Venres 29 Marzo 2024

RelEYEble: reinventar a visión artificial nos tempos da Covid-19

Un sistema para supervisar a capacidade dos locais, o uso da máscara e a distancia de seguridade recibe o premio Ricardo Bescansa da RAGC

“Non nos quedou outra, tivemos que adaptarnos. Os servizos de análise que ofreciamos quedaron en suspenso, porque a xente tiña que quedar na casa, así que cando xurdiu a pandemia, e viamos que isto ía para bastante tempo, pensamos no que podiamos facer coa tecnoloxía que tiñamos”, resume Elisardo González, un dos impulsores de RelEYEble, unha spin-off nacida na Escola de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, que leva anos traballando na análise das emocións e expresións faciais das persoas para ofrecer publicidade segmentada. En cuestión de semanas, puxéronse a traballar para buscar que solucións podían ofrecer aos seus clientes ante a pandemia da Covid-19, e acabou saíndo unha proposta que acaba de ser premiada pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Axencia Galega de Innovación (GAIN) nos galardóns á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, na modalidade Ricardo Bescansa, como mellor caso de éxito empresarial. Trátase dun sistema que axuda aos locais comerciais a controlar que se están cumprindo en todo momento tres das premisas básicas na chamada “nova normalidade“: a limitación de capacidade, a distancia de seguridade e a protección a través do uso da máscara.

“Vimos que nesta nova etapa, na que os locais están de novo abertos e a xente volve a mercar, o que máis demanda o sector é garantir en todo momento o cumprimento das medidas de hixiene e seguridade, e dispoñer de ferramentas para controlalas”, explica González. Así, por exemplo, idearon unha pantalla a modo de semáforo para controlar a capacidade máxima nun local. “Se pode entrar máis xente e chega alguén, o semáforo indicaralle que pode acceder ao interior. Pero pola contra, se o local xa está ‘cheo’, aínda que non haxa unha fila de persoas fóra, avisaríase á persoa que chega para dicirlle que espere antes de entrar”.

Publicidade

Do mesmo xeito, tal e como se indica nalgún dos vídeos que RelEYEble amosa na rede, a súa tecnoloxía tamén é capaz de detectar se as persoas que entran nun local levan máscara ou están gardando a distancia de seguridade. “As pantallas instaladas na tenda avisarán a unha persoa, se é que non o está facendo, de que debe poñer a máscara ou manter a distancia de seguridade”, di Elisardo González. Introdúcense, porén, os matices que poderían levar a interpretacións erróneas; “hai que ter en conta, por exemplo, que se un pai vai co seu fillo, o aviso non debe saltar”.

A recollida de datos permite, do mesmo xeito, analizar a situación en cada local. “Estudando a información que nos chega en cada un dos espazos, podemos ver onde a xente cumpre máis ou menos coas medidas, e isto pode axudar tamén aos locais a tomar determinadas decisións para mellorar”.

O recoñecemento que lle outorgaron a RelEYEble a RAGC e a GAIN é un novo impulso para un proxecto que pasou desde o seu lanzamento polas aceleradoras de empresas ViaVigo e Galicia Open Future, ademais de quedar finalista no evento de emprendemento universitario internacional SPIN2014, ou lograr no 2015 a cualificación como Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT). “Todos estes premios son sempre un gran impulso, non só pola ‘gasolina’ que entra na empresa en termos económicos, senón tamén pola difusión que se fai do noso traballo e, sobre todo, polo aval á nosa proposta por parte de entidades tan prestixiosas como a RAGC”, destaca González.

O punto de partida de RelEYEble foi un software de visión artificial capaz de medir as audiencias de soportes publicitarios coma os carteis dixitais e de rexistrar as reaccións de cada persoa, ofrecendo información de enorme valor para anunciantes e xestores nos sectores da publicidade e do comercio á hora de tomar decisións sobre as súas campañas, a disposición de produtos nas tendas e o deseño de escaparates, entre outros aspectos.

Releyeble, a cara é o espello do cliente

No caso dos premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, o xurado valorou especialmente a capacidade da empresa para adaptar de xeito moi áxil a súa tecnoloxía ás necesidades xurdidas a raíz da crise da Covid-19, cunha proposta que xa espertou grande interese no mercado.

A tecnoloxía desenvolvida nestes últimos anos ten a súa orixe no traballo realizado en I+D da análise facial no Grupo de Tecnoloxías Multimedia da UVigo. Ao longo deste tempo, o seu software foise perfeccionando ata o punto de permitir extraer en tempo real información de cantas persoas están diante da pantalla, o seu sexo e idade estimada, a emoción espertada e canto tempo permanecen diante do estímulo visual. A empresa conta con clientes a nivel internacional no sector da publicidade dixital, pero tamén do neuromárketing (para medir a reacción ante spots publicitarios, preestreas ou mensaxes políticas) e da identificación biométrica (comprobación de documentos de identificación e persoas), ademais da función de videovixilancia que permite, entre outras, as utilidades relacionadas coas medidas para conter a pandemia do coronavirus.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais