Sábado 20 Abril 2024

Un artigo de científicos de Lugo, o máis citado nunha revista de referencia mundial

O traballo sobre recubrimentos alimentarios publicado por Patricia Cazón e Manuel Vázquez en "Food Hydrocolloids" acadou un gran impacto

Un artigo asinado pola investigadora do Campus de Lugo da USC Patricia Cazón Díaz xunto co tamén investigador e profesor na facultade de Veterinaria da USC Manuel Vázquez Vázquez e publicado en Food Hydrocolloids, converteuse no traballo máis citado de todos os contidos incluídos na revista científica de referencia mundial no eido da Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos desde a súa creación en 2017.

O impacto deste artigo, que segundo contabiliza a base de datos Scopus, xa foi citado 223 veces noutras publicacións científicas, o que denota a súa alta repercusión internacional, acada se cabe maior notoriedade logo de coñecerse o informe anual ‘2020 Journal Citation Reports’, elaborado pola empresa Clarivate Analytics.

Publicidade

Celulosa para recubrir alimentos: a alternativa galega aos envases contaminantes

A última edición do documento, no que se recollen varios indicadores de calidade, tales como o factor de impacto, un parámetro que dá conta do número de referencias de cada artigo en relación no volume de contidos editados e que se emprega para clasificar as revistas científicas en función da súa repercusión internacional, ademais das principais achegas (publicacións, organismos…) ás revistas científicas internacionais de referencia, sitúa Food Hydrocolloids, unha publicación centrada en investigacións orixinais e innovadoras relacionadas coa caracterización, propiedades, funcionalidade e coa aplicación de hidrocoloides en produtos alimenticios, na primeira posición do ranking de revistas científicas internacionais na área de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos.

O artigo escrito pola luguesa Patricia Cazón forma parte do proxecto de investigación desenvolvido durante a tese de doutoramento que vén de presentar esta na USC a pasada primavera. Esta investigación de doutoramento, dirixida polo profesor Manuel Vázquez Vázquez, do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía, da Facultade de Veterinaria da USC, e Gonzalo Velázquez de la Cruz, profesor do Centro de Investigación en Ciencia Aplicada e Tecnoloxía Avanzada do Instituto Politécnico Nacional de Querétaro (México), céntrase no desenvolvemento de polímeros biodegradables e nas posibles aplicacións como envases alimentarios.

Os resultados da investigación desenvolvida por Cazón e Vázquez ofrece alternativas ao uso de plásticos en alimentos, tal e como se recolle no artigo publicado en Food Hydrocolloids, no que os seus autores fan unha exhaustiva revisión dos traballos de investigación, pescudas e avances acadados ata o momento para o desenvolvemento de opcións biodegradables que permitan reducir o uso e a presenza de plásticos sintéticos na industria alimentaria a partir de polisacáridos.


Referencia: Polysaccharide-based films and coatings for food packaging: A review (Publicado en Food Hydrocolloids).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Atopado o talón de Aquiles da rata toupa, a praga que azouta a montaña luguesa

O estudo do órgano vomeronasal deste mamífero subterráneo avala o uso de químicos para diminuír a súa poboación e frear o seu impacto na agricultura

Os cubículos e corredores reducidos nas granxas de Lugo afectan a produción de leite

A tese de Sonia Verdes Gil conclúe que as superficies incómodas prexudican a saúde e a hixiene das vacas

A USC investiga novos produtos naturais para loitar contra a avespiña do castiñeiro

Un equipo de Lugo traballa no proxecto 'Go Delicias' co obxectivo de identificar e desenvolver as defensas da árbore fronte ao insecto