Alba Pedrouso, na lectura da súa tese. Foto: USC.
Alba Pedrouso, na lectura da súa tese. Foto: USC.

Unha tese investiga novos procesos eficientes nas depuradoras

Alba Pedrouso presentou na USC unha investigación sobre procesos de nitritación e anammox que permiten eliminar o nitróxeno

A investigadora do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental do instituto CRETUS da USC, Alba Pedrouso Fuentes, acaba de analizar a eliminación avanzada e sostible do nitróxeno das augas residuais en baixas concentracións e en condicións de baixa temperatura. A través do estudo titulado Avaliación dos procesos de nitritación e anammox para o tratamento de augas na liña principal, Pedrouso logrou maximizar a eficiencia enerxética das estacións depuradoras de auga podendo chegar a ser autosuficientes no canto de consumidoras netas de recursos.

“No eido da economía circular, as augas residuais constitúen unha fonte de enerxía, nutrientes e outros recursos que deben ser valorizados”, sinala a autora da investigación. “As augas residuais da liña principal das estacións depuradoras son correntes moi diluídas polo que a recuperación de nitróxeno non é viable agás cando este é empregado como fertilizante na agricultura ao utilizarse a auga reempregada para regar”, apunta Pedrouso. Porén, a lexislación sobre reemprego de augas limita o contido de nutrientes da auga reempregada. Este feito xunto coa gran variación da demanda de auga na agricultura, fan que sexa necesario desenvolver alternativas para a eliminación de nitróxeno que permitan outros usos da auga ou, en última instancia, a súa descarga ao medio acuático.

A investigación logrou maximizar a eficiencia enerxética das estacións depuradoras de auga.
A investigación logrou maximizar a eficiencia enerxética das estacións depuradoras de auga.

A combinación dos procesos de nitritación parcial e anammox (NP/AMX) comparada cos procesos de nitrificación-desnitrificación, que son os tradicionalmente empregados, reducen o consumo enerxético nun 60%, diminúen a produción de lamas nun 90 % e non precisan materia orgánica incrementando a recuperación da mesma en forma de metano ata un 67 %. Así, grazas a aplicación destes procesos as estacións depuradoras de augas poden optimizar a súa eficiencia enerxética.

Inicialmente, avaliouse a aplicación dos procesos de NP/AMX no tratamento da fracción de augas negras xeradas nun sistema descentralizado con redes separativas instalado no edificio tecnolóxico do parque empresarial Porto do Molle de Nigrán, centrándose no efecto das posibles interrupcións na produción de augas residuais, obtendo resultados satisfactorios e acadando un efluente de alta calidade. A continuación, estudouse a súa viabilidade para o tratamento de augas residuais municipais caracterizadas por ser máis diluídas e pola súa gran variabilidade.

A combinación dos procesos de nitritación parcial e anammox reducen o consumo enerxético nun 60%

Nestas condicións, a investigación centrouse na represión das bacterias oxidantes de nitrito (BON) requisito para establecer o proceso de nitritación e sinalado por diferentes grupos de investigación como a maior limitación. Demostrouse que a operación dun sistema en dúas etapas permite manter a estabilidade do proceso de nitritación (nunha unidade aerobia) sen verse afectada pola presenza da materia orgánica na auga residual. Así, simplificase a súa implementación nas estacións ao mesmo tempo que se promove a eliminación autótrofa de nitróxeno na unidade anóxica.

A investigación comezou a escala de laboratorio, rematando coa avaliación dos procesos de NP/AMX en dúas configuracións diferentes a escala piloto. “Neste senso, prestouse especial atención a acadar os límites de vertido para zonas sensibles na Unión Europea reducindo o potencial de eutrofización das augas. A mellor configuración dependerá nas características da auga sendo un parámetro determinante a relación nitróxeno-alcanidade das aguas residuais a tratar no sistema de eliminación de nitróxeno autótrofo”, apunta a autora da investigación.

Esta investigación, froito da tese de doutoramento de Alba Pedrouso, foi dirixida polas profesoras Anuska Mosquera Corral e Mª Angeles Val del Río, e o profesor Ramón Méndez Pampín do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A investigación desenvolveuse no marco dos proxectos MEDRAR, financiado pola Xunta de Galicia e Pioneer_STP, financiado pola Unión Europea. Ademais esta investigación deu lugar a solicitude dunha patente europea coa empresa Aqualia e o profesor Jose Luis Campos Gómez da Universidade Adolfo Ibáñez (Chile) cos que os directores xa tiñan desenvolvido o proceso ELAN(R) que xa se opera a escala industrial e que foi punto de partida para a presenta tese.

O tribunal encargado de avaliar esta tese de doutoramento estivo presidido polo profesor Robbert Kleerebezem da TU Delft, ao que acompañaron Mónica Figueroa Leiro de EnergyLab e Jesus Colprim da Universidade de Girona.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.