Un equipo da Coruña deseña unha báscula que converte as pisadas en frío ou calor

Científicos da UDC describen na revista "Materials" un dos primeiros dispositivos de refrixeración barocalórica do mundo

Equipo da UDC que desenvolveu un dos primeiros dispositivos de refrixeración barocalórica do mundo. Foto: CICA/UDC.
Equipo da UDC que desenvolveu un dos primeiros dispositivos de refrixeración barocalórica do mundo. Foto: CICA/UDC.

Unha báscula que aproveita a enerxía xerada polos pasos das persoas e a converte en calefacción ou refrixeración, en función do que sexa preciso. É un avance pioneiro desenvolvido por catro mozos (Javier García, Ignacio Delgado, Jorge Salgado e Juan Manuel Bermúdez) do grupo QUIMOLMAT, pertencente ao Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña (UDC). Presentan o seu dispositivo na revista Materials, nun traballo que supón “un paso máis aló da síntese química de novos materiais” e unha proposta que é “un claro exemplo de ciencia aplicada á resolución dos retos da sociedade”, segundo destaca a UDC.

Os autores da investigación, todos menores de 35 anos, deseñaron un aparello que aproveita a enerxía xerada pola presión das pisadas ao camiñar transformándoa en frío ou calor. Esta fonte de enerxía podería empregarse, por tanto, como sistema de baixo custo de refrixeración ou calefacción.

Esquema de funcionamento da báscula. Fonte: CICA / UDC.
Esquema de funcionamento da báscula. Fonte: CICA / UDC.

O avance conséguese a través da substitución dos gases tradicionalmente presentes nestes sistemas por materiais sólidos, como o que usa este dispositivo, co que se dá un paso firme cara á implementación de tecnoloxías respectuosas co medio ambiente. Aínda que se atopa nunha fase de desenvolvemento moi temperá, as aplicacións que se esperan del son moi prometedoras, “abre as portas a futuras tecnoloxías máis avanzadas que poidan empregar este principio en chans e/ou zapatos auto-refrixerantes, por exemplo”, aseguran os investigadores.

Segundo destacan os científicos da UDC no seu artigo, a báscula barocalórica é a primeira “que salienta as novas posibilidades do uso do movemento humano para proporcionar calefacción ou refrixeración sen gases, de forma ecolóxica, co que podería implementarse en futuras tecnoloxías de wearables (como zapatos, plantillas ou edificios con solo auto-refrixerante)”.

Os autores apuntan, igualmente, que a báscula supón “un dispositivo barocalórico de proba simple e baixo custo para a investigación académica e proxectos educativos, así como un aparello de divulgación científica que xa se utiliza en exposicións e museos e programas de televisión”. Así, un prototipo desta báscula pioneira pode probarse nestes días en Santiago de Compostela, dentro da exposición “Galicia Futura”, na Cidade da Cultura, aberta ao público até o 9 de xaneiro de 2022.


Referencia: Simple and Low-Cost Footstep Energy-Recover Barocaloric Heating and Cooling Device (Publicado en Materials).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.