Pena Corneira, un monumento natural no Ribeiro

Un penedo vertical de arredor de 10 metros de altura é o referente visual da serra de Pena Corneira, á que tamén lle da o nome

A rocha que nomea á Serra de Pena Corneira. Fonte: Galipedia.
A rocha que nomea á Serra de Pena Corneira. Fonte: Galipedia.

Na comarca ourensá do Ribeiro atópase a serra de Pena Corneira, entre os concellos de Avión, Carballeda de Avia e Leiro. A singularidade da zona e os seus valores científicos, culturais e paisaxísticos levaron á súa categorización como Monumento Natural, que abrangue 998 hectáreas.

No alto do cumio atópase o referente visual que dá nome á serra: Pena Corneira, un penedo vertical de dez metros de altura que asoma entre a vexetación. Está acompañada por outras rochas de formas e composicións curiosas, sobre todo bolos redondeados e outras formas erosivas.

A categoría de Monumento Natural obtida no ano 2007 permitiu á Serra contar cunha figura específica de protección; deste xeito, só se admiten usos e actividades que non poñen en perigo os valores naturais deste enclave.

As características xeolóxicas da Serra

Dende o punto de vista xeolóxico, trátase dunha prolongación ao noroeste da Serra do Suido, entre as concas do río Avia e do Miño, que forma parte da dorsal galega; un eixo montañoso cunha altitude de ata 1.000 metros sobre o nivel do mar que actúa como fronteira natural entre as provincias de Ourense e Pontevedra.

A rocha que nomea á Serra de Pena Corneira. Fonte: Galipedia.
A rocha que nomea á Serra de Pena Corneira. Fonte: Galipedia.

A serra está formada por 18 quilómetros en sentido meridiano e 7 en sentido suroeste-nordés de masa plutónica batolítica. O batólito está constituido por rochas graníticas, aínda que non todo o macizo presenta as mesmas facies. A diferenciación cristalina influíu na evolución xeomorfolóxica e fixo posible a existencia tanto do macizo como das súas formacións.

As temperaturas oscilan entre os 11,5 e os 13,5 ºC

Masas de aire frío procedentes do atlántico descargan a choiva cando ascenden pola dorsal, deixando nela altos niveis de precipitacións que levan á súa clasificación como hiperhúmido. O nivel de choiva descende cara o leste debido ao efecto Föhn, fenómeno que, entre outros factores, explica a calidez do clima nos vales do Miño e de Avia. Falando das cifras, a precipitación media anual sitúase arredor dos 1100 mm, mentres que a temperatura oscila entre os 11,5 e 13,5 º C.

Fauna e flora

O espazo natural de Pena Corneira atópase no subsector Miñense, dentro do Galaico-Portugués; ambos dentro da provincia Atlántica-Europea, na rexión Eurosiberiana. O carácter oceánico da zona apréciase nos elementos vexetais; o carballo é a árbore dominante, aínda que aparecen tamén acompañantes como o castiñeiro. A influencia mediterránea deriva na aparición de especies como o loureiro.

O carballo é a especie vexetal dominante, aínda que tamén hai castiñeiros

A presenza de animais depende de factores como a altitude e as características do hábitat; aínda que destacan especies como o lagarto verdinegro, a salamandra rabilarga, a víbora de Seoane e a ra patilarga. Esta última está clasificada como “vulnerable” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

Neste lugar habitan tamén mamíferos protexidos como a londra, o morcego de ferradura grande ou o lobo ibérico, así como numerosas especies de aves e animais invertebrados, entre os que destaca a vacaloura.

As rutas ata o cume

A ruta principal realizar este percorrido ten arredor de 8,7 quilómetros, aínda que as derivacións alcanzan, entre ida e volta, sobre 2,2 quilómetros. O punto de inicio é o parque fluvial de Leiro. Aínda que a ruta caracterízase pola súa pendente, os tramos más difíciles están adaptados con escaleiras e pasarelas.

O punto de chegada é Parque Forestal de Pena Corneira, onde se pode descansar na área recreativa, que dispón de mesas e fontes. Calquera estación do ano é boa para realizar a ruta, pero é no outono cando o lugar loce máis debido ao esplendor da súa fauna e flora.

4 COMENTÁRIOS

  1. Non correxiron os numerosos erros que ten o artigo, algúns deles moi evidentes.
    Sorprende que non estimen a colaboración dos/as lectores/as!!

  2. Divide Ourense e Pontevedra??? Antes de escribir certas cousas e mellor informarse

  3. Ola, como veciño da comarca quero felicitalos primeriro pola reportaxe e tamén matizar certa información que nela se refire:
    “No alto do cumio atópase o referente visual que dá nome á serra” A cota máis alta deste espazo natural no é esa! As cotas máis altas están máis ao sur, onde empeza a serra.
    “entre as concas do río Avia e do Miño” como se pode apreciar no mesmo mapa que se aporta no artigo, esta información tampouco se corresponde coa realidade.
    Saúdos

    http://www.asfermosas.com/uploads/5/7/2/9/5729793/monumento_natural_serra_de_pena_corneira_dog_20080118_num_013.pdf

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.