo realiza unha residencia artística en Cataluña para desenvolver a súa obra visual e sonora a partir de evidencias astronómicas