A chaira da Limia, e a súa vila de Xinzo, está sendo estes días un dos lugares máis xélidos da península Ibérica. Habería que subir ata os picos do Mulhacén ou o Aneto para sentir máis frío do que senten estes días os habitantes desta comarca ourensá. Despois de pasar días con temperaturas máis baixas ca Estocolmo, Oslo ou Reykjavik, a estación da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) en Xinzo rexistrou nos últimos tres días mínimas por debaixo dos -10ºC.
Uns valores que a situaron, tanto este día 7 como o 5, véspera de Reis, no podio das estacións máis frías da rede da Aemet. A localidade segoviana de Cuéllar, que chegou aos –12.1ºC este domingo, encabeza a clasificación. O resto de estacións situadas entre as máis xélidas da península sitúanse en zonas da Meseta, nalgúns casos atravesadas por ríos como o Douro e o Ebro (Sardón de Duero, Cubillo de Ebro ou Aranda de Duero, entre outros), polo que se acrecenta, coa influencia dos cursos de auga, o fenómeno da inversión térmica que experimenta estes días a Península. Así, en Portugal, a temperatura máis baixa (-7ºC) rexistrouse en Miranda do Douro. No caso da chaira da Limia, a humidade do que queda da lagoa da Antela e o aire frío que descende desde os cumios próximos do Invernadoiro e o Macizo Central acrecentan o impacto deste fenómeno.
Porén, no ‘top 10’ destas temperaturas habería que incluír tamén a Calvos de Randín (Ourense) onde a estación da rede de MeteoGalicia rexistrou o día 6 -9,8ºC e este luns, -9,3ºC. Esta vila, nun val preto da serra do Xurés e co encoro de Salas moi preto, as temperaturas baixaron moito máis ca noutros lugares. Segundo MeteoGalicia, Xinzo ‘só’ caeu ata os -8,4ºC na mañanciña do domingo. A explicación é que a estación da rede autonómica ubicada en Xinzo está xunto ao aeródromo de Antela, mentres que a da Aemet sitúase na entrada da vila pola N-525, de aí as pequenas diferenzas térmicas. De feito, segundo MeteoGalicia, tanto Lanzós (Vilalba) con -9,3ºC na mañá do domingo, como Verín, con -9,1ºC, rexistraron máis frío cá vila limiá.
Para ser o “máis frio”, ou un dos máis fríos, tería que selo coa temperatura media (aquela que sae de dividir entre 2 a suma das máximas e das mínimas de todo o ano), non simplemente coas mínimas puntuais debidas á xeada provocada pola inversión térmica. (Para selo nestes días, habería que proceder igual cos datos destes días).