Venres 26 Abril 2024

Sedaqua, depuración ecolóxica a pequena escala

A depuración de augas residuais segue sendo un desafío importante especialmente para os pequenos núcleos de poboación e industrias. Baste sinalar que en 2008 estimábase que só en España había máis de 6.000 núcleos de poboación (onde vívian máis de tres millóns de persoas) que non dispoñían dun sistema adecuado para o tratamento destas augas. Sedaqua, unha spin-off da Universidade da Coruña (UdC) creada a finais de 2012, apostou por desenvolver un proxecto que permite instalar humidais ecolóxicos e de baixo custo enerxético que poden ser amortizados nun prazo de apenas catro anos.

Manuel Soto (esqda) e David de la Varga
Manuel Soto (esqda) e David de la Varga

David de la Varga e Manuel Soto son os socios fundadores dunha empresa que naceu no seo do grupo de Enxeñería Química Ambiental da UdC. De la Varga explica que desde un principio viron claras as posibilidades comerciais de desenvolver un produto que podería implantarse en multitude de países desenvolvidos e en vías de desenvolvemento. En España desde 2006 as aglomeracións urbanas menores de 2.000 habitantes que vertan a augas continentais ou a estuarios e que contan con rede de saneamento están obrigadas por lei a someter as súas augas residuais a un tratamento adecuado.

Publicidade

Os humidais desenvolvidos por Sedaqua son capaces de tratar augas con elevados niveis de contaminación, cun investimento inicial ata un 40% inferior aos sistemas de depuración convencionais. A redución do consumo enerxético pode alcanzar o cen por cento e diminúense, de forma considerable, a xeración de lodos e os custos de mantemento. Outras vantaxes son que non se empregan elementos químicos e a integración paisaxística da depuradora na contorna.

Para unha poboación de 140 habitantes o investimento necesria para unha depuradora con humidais convencionais supoñería uns 90.000 euros, mentres que no caso do que desenvolve Sedaqua rebáixase a 60.000. O custo enerxético apenas alcanzar uns 800 euros anuais. Isto fixo que distintos concellos e empresas privadas xa se interesaron polo proxecto. Por agora xa se instalou unha depuradora destas características en Lalín e outras tres en diversas adegas, dúas en Galicia e unha en Navarra.

Este tipo de sistemas de depuración non xeran unha dependencia tecnolóxica

David de la Varga sinala que Sedaqua xa iniciou a súa expansión internacional xa que está a desenvolver un proxecto de depuradora en Senegal, en colaboración coa Fundación Solidaritat da Universidade de Barcelona e coa Fundación Món-3. Ademais, conta con financiamento do propio Concello de Barcelona e da AECI. Os humidais desenvolvidos por Sedaqua son moi apropiados para países en desenvolvemento polo seu baixo investimento e custo de mantemiento.

Este tipo de sistemas de depuración non xeran unha dependencia tecnolóxica e os clientes poden levar o mantemento da operación sen elevados custos nin dedicación. Ademais, xérase un aumento da biodiversidade biolóxica nas contornas onde se instalan os humidais, melloran a calidade das augas e evítanse multas por parte das diversas administracións.

“A I+D está no noso proxecto desde un principio”, indica De la Varga, quen destaca especialmente a participación de Sedaqua no proxecto europeo HIGHWET que lles permitiu desenvolver algunhas das características que fan especiais ao seu produto. “Tratamos de participar en diversos proxectos de I+D porque iso permítenos innovar e diferenciarnos da competencia. Temos que facelo sobre todo a nivel europeo porque en España está moi complicado facelo”, conclúe.

“A I+D esta no noso proxecto desde un principio”

En canto a financiamento, Sedaqua saíu adiante con fondos propios e agora esperan incrementar a súa facturación para obter máis recursos e tamén colaborar con outras empresas para distribuír os seus produtos. Cara ao futuro próximo, contan con outros catro proxectos case pechados e esperan que a normativa cada vez máis esixente en materia ambiental benefícielles á hora de poder implantar máis depuradoras ecolóxicas.

Sedaqua recibiu diversos premios, entre outros foi finalista dos Galicia Spin-off 2017, dos Galicia Open Future 2014 e da III edición de Via Galicia. En 2015, obtivo o premio Innova Emprende da Fundación Aquae, pertencente a Augas de Barcelona.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UDC patenta un sistema pioneiro que mide a postura vertebral en tempo real

Investigadores do CITENI crean unha tecnoloxía non invasiva e de baixo custo para mellorar o diagnóstico e tratamento das doenzas da columna

Si, pódese crear acuarela con bacterias: a UDC impulsa a divulgación a través da arte

CICAGallery estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán con distintos grupos de investigación da universidade

Como medir as estrelas para revelar os misterios da Vía Láctea

Os investigadores do CITIC Xabier Pérez e Lara Pallas participan na misión Gaia, que pretende crear o maior mapa 3D da nosa galaxia

Unha científica galega secuenciará o xenoma da ‘herba de namorar’

A especie 'Armeria pungens' está presente nas illas Cíes, o único lugar de Galicia onde se pode atopar