O emprego de análises de mostras de aire permite detectar de forma precoz no ambiente a existencia de Circovirus Porcino Tipo 2 (PCV2) nas granxas de porcos, tal e como demostra a investigación de doutoramento que acaba de presentar este xoves na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC Gonzalo López Lorenzo.
O investigador aborda na súa tese, dirixida polos profesores da USC Gonzalo Fernández Rodríguez, da Área de Sanidade Animal, e José Manuel Díaz Cao, de Patoloxía Animal, unha nova forma de estudar as enfermidades que afectan ao gando porcino, valorando a súa presenza non só nos animais, senón tamén no ambiente no que viven, para o que cómpre a realización de análises de mostras das superficies das instalacións das granxas, así como dos seus bens e tamén do aire.

Os resultados obtidos no marco desta investigación, que leva o título Aplicación da detección ambiental do Circovirus Porcino Tipo 2 mediante o uso da PCR cuantitativa no estudo epidemiolóxico da infección, revelan que hai granxas nas que se aplican pautas de vacinación fronte a PCV2 desde fai máis de sete anos que, pese a non contar animais infectados mediante análises convencionais, nas si que se detecta a presenza do virus en superficies dos almacéns, oficinas e mesmo no perímetro das granxas. Esta realidade pon de manifesto a necesidade de extremar os procesos de limpeza e desinfección, a fin de evitar así que estas localizacións se convertan en reservorios de Circovirus Porcino Tipo 2.
Alén destas consideracións, López Lorenzo advirte na súa investigación que o uso das mostras de aire permitiu detectar de forma precoz a infección en nas instalacións das granxas nas que se atopan os animais dúas semanas antes que mediante a mostraxe dun número representativo de porcos e a análise dos virus que presentan.
Gonzalo López: “O circovirus porcino pode estar ata nas oficinas das granxas”
Daquela, as técnicas de toma de mostras e os resultados presentados nesta investigación de doutoramento desenvolvida por Gonzalo López Lorenzo representan un avance para o perfeccionamento dos actuais programas de control, ao tempo que constitúen unha valiosa ferramenta para a futura erradicación dunha infección que ten un notable impacto na industria porcina.
A catedrática da área de Sanidade Animal da Universidade de León Ana María Carvajal Ureña, o profesor titular da Universidade de Murcia Guillermo Ramís Vidal, e a profesora da USC Cristina Castillo, integraron o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por López Lorenzo, que mereceu a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.