Sábado 20 Abril 2024

Saúl Ares: “Hai síntomas de transmisión descontrolada no brote da Mariña”

O científico do CSIC, que desenvolve desde a semana diversos cálculos a partir da evolución do foco, insiste en que a evolución “é preocupante”

“A evolución é, canto menos, preocupante“. Así valora o físico berciano Saúl Ares, do departamento de Bioloxía de Sistemas do Centro Nacional de Biotecnoloxía do CSIC, a situación do brote da Mariña, tres días despois do peche de 14 concellos. O científico, que dirixe un dos proxectos impulsados polo CSIC para estudar a evolución da epidemia da Covid-19 en caso de posibles novas ondas, realizou axustes en función dos datos recollidos ata este mércores, cando a consellería de Sanidade confirmaba 23 novos positivos que elevaban a 154 o total de casos detectados desde o 23 de xuño vinculados ao brote. De seguir a tendencia actual -aínda que advirte que os datos que se vaian coñecendo cada día van modificar a evolución da ‘curva‘- é posible que nos vindeiros días se superen amplamente os 200 casos.

Saúl Ares é científico no Centro Nacional de Biotecnoloxía do CSIC.
Saúl Ares é científico no Centro Nacional de Biotecnoloxía do CSIC.

Desde que a finais da semana pasada se foron incrementando o número de positivos, Ares comezou a desenvolver cálculos para analizar a evolución do brote. “Aínda tendo en conta que se estea facendo un seguimento estrito dos positivos e os seus contactos, é probable que haxa transmisión comunitaria, mirando á evolución dos últimos días”. Na noite do sábado ao domingo, horas antes de decretarse o peche, Ares compartiu nas redes un axuste exponencial sobre os casos activos na área de Lugo que estimaba 98 para o domingo, 112 para o luns e 128 para o martes (Sanidade informou finalmente de 117, 143 e 151, mostrando “que a situación podía ser máis grave“, apunta o investigador).

Publicidade

Despois disto, o freo de positivos detectado o martes e o novo ascenso do mércores mantén a incerteza sobre a situación real do brote. “Se o dato do martes fose representativo, xa non se chegaría a ver o dobre de casos dos que había o luns, pero o novo aumento deste mércores leva a deducir que hai síntomas de transmisión descontrolada”. Explicouno Ares a través das redes este mércores.

Prevención e detección: factores a ter en conta

Insiste o científico en apuntar un tema importante: “As predicións na dinámica de epidemias son imposibles“, e ese é un dos puntos clave das súas liñas de investigación. “As curvas que trazamos son axustes exponenciais, que serven para ver se o brote continúa descontrolado ou se estamos a dobrar a curva (se os casos novos comezan a ir por debaixo do esperado), pero en ningún momento se pode predicir o que vai acontecer”.

Por tanto, Saúl Ares destaca en que o cálculo está suxeito á propia evolución que vaia amosando o brote, e á particular situación actual da Mariña. “As medidas de contención adoitan tardar bastantes días en ser efectivas, pero se a xente na Mariña comezou a ser máis coidadosa desde que se confirmaron os primeiros casos, é probable que o crecemento se vexa freado, a pesar de que se sigan detectando casos, pero a menor velocidade, sen necesidade de tomar medidas máis estritas, como o confinamento domiciliario”.

Outra das opcións que pon sobre a mesa o científico é que “realmente o Sergas teña controlado o brote e estea habendo un seguimento exitoso de todos os sospeitosos, detectando por tanto máis casos”. Así, di Ares, “os casos seguirán aumentando, pero máis despacio, porque a resposta dos equipos de rastrexo conseguirá parar a transmisión descontrolada”.

Galicia notifica 35 casos de Covid-19 nun día e suma 196 desde o 24 de xuño

O cálculo

O cálculo, explica o científico, “é tan sinxelo que calquera pode facelo na casa cun ordenador e matemáticas de secundaria”. Trátase de axustar a evolución do número de casos activos cunha función exponencial. O número de casos o día t a partir do inicio do brote sería dado pola expresión:

casos(t) = a ebt

onde o parámetro a é unha estimación do tamaño inicial do brote e b está relacionado co tempo T de duplicar o número de casos pola expresión b = log(2)/T
Esta evolución do número de casos só se describiría con esta función exponencial ao comezo dun brote, sempre que as medidas adoptadas pola administración ou os propios cidadáns non tivesen efecto. Pasado un tempo a taxa de aparición de novos casos será máis lenta que a descrita pola función exponencial: é o que se coñece como “achandar a curva”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte