Venres 29 Marzo 2024

Corte de dixestión, a clave é a temperatura

Agardar dúas horas despois de comer para meternos na auga pode levar a engano porque a clave non é o tempo, senón evitar un cambio brusco de temperatura corporal

A quen non lle dixeron algunha vez non te metas aínda no mar ou non te poñas a facer exercicio que acabas de comer? Unha advertencia que pode ser correcta para evitar riscos pero que non é de todo acertada. De feito, o coñecido “corte de dixestión”, é en realidade un tipo de choque térmico chamado hidrocución e a clave non é ter comida no estómago senón o cambio brusco de temperatura. Un cambio que pode provocar desaxustes no noso organismo se os mecanismos cos que o noso corpo mantén constante a súa temperatura deben actuar de maneira precipitada, asegura o catedrático de Fisioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USCVictor Arce.

“Polos nosos hábitos, moitas veces isto ocorre no verán cando temos costume de comer máis ao mediodía. Trátase en moitos casos da comida principal e coincide coas horas de máis calor, entón, se nos metemos de repente na auga fría, danse todas as circunstancias para que se produza un choque térmico e aparezan algúns dos síntomas máis claros que son as náuseas e os vómitos. Creo que é normal que isto se asocie co que se chama un corte de dixestión porque, en certa medida, non é que se corte pero si é certo que estamos quitando sangue do aparato dixestivo e iso fai que a dixestión vaia máis lenta con esas manifestacións de náuseas ou vómitos, por exemplo”, explica o fisiólogo.

Publicidade

Unha redistribución acelerada do fluxo sanguíneo

Un dos mecanismos que utiliza o noso organismo para manter a temperatura constante é a redistribución do sangue. Se estamos, por exemplo, nun ambiente de moita calor, hai moita circulación sanguínea pola superficie do noso corpo e vemos as veas que están inchadas, por exemplo. Esta é a maneira que temos de disipar calor. Ao contrario, cando estamos nunha contorna máis fría o que facemos é retirar sangue da superficie do corpo para tratar de aforrar calor.

Cando estamos nunha contorna fría retiramos sangue da superficie do corpo para aforrar calor

Pero se a adaptación a un cambio brusco de temperatura forza que eses mecanismos fisiolóxicos reaccionen de maneira acelerada, pódense producir mareos, pode aparecer visión borrosa e tamén chega menos sangue ao aparato dixestivo. “E, como dixen, se estamos facendo nese momento a dixestión aparecerán náuseas, vómitos e, en casos máis graves que afortunadamente son os menos frecuentes, poden incluso aparecer problemas máis serios como unha parada cardiorrespiratoria, aínda que non é o habitual”, asegura Arce.

“Outro exemplo de adaptación brusca é cando nos poñemos a facer exercicio despois de comer xa que temos que achegar moito sangue aos músculos. E isto quere dicir que o noso sistema circulatorio pode que non sexa capaz de satisfacer as necesidades de dous procesos distintos que se están levando a cabo ao mesmo tempo, por unha parte o exercicio e por outra a dixestión. Unha comida copiosa, exercicio e calor, non é unha boa asociación independentemente de que nos metamos na auga ou non”, afirma o catedrático da USC.

Dúas horas que nos poden levar a engano

Para Victor Arce, o problema de establecer o vello límite de dúas horas de espera antes de meternos no mar ou na ducha despois de comer é que se pode crear unha imaxe de falsa tranquilidade. O fisiólogo fai un chamamento á responsabilidade individual e ao sentido común.

Dúas horas de espera antes de meternos no mar ou na ducha pode ser pouco tempo nalgúns casos e excesivo noutros

“Dúas horas pode ser pouco tempo nalgúns casos e pode ser excesivo noutros. É dicir, unha persoa que comese moito, comida difícil de dixerir con moitas graxas e nunha contorna de moita calor, se se mete de repente na auga fría ás tres da tarde aínda que comera á unha, corre un risco moi alto. Esa mesma persoa, se fai unha comida menos copiosa, se come pouco, se se mete na auga amodo e vai vendo que se vai adaptando ben á temperatura, pois non vai ter ningún risco. Entón, eu creo que é mellor coñecer cales son os procedementos a seguir que non esperar dúas horas porque pode crear unha imaxe de falsa tranquilidade que realmente non existe”, insiste o fisiólogo.

Como reaccionar ante un choque térmico

Pero que facer se aínda sendo precavidos sentimos que algo está a acontecer? Victor Arce dános algún consello e alerta do perigo de sufrir unha hidrocución cando estamos dentro da auga nós ou outra persoa.

O catedrático da USC Victor Arce.
O catedrático da USC Victor Arce.

“Cando sufrimos un choque térmico dentro da auga, iso engade un factor máis de risco. Se temos un pequeno mareo en terra podemos sentar, pedir axuda e agardar tranquilos ata que se solucione. Pero se nos acontece na auga, podemos perder o coñecemento e chegar a afogar. Creo que isto é unha das razóns polas que se lle deu sempre moita importancia ao chamado corte de dixestión”, explica.

“Pero se vemos que a alguén lle pasa, engade para rematar Arce, entón aí depende das circunstancias. Se estamos nun sitio no que podemos acompañar á persoa, se está fóra da auga, pois camiñar con ela é o correcto. Pero se a persoa está nadando e pode afundir, o normal é buscar axuda porque o que pode ocorrer é que os que non somos profesionais do rescate, se non o sabemos facer ben pois podemos ter problemas tamén nós. É unha situación complexa no caso de que ocorra nun sitio onde a persoa se pode afundir pero o ideal, como digo, nese caso, sería buscar axuda”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As plantas non nativas aceleran a desaparición dos ameneiros galegos

As árbores centroeuropeas que se importan para restaurar as plantacións afectadas por unha doenza fúnxica producen uniformidade xenética

Un novo método da USC axudará a combater o furtivismo marisqueiro en Galicia

Tres investigadores estiman que entre 2012 e 2020 máis de 1.700 persoas extraeron de forma ilegal 660 toneladas de marisco

Investigadoras galegas constatan que as mulleres autistas camuflan máis os seus síntomas

O enmascaramento provoca retrasos no diagnóstico e problemas de saúde mental derivados da presión social

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos