Imaxinas que a predición meteorolóxica de hoxe non estivese lista ata dentro de tres días? Ou que Chat GPT non existise e aínda se tardaran 355 anos en desenvolver este asistente de intelixencia artificial? É ben difícil poñerse en calquera dos dous escenarios. A imposibilidade de ambos debémosllo á computación de alto rendemento (HPC, polas súas siglas inglés). Ou dito doutro xeito: grazas aos superordenadores, capaces de executar programas con moitos rendementos computacionais de forma eficiente. No novo capítulo de O Descodificador, o podcast de GCiencia en colaboración co CITIC, falamos máis polo miúdo dos sistemas HPC da man de María José Martín Santamaría e Diego Andrade Canosa, investigadores do centro da Universidade da Coruña (UDC).
“A predición meteorolóxica, simulacións do cambio climático, modelos sobre o comportamento do noso corpo para detectar enfermidades xenéticas, medicamentos que teñan en conta o noso perfíl xenético, a industria da animación…”. Así enumera Martín Santamaría a longa lista de aplicacións da computación de alto rendemento. En resumidas contas, serve para facilitarnos o noso día a día. Como exemplo, fai mención a O bosque animado, sentirás a súa maxia, unha película galega de animación de 2001 que empregou, precisamente, os sistemas HPC. Segundo se describe no podcast, o renderizado das imaxes levouse a cabo no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).
Os inconvenientes
Pese á multitude de aplicacións e funcións que ten a computación de alto rendemento nas actividades cotiás, algunhas delas case imprescindibles, estes sistemas tamén teñen inconvenientes. Entre os que sinalan os investigadores do CITIC está o seu elevado consumo enerxético e o seu exacerbado custo. “Son moi caros, da orde de millóns de euros. Son investimentos que só poden ser abordados por grandes corporacións ou grandes organismos públicos. En Galicia só temos un superordenador, que é o Finisterrae III, que está no CESGA”, explica Andrade Canosa. Amais disto, o científico do CITIC detalla que o gran consumo enerxético dos sistemas HPC débese, fundamentalmente, ás súas necesidades de refrixeración.
Unha pincelada de historia
Os investigadores do CITIC tamén afondan no novo episodio de O Descodificador, que xa podes escoitar en todas as plataformas de podcast de GCiencia, na historia da supercomputación. O primeiro sistema data de 1964, aínda que os antecedentes da HPC poderían atoparse antes dos anos 60, dado que xa había necesidades de executar programas de forma máis áxil. De feito, o gran punto de inflexión foi a Segunda Guerra Mundial, cando se precisaban de sistemas potentes para decodificar as mensaxes dos nazis e predicir as traxectorias balísticas. Con todo, dende hai seis décadas produciuse unha “tremenda evolución”. Ás máquinas dos anos 60 tardarían 32 anos en executar todo o traballo dun superordenador actual.
Escoita O Descodificador en todas as nosas plataformas de podcast:















Non está disponible en apple podcasts?
Mágoa.