Roger Penrose, Reinhard Genzel e Andrea Ghez. Ilustración de Niklas Elmehed/Nobel Media.
Roger Penrose, Reinhard Genzel e Andrea Ghez. Ilustración de Niklas Elmehed/Nobel Media.

O Nobel de Física 2020, para os achados sobre buracos negros de Penrose, Genzel e Ghez

A Academia Sueca outorga a Roger Penrose a metade do galardón, e un cuarto a Reinhard Genzel e Andrea Ghez, cuarta muller que o recibe na historia

O científico británico Roger Penrose, o alemán Reinhard Genzel e a estadounidense Andrea Ghez son os gañadores do Premio Nobel de Física 2020. A Academia Sueca das Ciencias anunciou este martes o recoñecemento a Penrose (1/2 do premio) polo descubrimento de que a formación dos buracos negros é unha predición robusta da teoría xeral da relatividade, e a Genzel e Ghez, polo descubrimento dun obxecto compacto supermasivo no centro da Vía Láctea.

Os galardoados destacan polos seus avances sobre un dos fenómenos máis enigmáticos do universo, os buracos negros. Nos anos 60, Roger Penrose, que visitou Galicia en 2011 ao recibir o premio Fonseca outorgado pola Universidade de Santiago de Compostela, usou “inxeniosos métodos matemáticos na súa demostración de que os buracos negros son consecuencia directa da teoría xeral da relatividade de Albert Einstein”, que non cría propiamente neles. En 1965, dez anos despois da morte de Einstein, Penrose constatou que os buracos negros poden formarse e describiunos en detalle; no seu núcleo, agochan unha singularidade onde todas as leis da natureza se interrompen. O seu traballo aínda se considera unha das máis importantes achegas á teoría da relatividade xeral desde Einstein.

Pola súa parte, Reinhard Genzel e Andrea Ghez lideran desde comezos dos anos 90 un equipo de astrónomos que se centrou na rexión de Saxitario A*, no centro da Vía Láctea. Alí, as órbitas das estrelas máis brillantes foron descritas cunha gran precisión, cada vez maior. As medidas destes dous grupos apuntan a que no centro da nosa galaxia existe un obxecto extremadamente pesado e invisible que atrae estas estrelas e as fai xirar a enormes velocidades. A zona, de arredor de catro millóns de masas solares, concéntrase dunha área non maior có noso sistema solar, o que dá conta de que se trata dun obxecto supermasivo.

A través dalgúns dos telescopios máis grandes do mundo, Genzel e Ghez desenvolveron métodos para observar a través das nubes de gas interestelar e o po no centro da Vía Láctea. O avance da técnica permitiu construír instrumentos de gran precisión para achegarse a observar o buraco negro supermasivo no centro da galaxia.

“Os achados dos premiados deste ano romperon un novo teito no estudo dos obxectos compactos e supermasivos, pero estes obxectos aínda teñen moitas cuestións por resolver, e motivan as futuras investigacións; non só cuestións sobre a súa estrutura interna, senón tamén como probar a teoría da gravidade a condicións extremas, nas zonas máis próximas a un burato negro, destaca David Havilland, responsable do Comité Nobel de Física.

Co galardón a Andrea Ghez, nacida en 1965 en New York, convértese na cuarta muller en recibir o Nobel de Física, despois de Marie Curie (1903), Maria Goeppert-Mayer (1963) e Donna Strickland (2018).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.