A arte e as matemáticas gardan unha relación estreita que se pode ver en moitos lugares. Por exemplo, mirando o chan que pisamos. As teselas do pavimento, ao tempo que trazan fermosas combinacións, seguen un patrón matemático que fai cadrar en dúas dimensións todo tipo de formas, como se pode observar, por exemplo, en moitas construcións da arquitectura islámica. Ademais de estudar os buracos negros que lle acaban de valer o Nobel de Física, Roger Penrose (Colchester, 1931) dedicou parte da súa enorme obra científica a investigar estas teselas e a súa implicación noutras disciplinas como a química, en relación aos chamados cuasicristais. Nos anos 70, describiu teselas que podían cubrir un plano combinando patróns que, aínda que parecían iguais, non eran exactos. Tempo despois, o Nobel de Química de 2011, Dan Shechtman, descubridor dos cuasicristais, recoñeceu a Penrose como unha das súas principais inspiracións cando ofreceu a conferencia na cerimonia de entrega do premio.
Días despois de que se anunciara o Nobel a Shechtman, Penrose visitaba Galicia no marco do programa Conciencia, para recibir o Premio Fonseca, que outorgan o Consorcio de Santiago e a Universidade compostelá. Pero Penrose nin se enterara de que fora mencionado na entrega dos Nobel, segundo lembra Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo da USC e coordinador do programa Conciencia. “É o maior xenio que coñecín, en todos os sentidos; tiña unha creatividade brutal, con contribucións en materias moi distintas, e tamén ten estas particularidades, como que nin sequera oíra que Shechtman se lembrara del, nin que a propia Academia sueca recoñecera a influencia de Penrose no seu fallo do galardón”, conta Mira.
Outra das anécdotas que lembra Mira fala tamén do carácter particular de Penrose: “Kepler en 1619 escribiu o Harmonices Mundi, o libro no que falaba das súas famosas leis do movemento planetario. Nese libro estrelábase contra a xeometría coa que el quería encaixar o sistema solar. Intentaba facer un teselado, en certo modo. Nunha das páxinas intenta facer un teselamento do plano con figuras que non eran as que -naquela época- o permitían facer (cadrados, triángulos ou hexágonos), pero Penrose, en 1974, resólveo e en certo modo pecha o problema de Kepler”, lembra Mira. “Eu comenteillo e el díxome que oíra que había unha carta de Kepler na que contaba o obxectivo que perseguía, e pediume que lle axudase a atopala. Quedei pampo con que unha persoa que vén das mecas da ciencia e venllo pedir a un de Baio”.
O Nobel de Física 2020, para os achados sobre buracos negros de Penrose, Genzel e Ghez
O xurado do Premio Fonseca, salientou no seu fallo a interdisciplinariedade de Penrose e a capacidade de divulgación do científico británico, “situando ao lector na fronteira do coñecemento nun vasto ámbito multidisciplinar, desde as orixes do universo aos misterios da mente humana, do mesmo modo creativo e arriscado que caracterizou tamén a súa brillante traxectoria científica”
Lembrouse tamén outra das súas contribucións foi o triángulo que leva o seu nome, e que parece sólido sobre o papel, mais imposible de trasladar á realidade, lembrando tamén aos imposibles gravados de M.C. Escher. O mesmo acontece coas súas escaleiras imposibles.

Para min é “un Da Vinci da nosa época”, resume Jorge Mira. “O Nobel recíbeo por unha contribución moi brillante sobre os buracos negros e a súa singularidade, pero fixo traballos moi relevantes en álxebra, xeometría, cuántica, e tamén noutros eidos da Física, como a teoría de twistores, a hipótese de censura cósmica, a hipótese da curvatura de Weyl…”. Do mesmo xeito, lembra o profesor da USC o seu labor de divulgación, con libros como A nova mente do emperador ou Sombras da mente, Camiño á realidade ou Ciclos do tempo. Nestes traballos, lembra Mira, propón teorías como a dos Big Bang sucesivos, que apunta á posibilidade de que existan universos anteriores e posteriores a este, e que poidan ser detectados, nalgún xeito, no eco do Big Ban, as radiacións actuais do fondo cósmico de microondas.
Penrose recibiu o Fonseca despois de Hawking, un coetáneo co que mantivo unha colaboración puntual que acabou trascendendo pola súa gran relevancia: o artigo publicado en 1970 no que describen as singularidades no espazo-tempo. Mira apunta a que, de vivir Hawking, probablemente tería compartido o Nobel de 2020 con Penrose, debido ás grandes achegas que realizaron. Con todo, ao longo das súas carreiras os dous mantiveron importantes debates de nivel tanto físico como filosófico sobre as implicacións dos seus postulados, como lembraba Penrose nunha entrevista coa Axencia SINC en 2016.
Na súa estancia en Galicia, Penrose mantivo un encontro con estudantes na Facultade de Física e unha reunión con investigadores de Física e Matemáticas. No acto no que recibiu o premio, o científico ofreceu a conferencia Mirando a través do Big Bang cara a outro mundo. Coincidiu, segundo lembra Mira, con outro Nobel que estaba de visita en Galicia, o economista Joseph Stiglitz, que ía impartir unha conferencia na Coruña.
In 2011 in A Coruña (Galicia, Spain) Roger Penrose, the new @NobelPrize in Physics 2020, met @JosephEStiglitz, Nobel in Economy 2001. pic.twitter.com/oukmaslsBo
— Jorge Mira (@JorgeMiraUSC) October 6, 2020
maravilloso artigo