Os máis curiosos xa coñecen a ferramenta que Google ofrece para observar o territorio en tres dimensións. Non en tanto, segue sendo descoñecido para outros. Sen erguerse da cadeira, os internautas xa poden voar en tres dimensións por riba de toda Galicia. O mapa interactivo de Google Earth ofrece unha radiografía do relevo e, desde hai un tempo, incorpora os perfís das sete cidades galegas (Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago, Lugo, Pontevedra e Ferrol) e outras vilas como Vilagarcía, Betanzos ou Moaña.
Abonda con entrar en Google Maps (a través dun PC) ou ben descargar a aplicación Google Earth no teléfono móbil para gozar dunha viaxe a medida por calquera punto de Galicia e do resto do mundo. Tras seleccionar a vista por satélite, hai que manter pulsada a tecla “Control” e ir arrastrando o botón esquerdo do rato para percorrer o territorio. Axudándonos co “zoom“, podemos ver con máis detalle a contorna do relevo.
Con todo, o gran nivel de detalle que ofrece a información entra en conflito co dereito á privacidade dos usuarios. Non foron poucas as queixas e denuncias que Google recibiu debido a que a precisión dos seus mapas podería vulnerar, nalgúns casos, segundo os denunciantes, a súa intimidade.
Aínda así, para quen desexe facer un percorrido aéreo por Galicia co único obxectivo de gozar da orografía do país, só se precisa un pouco de tempo e curiosidade para poder atopar estampas coma estas:
A verdade é que é flipante. Supoño que usaran a mesma tecnoloxía no Flight Simulator de Microsoft