Sábado 13 Xullo 2024

Os neandertais na Cova de Eirós: un campamento duradeiro e con múltiples usos

As investigacións realizadas no verán constatan a actividade de caza e de fabricación de utensilios, cunha gran densidade de materiais líticos e óseos

Durante o pasado verán, membros do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste, Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da USC e do Institut de Paleocología Humana i Evolució Social de Tarragona, co apoio da Xunta de Galicia, participaron nunha nova campaña de escavacións desenvolvidas na Cova de Eirós.  Os achados acadados permiten afondar no coñecemento dos modos de vida dos neandertais das serras orientais e constatan a hipótese de que este enclave do municipio lugués de Triacastela foi durante un longo período de tempo un campamento no que se desenvolvían diferentes actividades como a caza ou elaboración de utensilios.

Segundo apunta a USC, os primeiros resultados das análises da gran densidade de materiais líticos e óseos atopados nesta última intervención demostran que a Cova Eirós foi empregada por un grupo de neandertais durante un período prolongado no tempo. Os achados permiten constatar que durante a súa estadía os grupos procesaron a caza, principalmente cervos, neste enclave, no que tamén se tallaron ferramentas líticas en cuarzo e cuarcita. O procesado de peles de animais para a elaboración de vestimentas é outra das evidencias advertidas nas escavacións feitas en Cova Eirós, un enclave declarado hai pouco máis dun ano Ben de Interese Cultural, no que as marcas de uso revelan o control e uso do lume por parte das poboacións para cociñar e tamén para traballar materiais como a madeira para a fabricación de utensilios ou lanzas.

Publicidade

As escavacións están a afondar nun período pouco documentado en Galicia, o Paleolítico medio. Neste caso actuouse no nivel 4. O diferente tipo de ocupación con respecto ás documentadas noutros niveis da Cova Eirós ou xacementos ao aire libre (como os de Monforte de Lemos), permite coñecer as distintas estratexias de mobilidade e subsistencia e a capacidade de adaptación dos grupos de neandertais aos condicionantes do medio.

Os traballos de escavación realizáronse de xeito parello a outros estudos que permiten acrecentar o coñecemento sobre o paleoambiente das serras orientais. Daquela, as análises sedimentolóxicas desenvolvidas polo investigador da Universidade de Coimbra Pedro Cunha permitirán comprender as dinámicas paleoambientais dos últimos 50.000 anos nas serras relacionando as fluctuacións no poboamento da rexión coas dinámicas paleoambientais e glaciais que definen os momentos finais do Pleistoceno. Doutra banda, a colaboración con investigadores do Max Planck Institute de Alemaña permite tamén buscar restos de ADN antigo na secuencia de Cova Eirós para a identificación de mamíferos e mesmo, se as condicións o permitisen, material xenético humano.

Publicidade

As escavacións efectuadas en 2020 encádranse na colaboración que manteñen Xunta de Galicia e USC dende 2015, data desde que a Administración autonómica destinou 200.000 euros, e dan continuidade ás de campañas anteriores, aínda que nesta ocasión e por mor da pandemia, os traballos, nos que se puideron subir a escavar un máximo de seis persoas, reducíronse a unha superficie de 21 metros cadrados.

Restos de Cova Eirós confirman que o ADN do oso das cavernas sobrevive ata hoxe

As actuacións que se levan desenvolvendo desde o ano 2008, tanto na entrada da cova onde se encontraron restos de ocupacións paleolíticas que van desde o Paleolítico medio até os momentos finais do superior, como nas paredes do interior da cova, onde se localizaron evidencias de arte rupestre do Paleolítico Superior, teñen permitido descubrir pinturas e gravados dun valor único e excepcional en Galicia.

Os últimos anos de traballos non só lograron perfilar mellor a secuencia de ocupación de Cova Eirós, senón tamén profundar nos estudos sobre o xacemento e a Prehistoria galega.  Un labor continuado cuxos resultados están a darse a coñecer e a publicarse en congresos e revistas científicas de gran prestixio, tanto nacionais como internacionais, destaca a Universidade compostelá.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os neandertais usaban ‘pegamento’ para fabricar as súas ferramentas

O descubrimento deste adhesivo, que supón unha solución técnica complexa, implica un alto nivel de cognición

Estes foron os terremotos máis intensos rexistrados en Galicia

O de Triacastela en 1997 foi o de maior magnitude, pero os que máis danos causaron foron os de Ferrol en 1910 e o de Pontevedra en 1920

Atopan gravados neandertais con máis de 57.000 anos de antigüidade en Francia

Nunha cova do val do río Loira descobren unha serie de marcas non figurativas que foron realizadas coa man de forma deliberada

Tres turistas entran en Cova Eirós e provocan un incendio de 5.000 metros no monte

É o xacemento de arte rupestre máis antigo de Galicia, que logrou salvarse grazas á colaboración dos veciños que deron a alerta do lume