As maniotas melloran con auga e azucre?

Evitalas ou diminuílas é posible preparando sobre todo o noso corpo para o exercicio e esquecendo bebidas prometedoras que poden ser prexudiciais para a nosa saúde

Non conseguir poñerse de pé ou simplemente levantar os brazos polo doloroso que pode ser, é algo que acontece cando facemos un exercicio intenso ou prolongado forzando os nosos músculos. É o que se chama ter maniotas.

Antes pensábase que eran resultado do ácido láctico que produce o noso metabolismo cando facemos exercicio e que, en forma de cristais, depositábase nos nosos músculos, como pequenas agullas, provocando unha dor intensa. Pero a ciencia ten hoxe outra resposta sobre a orixe das maniotas.

“As maniotas son dores musculares que aparecen, normalmente, pouco despois de facer exercicio. Son moi molestas e, tradicionalmente, sempre se identificaron con depósitos de ácido láctico que produce o noso metabolismo. Críase, de feito, que cando faciamos un exercicio intenso, depositábanse nos nosos músculos, como pequenas agullas, causando moita dor. Grazas a estudos recentes, existe a evidencia de que isto non é así, que o ácido láctico enseguida se metaboliza e non causa dor nos músculos. Hoxe cremos que as maniotas son pequenas lesións, pequenas microfisuras nas fibras musculares provocadas precisamente polo exercicio intenso”, explica Rosaura Leis, catedrática de Pediatría e profesora e investigadora en Nutrición na Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Cae un mito, a auga con azucre non axuda

A resposta á nosa pregunta de hoxe non se fai esperar. Como nos confirma a científica da USC, se a auga con azucre era a solución para evitar a produción de ácido láctico e diminuír así a dor das maniotas, o remedio tradicional perde agora todo o seu sentido xa que o que doe son as microfisuras que se producen nos músculos cando facemos un exercicio demasiado intenso.

Rosaura Leis insiste en que a hidratación é necesaria, si, para recuperar o sodio ou o potasio, por exemplo, que perdemos cando suamos ao facer exercicio. De feito, hoxe atopamos no mercado moitas bebidas que prometen axudarnos a recuperar estes elementos pero, Leis, fai unha precisión ao respecto:

Rosaura Leis é catedrática de Pediatría e profesora e investigadora en Nutrición na Universidade de Santiago de Compostela.

“Efectivamente, cando un fai exercicio, unha boa hidratación é algo moi importante, e, segundo o tipo de exercicio, pode ser beneficioso incluso o consumo de bebidas que teñan auga, sodio, potasio e azucre, que é un nutriente que nos dá enerxía para realizar os movementos musculares. Pero temos que ter moito coidado con outro tipo de bebidas que eu chamo estimulantes porque, ademais de todos os compoñentes dos que falamos, tamén inclúen substancias, ás veces en cantidades moi elevadas, como a cafeína ou outros estimulantes que teñen efectos sobre o noso organismo. Por iso non é aconsellable o seu consumo, sobre todo os nenos e os adolescentes”, explica a profesora da Facultade de Medicina.

Unha dieta equilibrada, a mellor prevención

Rosaura Leis lémbranos tamén os límites establecidos pola Organización Mundial da Saúde (OMS) respecto ao consumo de azucre que, segundo as indicacións, non pode superar o 5% de todas as calorías que consumimos cada día. Tamén por iso nos advirte sobre moitas das bebidas con auga e azucre que prometen axudarnos a recuperar a forma sen a dor das maniotas despois de realizar exercicio.

Intentar evitalas ou diminuír a súa intensidade sería o máis intelixente e para iso, Leis teno moi claro: “Só unha dieta equilibrada, variada e diversificada, será o que nos permita prepararnos para facer exercicio e reducir así as posibilidades de sufrir maniotas. Isto non significa que non poidamos tomar un pouco de auga con azucre, pero é a nosa dieta a que nos aportará enerxía e a que nos aportará as proteínas, os hidratos de carbono, as graxas saudables e todos os compoñentes funcionais que ten unha dieta para conseguir o mellor estado físico posible para a realización de exercicio na nosa vida diaria”, afirma.

Un pouco de frío, a solución inmediata

A OMS aconsella realizar unha hora de actividade física ao día para manternos nun bo estado de saúde. Se optamos por facer exercicio, ademais dunha dieta equilibrada e unha boa hidratación, Leis preconiza preparar os nosos músculos antes de comezar para evitar forzalos e tamén ao finalizar para que volvan á súa posición normal, é dicir, cando están en estado de repouso.

Pero se malia esta preparación sufrimos finalmente a terrible dor das maniotas, a catedrática da USC déixanos un consello para saber o que podemos facer:

“A solución cando tes maniotas é sinxela: chegas á casa, aplicas frío no músculo que che doe para diminuír a inflamación que causa esta dor e favorecer a recuperación, fai unha dieta equilibrada e saudable, bebe, hidrátate ben e vai movendo pouco a pouco o músculo. É aconsellable tamén, se pode ser, por se temos moita dor ou se a situación se repite, ter un bo asesoramento dun profesional de actividade física ou sanitario, isto é fundamental. Pero eu quero insistir, antes de rematar, en que prepararse para o exercicio é esencial. Temos que facer uns bos estiramentos antes do exercicio e unha vez que finalice, e, sobre todo, nunca forzar os nosos músculos cando traballamos con eles”.


Proxecto desenvolvido en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A contaminación atmosférica podería estar detrás do aumento das crises de xaqueca

Un estudo internacional sinala que o número de visitas ao hospital de persoas con síntomas aumenta durante os días nos que hai maiores niveis de polución

A apaixonante historia do Casco de Leiro, a xoia prehistórica que atopou un veciño de Rianxo hai 50 anos

Décadas despois do seu descubrimento, a peza de ouro aínda mantén varias incógnitas sobre a súa orixe e funcionalidade

Unha nova Unidade Mixta da USC impulsa terapias innovadoras en cancro e enfermidades inflamatorias

A colaboración con SunRock Biopharma integra grupos do CiMUS para validar candidatos terapéuticos en fases temperás