Algúns das 22 pezas presentes na mostra
Algúns das 22 pezas presentes na mostra "Machados. Cinco vidas, unha historia". Foto: Deputación de Pontevedra.

Machados: unha mostra da metalurxia da Idade do Bronce no Museo de Pontevedra

A exposición, que recolle 22 pezas arqueolóxicas, está promovida polo Incipit-CSIC e inaugúrase este xoves 26 no museo provincial

Durante tres milenios, numerosos machados e outras pezas feitas de cobre permaneceron soterradas en depósitos da fachada atlántica da península ibérica. Hoxe en día, a ciencia aínda non foi quen de explicar por que os habitantes do que hoxe é Galicia e Portugal decidiron agochar, como se fose unha acción coordinada, unhas pezas que resultaron esenciais no avance das súas sociedades. A finais do século XIX, e de forma casual, mentres se araba a terra para os labores agrícolas, comezaron a agromar estes machados, rescatando do pasado un mundo fascinante e que hoxe segue cativando aos estudosos da arqueoloxía. Sobre estas pezas xira ‘Machados. Cinco vidas, unha historia. A metalurxia do Bronce Final na colección arqueolóxica da Universidade de Santiago de Compostela, unha mostra itinerante que este xoves 26 de novembro se abrirá no Museo de Pontevedra, onde permanecerá ata o 2 de febreiro.

A exposición está promovida polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit),.e ofrece unha aproximación á metalurxia da Idade do Bronce Final (c. 1300-850 a. C.) na fachada atlántica europea. Conta con 22 pezas metálicas, na súa maioría machadas de bronce, en cuxos traballos de investigación e restauración participaron un equipo de expertos dirixido por Xosé-Lois Armada, investigador Ramón e Cajal do Incipit e comisario da exposición.

Os obxectos forman parte das antigas coleccións arqueolóxicas de Santiago de la Iglesia, Federico Maciñeira e José Viqueira Barrio, que foron doadas á Universidade de Santiago de Compostela (USC) entre os anos 1927 e 1948 e que na actualidade forman parte da colección arqueolóxica da USC. Cabe destacar tamén a presenza dunha punta de lanza de gran tamaño, achada na parroquia de Deixebre (Oroso) e que conta con paralelos, pezas de similares características, elaborados en Irlanda.

Fonte: Armada et al. (CSIC).
Fonte: Armada et al. (CSIC).

Segundo a organización, esta exposición “non só abre unha porta á Prehistoria, senón que tamén posúe unha biografía recente que resulta, en moitas ocasións, igual ou máis reveladora. De feito, o título da mesma fai referencia ás cinco vidas polas que xa pasaron estes obxectos e que se inician coa súa elaboración e terminan cos últimos estudos realizados polo Incipit”.

Reconstrución en 3D

Ademais, móstrase interesante documentación inédita, negativos fotográficos en placa de vidro ou publicacións antigas que permiten coñecer a historia das devanditas coleccións e o seu proceso de incorporación na Universidade. Tamén forma parte do discurso expositivo todo o proceso de investigación e restauración. Para a ocasión creáronse ademais modelos 3D, que permitirán unha detallada visualización de parte das pezas en computadores e dispositivos móbiles. Estes modelos achegan un elevado grao de detalle, xa que o proceso de escaneado emite unha luz láser que permite rexistrar a superficie da peza cunha precisión e densidade superiores ao milímetro.

Tras a súa elaboración e uso, uns 3.000 anos antes de agora, os obxectos que se exhiben nesta mostra foron retirados da circulación e enterrados, formando acumulacións de metal, un fenómeno que abarca amplas áreas do continente europeo e cuxo significado aínda constitúe unha incógnita. De feito, as pezas foron recuperadas a finais do século XIX, a miúdo durante labores agrícolas e de forma casual. No caso concreto de Galicia, acháronse en diversos lugares das provincias de A Coruña, Ourense e Lugo, concretamente nos termos municipais de Ortigueira, As Pontes, Verín ou Vilalba, entre outros. Finalmente, foron parar a mans de coleccionistas eruditos que, ao final das súas vidas, decidiron doar as súas coleccións á universidade, onde seguen sendo estudadas e hoxe forman parte do seu acervo patrimonial.

A exposición, de carácter itinerante, mostrouse anteriormente en Santiago de Compostela e A Coruña, e prevese algunha outra parada. No Museo de Pontevedra estará aberta ao público desde o 26 de novembro e ata o 2 de febreiro no Edificio Sarmiento, onde pode visitarse gratuitamente de martes a sábado de 10 a 21 horas e domingos e festivos de 11 a 14 horas. Os días 24, 25, 31 de decembro, 1 e 6 de xaneiro o Museo permanecerá pechado.

“Na actualidade, as investigacións lideradas desde o Incipit permitiron reconstruír esta apaixonante historia e mostran que, tres milenios despois, estes obxectos teñen aínda moito que contarnos. Os traballos realizados comprenderon a documentación exhaustiva das pezas, a súa análise arqueométrica, mediante técnicas como a Fluorescencia de Raios X (FRX) ou os isótopos de chumbo, a restauración de toda a colección e a reconstrución da súa historia e vicisitudes a través de numerosa documentación inédita”, destaca Xosé Lois Armada.

O estudo dos obxectos foi realizado por persoal científico e técnico do CSIC e a restauración das mesmas correu a cargo de Yolanda Porto, xerente de ‘Fráxil’ e restauradora cunha dilatada experiencia en conservación do patrimonio arqueolóxico. Pola súa banda, os modelos 3D son da autoría de Alejandro Güimil e Patricia Mañana, de ‘Dimenso’. O deseño e idea da exposición foi efectuado por ‘Kultura. Ideas e estratexias para o Patrimonio SL’. O financiamento das investigacións e da propia exposición corre a cargo da Axencia Galega de Innovación (GAIN – Xunta de Galicia) a través da súa convocatoria de Proxectos de Excelencia.


Está dispoñible na rede un catálogo sobre a exposición, que pode descargarse gratuitamente no repositorio dixital do CSIC, nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.