Sábado 20 Abril 2024

O noso libro de instrucións: así traballa Anxo Carracedo

O laboratorio do científico resolve desde Santiago algúns dos casos máis complicados nos que hai que recorrer ao estudo do ADN

Por Sabela Freire López / Estudante de Xornalismo da USC

O ADN podería considerarse a molécula da vida. É un libro moi grande de instrucións que ten calquera forma de vida. Está todo escrito nunha linguaxe que son catro letras: A T C G, con palabras de tres letras e con instrucións que nos indican que se nos formen os ollos, a hemoglobina, o nariz, o pelo, que nos crezan as extremidades… Todo está escrito aí. Temos 22.000 instrucións cuns xenes.

Publicidade

O ácido nucleico pódese sacar moi facilmente de calquera cousa que teña vida. Podemos ler as letras do libro con máquinas e cunha técnica que descubriu Fred Sanger. Fred foi un bioquímico británico e recibiu por este achado o seu segundo premio Nobel de química.

No libro están as claves de moitas cousas: está a clave da nosa vida, da nosa morte, das enfermidades, do cancro… está a clave de case todo. Tamén está a chave das nosas diferenzas. E no laboratorio poden lelo. Anxo Carracedo e o seu grupo traballan habitualmente co ADN a través de aplicacións do máis distintas.

Como o poden ler, pódeno aplicar para resolver cousas que interesan. Por exemplo, dentro da parte forense, para investigar a unha persoa que deixou o seu ADN en certo lugar ou obxecto. Como cada un temos o noso propio ADN, podemos saber así quen deixou a mostra e si foi el ou ela quen cometeu o delito. No caso dunha enfermidade, pescudan que letra ten mal no xenoma para saber por que lle pasou iso. Por exemplo, a un neno que naceu cun problema de saúde ou un cancro, que son tamén mutacións, cambios de letras nalgúns xenes. Teñen a capacidade de  saber que mutacións ten, porque aí se atopa o tipo de cancro, o prognóstico, o tratamento… Conseguen ata diagnosticar enfermidades que poden ter cada un deses 22.000 xenes, xa que si nos falla unha instrución de calquera cousa, temos un problema.

O ADN pode servir ata para entender a nosa historia, porque isto hérdase de pais a fillos. Entón, podemos ir para atrás e ver como se herdou cada libro, ata chegar aos libros máis antigos da humanidade, que se atopa en África, porque vimos de alí. Como sabemos cada canto tempo cambia algunha letra, no libro podemos saber o tempo que levamos aquí na Terra, que levamos 200.000 anos. Tamén podemos saber entre outras, as nosas migracións e a nosa historia. “Todas estas aplicacións son as que facemos ao día a día no meu grupo de laboratorio, que é un grupo moi grande de xente do que estou moi orgulloso”, destaca o xenetista, que sempre reseña a importancia do traballo en equipo.

Na parte forense, antes de existir ou coñecer o ADN tiñan moitas dificultades. “Eu cando empecei non se podía ler o ADN, Fred Sanger non o descubriu, descubriuno no ano 77 e déronlle o Nobel no 80”, explica Anxo Carracedo. Moito máis adiante outro home conseguiu ler as letras do libro. Alec Jeffreys, xenetista británico, descubriu que había follas do libro na que eramos moi distintos e deuse conta da importancia que tería para os forenses, porque hai follas nas que somos moi dispares.

Kary Mullis, bioquímico, autor e divulgador estadounidense, descubriu unha técnica para fotocopiar follas miles de millóns de veces. Iso significaba que, con deixar un pequeno rastro tocando calquera obxecto, como as podemos fotocopiar miles de millóns de veces, podémolo ler. A técnica que descubriu el chámase PCRY.

No ano 1990, xa eran capaces de obter un perfil de ADN que identificaba a un individuo a partir dunha mancha de sangue do tamaño da agulla dun alfinete. Hoxe en día pódeno facer de calquera cousa. “O noso grupo contribuíu moito a descubrir por exemplo moitas das páxinas que se empregan, 22 páxinas do libro. Aínda que é un libro como a catedral de Santiago, só empréganse 22 porque son suficientes en todos os laboratorios do mundo e varias foron descubertas por nós”, engade o catedrático de Medicina Legal da USC.

Poden facer cousas que parecían de ciencia-ficción con desenvolvementos do seu grupo. Anxo Carracedo expón un exemplo: “Se eu toco aquí, algo deixei de ADN, aínda que sexa pouco, pero imaxínate que non se saiba quen é. Pois os mozos do noso laboratorio poden dicir de que cor teño os ollos, o pelo, a pel, que idade teño cun marxe de erro de dous anos, se son español, ou marroquí, ou grego. Pódenme dicir de onde son exactamente”. Pódense facer retratos robot de individuos sen ter apenas nada. Na parte forense están todos os días innovando, axudando á policía e aos xuíces a facer este tipo de cousas.

O seu laboratorio traballou nalgúns casos mediáticos nos últimos anos. Son un laboratorio de referencia e fan, moitas veces, o que outros laboratorios non poden. “Se é un caso importante pero fácil non nos chega, expón Carracedo. Entre outros, foron partícipes na resolución de moitos casos como, por exemplo: o 11-S, o tsunami de 2004 no sureste asiático, o 11-M, o caso de Eva Blanco, o de José Bretón, o neno Emmanuel, o caso dunhas nenas asasinadas en Noruega, etc.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

MC1R, o xene dos roibos: así acurralou a xenética o asasino de Narón

*Un artigo de Estes últimos días saltou á prensa o caso...

Desenvolven virus artificiais para aplicalos en terapias xenéticas

Investigadores de EEUU crean nanomateriais prometedores para o tratamento de enfermidades raras e cancro, así como de medicina personalizada

Un equipo galego identifica novos xenes responsables da severidade da covid

O estudo, que acaba de publicarse na revista Nature, localiza 49 alteracións xenéticas que poden facilitar a creación de novos tratamentos

Que desvela o estudo xenético da momia da infanta Leonor de Castela?

Descubrimos cal era o aspecto físico, a cor do cabelo, pel e ollos dunha das fillas do rei Afonso X o Sabio, cuxa apariencia era descoñecida ata o de agora