Pode caer un raio dúas veces no mesmo sitio?

Grazas aos pararraios a humanidade non teme hoxe as tormentas e o seu poder destrutivo, pero o lugar onde caen as descargas ten pouco de azar e moito de fondo científico

Miles de raios caen todos os días no noso planeta, tanto no inverno como no verán, pouco importa. Esas descargas eléctricas de grande intensidade poden chegar a supoñer a morte das persoas ou dos animais se son atinxidos, a destrución dunha vivenda ou dun monumento, e ata a perda dun bosque polos incendios que poden provocar.

Protexerse en caso de tormenta eléctrica é importante e aconsellable, sobre todo cando vemos o lóstrego e pouco despois ouvimos o trono. Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), explícanos o cálculo que nos pode axudar a evitar riscos se o mal tempo nos colle de improviso:

Publicidade

“A visión do lóstrego e o ruído do trono que nos chega son dous fenómenos que nos permiten saber a que distancia se están producindo as descargas, porque a luz chéganos de xeito practicamente inmediato, mentres que o son vaise propagando á velocidade do son no aire, que son uns 340 metros por segundo. Polo tanto, o que temos que facer é contar os segundos que hai desde que aparece o lóstrego ata que nos chega a nós o son do trono. Deste xeito, se pasan 3 segundos desde que vimos o lóstrego ata que ouvimos o trono, iso quere dicir que o raio caeu nun punto que está a un quilómetro de nós”.

Un papaventos e unha chave para protexernos dos raios

Ficción ou realidade, a historia conta que no século XVIII Benjamin Franklin, científico e un dos pais fundadores dos Estados Unidos de América, empregou como ferramentas un papaventos e unha chave para conseguir atraer as descargas eléctricas das nubes cara a un punto determinado no chan. Foi así como Franklin inventou o primeiro pararraios da historia, creando unha canle de preferencia para a descarga dos raios nun núcleo de poboación, por exemplo.

Publicidade

“Para entender cal é o fundamento dun pararraios temos que decatarnos de como funciona a chamada electroestática, é dicir, como se acumulan as cargas eléctricas nunha superficie dun obxecto. Se temos un obxecto plano, pero que de repente ten unha punta, unha parte que sobresae, as cargas eléctricas vanse concentrar preferentemente nesa zona. Polo tanto, desde a parte máis alta dunha nube que está cargada e que está desexando botar para fóra o exceso de potencial eléctrico, ao mirar para o chan, vai tender a dirixirse ao punto que teña máis densidade de carga, porque esa é a zona que está pedindo reequilibrar esa carga que ten aí solta. Como digo, as puntas van ser os lugares nos que preferentemente caia un raio e esa é a idea do invento de Franklin: que o pararraios sexa unha punta que sobresae máis que nada ao seu redor”, dinos o catedrático da USC.

Jorge Mira é catedrático de Electromagnetismo na Universidade de Santiago.

Os raios poden e deben caer sempre no mesmo lugar

Jorge Mira sorrí ante a pregunta de se as descargas eléctricas poden escoller dúas veces o mesmo obxectivo e lémbranos que os pararraios, xustamente, están feitos para iso, para que os raios caian sempre sobre eles neutralizando así o perigo na zona que os rodea.

Nos lugares sen protección, o científico precisa: “Calquera zona que sobresaia, por exemplo unha árbore nunha chaira, vai facer un efecto análogo ao pararraios. Esa árbore vai ser o punto no que vai haber maior acumulación de carga, e polo tanto vai ser o punto máis probable no que caia ese raio varias veces. Pero ademais da morfoloxía, hai outra circunstancia que pode ser importante, a propia condutividade do terreo. Se estamos nunha zona na que existe unha presenza importante de metais ou na que a condutividade sexa máis alta por algunha razón, iso vai favorecer tamén que aí caia o raio”.

As árbores, a peor escolla para protexernos da tormenta

Mira tamén evoca o azar como explicación da caída dun raio nun lugar sen características determinantes e preconiza o uso dun pararraios, se a situación se repite e o risco é importante. “Hai unha parte que é azarosa, temos que telo en conta para non estar extremadamente preocupados se algunha vez caeu un raio nun lugar que non teña características acusadas. Pero se volve acontecer e o risco é importante o mellor é pensar nun pararraios. Se tes unha granxa de vacas e un raio che matou corenta animais e ao ano seguinte volveu acontecer, pois o normal sería instalar un sistema de protección como o pararraios. Neste caso non hai dúbida”, afirma.

O catedrático de Electromagnetismo aconséllanos, para finalizar, evitar sempre ser a punta máis sobresaínte dun lugar se nos atopamos nunha zona moi chaira, en caso de tormenta eléctrica. “Refuxiarse debaixo dunha árbore sería unha equivocación porque estariamos ao pé do elemento que máis sobresae no terreo. Isto é válido para as árbores ou para calquera outra cousa que sobresaia, ese non sería o lugar ideal para protexernos”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O sur da provincia de Lugo rexistra máis de 400 raios en apenas 12 horas

Meteogalicia volve activar o aviso amarelo este mércores por treboadas en Ourense, así como no sur e na montaña lucense

Galicia rexistra máis de 100 raios en apenas 24 horas

A maior concentración de descargas eléctricas durante o 1 de maio produciuse en Vilagarcía de Arousa, sobre todo na franxa do mediodía

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204
00:05:02

Poñer a roupa ao clareo do Sol, funciona?

É unha técnica tradicional para branquear a roupa que seguimos empregando hoxe. A ciencia confirma a eficacia dos raios solares como o mellor desinfectante natural