Xoves 2 Maio 2024

Juan Carlos e Francisco, os irmáns galegos con oficina no CERN

A historia dos Pérez Gómez comeza como a de tantos outros galegos. Un home sae de Camposancos, á beira da raia do Miño. Fai unha viaxe interminable en tren cara Francia, a mediados do século XX, para buscar un futuro máis próspero. “Meteuse no tren e nin sabería moi ben onde ía; horas e horas de viaxe, sen falar nada de francés, e tivo que buscarse a vida para mirar onde dormir, onde comer… Eses si que eran heroes“, lembra o seu fillo Francisco Javier (A Guarda, 1964) xunto ao seu irmán Juan Carlos (Camposancos, 1962). A historia dos irmáns Pérez Gómez, polo de agora, escríbese así en presente: un caso excepcional, dous irmáns enxeñeiros como traballadores fixos do maior de laboratorio de física do mundo, nunha das cimas da ciencia mundial, onde levan xa case 20 anos.

Os dous miran con orgullo cara atrás. Sigue Francisco: “Nós… nós non somos ninguén. Eles, que deixaban a escola aos 12 anos, que a miña avoa lles mandaba unha sardiña arencada envolta no xornal, e chegaba 15 días despois, que cando estabamos en Galicia pasabamos o día no balcón esperando a que el chegara cando nos avisaba por telegrama… A vida hai que buscala, e hai que estar no bo sitio e no momento axeitado, pero tamén hai que loitar”.

Publicidade

Hoxe, Juan Carlos, enxeñeiro electromecánico, é unha das referencias mundiais no campo do deseño e construción de imáns superconductores, un factor clave para o funcionamento dos aceleradores de partículas. Dirixe o obradoiro de I+D onde se constrúen os futuros imáns que se montarán no LHC. Proxectos enormes, meticulosos e moi prolongados no tempo. “Desde que se dá a orde e comeza o deseño ata que se instalan os imáns poden chegar a pasar 20 anos“, di. El e o seu equipo teñen, de feito, o récord do maior campo magnético dipolar logrado xamais pola man do home no mundo: 16,2 Teslas, conseguidos no 2015. El, con todo, prefire quitarse méritos. “Non me gusta a titulitis“, di.

Juan Carlos e o seu equipo conseguiron en 2015 o maior campo magnético dipolar xamais creado polo home

E por se fose pouco o feito excepcional de traballar co seu irmán no CERN, aquí tamén traballan a súa muller e o seu fillo maior. “Viñemos colonizar isto”, bromea.

O seu irmán Francisco Javier, enxeñeiro mecánico, tamén leva preto de 20 anos traballando no CERN. Despois de formar parte durante dez anos do grupo da tamén galega Mar Capeáns, encárgase agora de deseñar, fabricar, probar e instalar algúns elementos dos detectores. Son elementos que desafían ao enxeño de calquera profesional. Por exemplo, tubos ultrarresistentes e, ao mesmo tempo, moi lixeiros, que pesan só 40 gramos por cada metro de longo, e que teñen que aguantar presións e pesos enormes sen deformarse.

O dos dous é un traballo de moi longo percorrido. Para conseguilo, moito esforzo, moito traballo e moito talento, por suposto. “Se algo aprendemos do meu pai é a non renderse nunca, a loitar en calquera ámbito da vida”. E así o fan. Formación e aprendizaxe constante. “Cando cheguei non tiña nin idea de técnicas de ultrabaleiro, ou de crioxenia, ou de toma de datos”, di Juan Carlos. Houbo que formarse. E Francisco, por exemplo, lembra que tivo que aprender ruso en poucos meses para traballar nun proxecto no que colaboraban con investigadores e operarios deste país na elaboración dun detector.

Para iso, para aprender, din, o CERN “é unha escola xenial“, un “libro aberto” para estudantes e visitantes, explica Juan. O seu departamento contrata 20 enxeñeiros españois cada ano para formalos e conseguir que regresen á industria en España. E entre eles, algúns galegos, como os irmáns pontevedreses José e Salvador Ferradás, outro caso particular no complexo. “Non estamos para xerar beneficio; aquí traballamos coa mirada posta noutras cousas: formar aos mozos que chegan aquí para que aprendan todo o que poidan, e por outra parte, obrigámonos a conseguir que dentro de ‘x’ anos deberán estar instalados uns imáns que teñen que ser os mellores para que iso favoreza ao proxecto, e iso xa é suficiente motivación”.

Francisco Javier aporta a súa visión no mesmo sentido: “É importante o que ti esteas disposto a facer, e o intentes. Aquí o que val é o que funciona. Traballas cos compañeiros, de forma paralela, preséntalo nunha reunión, e se iso gusta e vai contribuír a que isto funcione mellor, pois vai adiante. Esa é a parte realmente boa do noso traballo”.

Descoñecemento

Con todo, aínda que traballan no maior experimento do mundo e, sobre todo no caso de Juan Carlos, son referentes internacionais, son veciños anónimos cando visitan Camposancos. Un descoñecemento sobre o seu traballo que non se percibe só na súa terra natal, senón na de adopción.”Se preguntas en Annecy, que está aquí ao lado, seguro que máis da metade da xente non sabe o que é o CERN. E non é un problema só deles, senón tamén noso”, lamenta Juan Carlos.

A necesidade de divulgación do seu traballo é unha das poucas tarefas que queda pendente. “Cando puxemos en marcha o LHC dicíannos, mesmo de xente coñecida e próxima, que estaban asustados porque iamos facer un buraco negro. E iso non pode ser”, di o maior dos Pérez. Francisco engade: “Hai que contar que grazas ao que se fai aquí podemos loitar contra o cancro con bombardeos de protóns, ou que grazas a isto pode ter móbil ou internet, e moitas outras cousas”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que é a lexionela? A bacteria que agroma en Galicia e Portugal sen que se coñeza o foco

O bacilo deixa 18 casos no Rosal, A Guarda e Caminha. Secuenciaranse mostras para determinar se existe relación entre os gromos

O exdirector do CERN: “Somos tres partículas en distintas combinacións. Todo é física”

“O desafío actual é comunicar o que se está facendo”, afirma Rolf-Dieter Heuer, director do acelerador de partículas cando o descubrimento do bosón de Higgs

“A ciencia exoplanetaria axuda a comprender o excepcional que é a vida na Terra”

A astrofísica galega Minia Manteiga comparte cartel con Mariano Barbacid nun encontro no CERN de investigadores europeos

Un grupo de estudantes galegos gaña unha competición internacional do CERN

Os alumnos do clube vigués de física Enrico Fermi, vencedores xunto a un equipo de Exipto e outro francés, viaxarán en setembro ao acelerador de partículas