Os castiñeiros sen fin do Souto de Rozavales

A carón da estrada que une Manzaneda coa Pobra de Trives, chegando ao lugar de Rozavales, aparecerá a un lado un prado salpicado de castiñeiros (Castanea sativa) de cando en vez. Parece un calquera, pero uns paneis á beira da vía e unha sinal poden facer, posiblemente, que o viaxeiro se deteña, curioso, a ver que hai aquí. É o Souto de Rozavales, un Monumento Natural con árbores que xa existían cando a pataca aínda non chegara a Galicia e a castaña era un alimento esencial na dieta dos paisanos.

O lugar atópase nunha das vías de entrada ao Macizo Central de Ourense. Moi preto de aquí, de feito, pode tomarse unha das vías de acceso a Cabeza de Manzaneda, onde está a única estación de esquí de Galicia e que ten tamén fermosos miradoiros para contemplar unha boa parte da provincia ourensá. Rozavales está algo máis baixo, a uns 680 metros de altura.

Publicidade

O de Pumbariños, no Souto de Rozabales, en Manzaneda, é un dos castiñeiros máis senlleiros de Galicia. Imaxe: Xunta de Galicia.
O de Pumbariños, no Souto de Rozabales, en Manzaneda, é un dos castiñeiros máis senlleiros de Galicia. Imaxe: Xunta de Galicia.

As condicións nas que se empraza o souto son idóneas para este tipo de formacións. Está emprazado sobre unha área de granitos calcoalcalinos deformados, en lixeira pendente cara ao val que forma o río de San Lázaro. O clima da zona, no dominio oceánico de montaña, ten unha precipitación anual de arredor de 1.000 litros/metro cadrado e unha temperatura media de 11ºC.

Aínda que está considerado un Monumento Natural desde o ano 2000, é evidente a man humana detrás da formación do Souto de Rozavales. É un claro exemplo de bosques adevesados de castiñeiros sementados e enxertados polos campesiños. Deles obtiñan, ademais da castaña como alimento, a madeira rexa dos soutos para construír as súas casas e quentar o lar. A acción humana apréciase na distribución dos exemplares, plantados en ringleiras.

Publicidade

O Castiñeiro de Pumbariños

A xoia de Rozavales é o Castiñeiro de Pumbariños, incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. As súas dimensións son colosais; para facerse unha idea, precísanse arredor dunha decena de persoas para rodealo, xa que ten uns 13 metros de perímetro na base.

A súa idade estímase arredor dun milleiro de anos. Conserva o seu tronco íntegro e, a unha altura de case dous metros, saen do cerne principal dous enormes brazos que superan respectivamente os seis e os sete metros de corda. Á vez, as ramas que agroman destes troncos secundarios ábrense ata formar unha copa de 20 metros de diámetro, que se ve espectacular nas estacións de primavera e verán.

Aínda que resistiu ata a actualidade, o seu estado de saúde é delicado. As continuas amputacións e outros impactos humanos, así como a acción dalgúns fungos que o debilitaron obrigan a prestar especial atención á súa conservación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa proxecta a perda do 75% da área idónea do castiñeiro en Galicia en 80 anos

O investigador Dominic Royé atribúe o declive do hábitat da árbore galega á subida das temperaturas e ao descenso da humidade

Galicia supera as 200 árbores senlleiras coa incorporación de oito novos elementos

Un exemplar de cerquiño en Santigoso e unha araucaria no pazo de Lourizán son algúns dos novos monumentos vexetais galegos

Cantas árbores senlleiras hai no teu concello? Consúltao neste mapa interactivo

A través dunha aplicación dixital podes localizar os preto de 200 monumentos vexetais catalogados en Galicia

Seis reliquias da natureza: estas son as novas árbores senlleiras de Galicia

Dúas secuoias, un conxunto de ciprestes, un cedro, unha sobreira e unha formación de camelias son as novas incorporacións ao catálogo