Martes 19 Marzo 2024

Tanxugueiras, toponimia e tradición na palabra do ano 2021

Nun novo ano marcado pola Covid-19, ‘resiliencia e ‘vacinódromo’ foron as seguintes palabras máis votadas na iniciativa promovida polo Portal das Palabras

Malia ser, novamente, un ano marcado polo termo “pandemia”, o 2021 tamén se despide con verbas de esperanza. Unha delas, tanxugueiras, vén de converterse na Palabra do Ano 2021, após acadar a maioría dos votos das persoas que participaron na iniciativa promovida polo Portal das Palabras, páxina web para a difusión do léxico da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. A voz máis elixida entre as que chegaron á final do concurso gañou popularidade nos últimos meses da man da banda homónima de Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro.

E, malia non estar no dicionario, a palabra que escolleron para chamarse artisticamente estas referentes dos novos camiños que está abrir a música tradicional galega ten as raíces ben chantadas no noso idioma: Tanxugueiras é en realidade o plural dun microtopónimo, que, elevado á Palabra do Ano, pasa a ser tamén icona da gran riqueza da lingua galega como produtora de nomes de lugar, que conforman un patrimonio inmaterial único no mundo.

Publicidade

As moitas terras dos teixugos

Popularizado pola banda musical, o topónimo Tanxugueira designa unhas terras da parroquia de Fumaces, no concello de Riós (Ourense), situadas nun alto e abeiradas. No territorio galego hai outro lugares co mesmo nome nos concellos de Catoira (Pontevedra), Dodro (A Coruña) e, de volta na provincia de Ourense, en Viana do Bolo, como se pode comprobar na aplicación Galicia Nomeada, a plataforma para a recolleita colaborativa da microtoponimia creada pola Real Academia Galega e a Xunta de Galicia.

O vocábulo é unha alteración da forma etimolóxica Teixugueira, un zootopónimo común no país que sinala os sitios onde hai presenza ou abundancia de teixugos ou porco teixos. Un tipo de mamífero de vida nocturna que se alimenta de bichocas, landras ou plantas coma a do millo, polo que nalgúns lugares do país se tocaba o corno polas noites para espantalo. Esta voz popular remite probablemente ao latín taxo, taxonis, o nome latino que recibía o ‘teixugo’, aínda que podería vir tamén dunha suposta forma xermánica *thahsus ou do gótico *thahsuks.

A presenza da pandemia, do segundo ao cuarto posto

Malia non ser quen de derrotar o poder contaxioso da música, a Covid-19 si que deixa pegada no segundo, terceiro e cuarto posto da votación, ocupados polas voces resiliencia, vacinódromo e gromo. Aínda que resiliencia, na acepción da capacidade dos seres humanos para se adaptaren positivamente ás situacións adversas, é unha virtude útil en calquera momento, non hai dúbida de que o impacto na vida cotiá da pandemia fixo que se escoitase máis ca nunca nos últimos tempos este cultismo que bebe do latín resiliens, forma que remite ao verbo resilire ‘saltar cara a atrás’.

A loita contra o coronavirus non só elevou ás primeiras planas palabras xa coñecidas que non adoitaban ser noticia. Tamén promoveu a creación de novas voces coma vacinódromo, sen dúbida un dos neoloxismos do ano. De xeración popular, este vocábulo dá nome ao lugar ao que acudimos a nos vacinar contra a Covid-19, e fórmase a partir do substantivo vacina e do sufixo -dromo. Este último, que nun primeiro momento indicaba o sitio onde se desenvolvía unha carreira, na actualidade fai referencia a un lugar amplo destinado a unha actividade concreta, como pode ser un aeródromo. De aí que a fala xerase a voz vacinódromo para referirse ao lugar onde se efectúa a vacinación masiva da poboación.

E que acontece co substantivo que toma como base? A palabra que nomea a grande esperanza para saírmos da pandemia procede do latín científico variola vaccina, que significa ‘varíola das vacas’. O termo xurdiu a finais do século XVIII para designar o remedio que permitiu acabar coa enfermidade contaxiosa tamén coñecida como boas. Este logro débese a Edward Jenner, o científico británico que, ao observar que as leiteiras eran inmunes á varíola humana, deduciu que se debían de inmunizar cando muxían as vacas polo contacto coas bochas de pus que os animais tiñan nos ubres por mor dunha doenza similar, a varíola bovina, pero menos virulenta. Daquela probou a inocular unha pequena cantidade do virus das vacas a un cativo e comprobou que, pese unhas pequenas molestias, logo non se contaxiaba da enfermidade humana mortal.

Os votos das persoas usuarias do Portal das Palabras deixaron en cuarto lugar a palabra gromo, que coa pandemia incorporou na súa entrada no Dicionario o significado de “aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar, así como o de primeira manifestación ou aparición de algo”. En canto a coada, na acepción referida ao manto de lava en estado líquido emitida por un volcán durante as súas erupcións, quedou en quinto e último lugar despois de moito repetirse nos medios de comunicación e na rúa debido á actividade volcánica que abriu tantos telexornais desde o mes de setembro.

Un espazo lúdico de divulgación da lingua

A Real Academia Galega e a Fundación Barrié promoven dende 2014 a elección da Palabra do Ano a través do Portal das Palabras, o proxecto que comparten para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación da lingua galega. Cada semana ofrece xogos, vídeos nos que os membros da Academia resolven dúbidas frecuentes e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. A palabra do día é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias.

Nas edicións pasadas foron elixidas Palabra do Ano nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —por mor do centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

‘Cibercarracho’, elixida Palabra do Ano 2023

A gañadora conseguiu un 40% dos votos e o vocábulo 'feitiño' quedou en segundo posto cun 30% dos apoios

Os homes len en galego 27 palabras máis por minuto que as mulleres

A filóloga Carme Hermida cre que elas son menos veloces porque practican unha lectura máis atenta ca eles

‘Biodiversidade’, ‘cibercarracho’, ‘feitiño’… Elixe a Palabra do Ano 2023

As seis voces finalistas están relacionadas coas preocupacións sociais ou os acontecementos que deixaron pegada na cidadanía

Detectado o primeiro caso de botulismo en Galicia por consumir unha tortilla de patacas envasada

Un home de 48 anos que xa foi dado de alta estivo ingresado dúas semanas no hospital de Ourense, 10 días na UCI