Non te fíes do que din do teu cerebro: Nin usamos o 10% nin os hemisferios nos definen

O funcionamento do órgano non é tan descoñecido como se cre, e ao tempo resulta máis complexo do que algunhas crenzas expoñen

“Sabías que o ser humano usa só o 10% da capacidade do seu cerebro?” Cantas veces escoitaches ou puideches ler esta frase? O mito está moi espallado, e utilízase en todo tipo de contextos para aludir ao suposto potencial que aínda temos por explotar dentro da nosa cabeza. E mesmo é un recurso para facer negocio a través dos supostos programas de autoaxuda.

Mais non é a única crenza errónea estendida sobre o tesouro que agochamos no cranio. Porque desde logo que o cerebro é un prodixio da natureza, xa que o seu desenvolvemento permitiu que fose o ser humano, e non outra especie, o que conseguise progresar nun terreo hostil e conseguir milagres como que ti poidas estar lendo isto agora mesmo a través dun aparello que hai apenas medio século era ciencia-ficción. Ás veces, para explicar as altas capacidades dunha persoa en determinadas disciplinas, fálase da preponderancia dun hemisferio sobre o outro. Dise, por exemplo, que quen dispón dun hemisferio dereito máis desenvolvido terá unha enorme habilidade creativa para a arte. Pois ben, esquece todo isto: o cerebro segue agochando algúns misterios, como os que desencadean a aparición de enfermidades como o Párkinson ou o Alzheimer. Pero nin estamos utilizando unha pequena parte da súa capacidade nin os hemisferios determinan a nosa vida.

Hai quen de feito lle atribúe a Albert Einstein, unha das grandes mentes da historia da humanidade, o mito de que toda persoa é un xenio en potencia se é quen de aproveitar toda a súa materia gris. Se puidésemos usar ese 90% que estaría aí dentro, como latente, a nosa vida mudaría radicalmente. Pero que acontece realmente?

“É un mito que xurdiu hai tempo, con pouca base científica, e que pouco a pouco foi potenciándose; hai todo un ‘mundillo’ que vive destes temas, de ‘vender’ supostos poderes extrasensoriais do cerebro, e que segue propagando esta mensaxe, pero isto non é así”, di José Luis Labandeira, catedrático de Anatomía Humana da Universidade de Santiago de Compostela e experto en neuroloxía.

Segundo o investigador, “o cerebro funciona todo el, está funcionando ao 100%”. O que non é obstáculo, por exemplo, “para que haxa persoas que teñan áreas ou determinadas redes de neuronas que funcionalmente son máis activas, cun hiperdesenvolvemento que lle outorga maiores capacidades; pero isto non quere dicir que o resto teñamos só o 10% funcionando”. De feito, determinadas funcións poden potenciarse a través da aprendizaxe e o adestramento.

Unha das evidencias que desbota este mito é, segundo Labandeira, a aparición de lesións cerebrais que lastran en boa medida a vida cotiá dalgunhas persoas. “Hai zonas que teñen unhas funcións máis visibles, como as áreas relacionadas coa comunicación, e outras que fan o seu traballo de forma menos evidente; así algunhas lesións maniféstanse en problemas máis notorios, e noutros casos parece que non pasa nada, pero si pasa”. Nestas situacións, estas áreas “poden ser suplidas por outras, pero iso non quere dicir que haxa partes que non estean funcionando”. “Iso é un mito”, conclúe.

Os hemisferios

A suposta división do cerebro en dous hemisferios notablemente diferenciados é outra das crenzas populares que serve ás veces para explicar as habilidades das persoas. Pero tampouco isto é certo. Ser máis creativo, máis emocional ou máis analítico non depende simplemente diso. A dominancia existe, pero forma parte dunha rede moi complexa e interconectada.

“Hai un feito real que é a dominancia, pero outra cousa son unha serie de conxecturas que se derivan de aí e son un mito”, apunta o catedrático da USC. “O tema da dominancia fíxose especialmente patente coa linguaxe, porque é unha función moi exteriorizada, que se ve ademais cando xorden as patoloxías: se unha persoa ten unha lesión no hemisferio esquerdo, pode perder a linguaxe ou aspectos moi importantes del. Pero se esa mesma lesión se produce no outro hemisferio apenas pasa nada, ou son máis imperceptibles”.

Mais non todo é tan sinxelo, expón Labandeira. “No dereito temos outras funcións, como a capacidade de cálculo ou a orientación espacial. Pero realmente, as portas de entrada e saída de información no cerebro teñen unha representación bilateral bastante clara; abonda con ver que temos dous ollos, dúas orellas…”, explica o investigador.

Así o conclúe o profesor: “A medida que a asociación das redes neuronais é máis complexa, en funcións como a linguaxe, a interpretación dos rostros ou o cálculo matemático, adoita haber unha maior dominancia unilateral, pero realmente estas zonas xestionan moitísima información que procede de todo o cerebro”.

Dentro disto, como explicaba o investigador ao comezo do texto, “hai persoas que teñen determinadas áreas máis desenvolvidas ca outras; pero non é correcto dicir, como se adoita ler ou escoitar, que alguén ten un cerebro auditivo, ou un cerebro visual. Ese concepto de dominancia é incorrecto”, conclúe José Luis Labandeira.


Coa colaboración de

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.