Martes 19 Marzo 2024

Raquel Fraga, a galega que axudou a capturar o buraco negro

A investigadora ourensá forma parte desde a Universidade Radboud de Nimega de BlackHoleCam, un dos alicerces da histórica fotografía

Antes do 10 de abril de 2019, a Raquel Fraga Encinas (Madrid, 1978) custáballe explicar á familia e amigos a que se dedicaba. Pero cando a foto do buraco negro percorreu o mundo como o gran fito científico do ano, resultou moito máis fácil contar o que facía en Nimega. Nesta cidade dos Países Baixos atravesada polo río Waal (un dos brazos nos que se divide o Rin antes da súa desembocadura), está parte do equipo de BlackHoleCam, un dos principais proxectos que fixo posible a histórica foto.

Aquel 10 de abril, Raquel Fraga estaba presente en Bruselas na conferencia de prensa que seguiron millóns de persoas en todo o mundo. Un dos seus xefes en Nimega, Heino Falcke, catedrático da Universidade Radboud, foi o encargado de amosar ao planeta a imaxe: “Este é o núcleo da galaxia M87, e esta é a primeira imaxe dun buraco negro”, foron as palabras de Falcke ao tempo que se amosaba, por primeira vez, a fotografía.

Publicidade

“Foi un traballo de máis de 20 anos para Falcke. En 1999 xa publicara un artigo no que facía as predicións teóricas de cómo sería a imaxe dun buraco negro, imaxe que en 2019 se fixo realidade”, explica Raquel, que chegou en 2013 aos Países Baixos despois dunha traxectoria por medio mundo que comezou nun colexio de Ourense, cando viu un anuncio nun taboleiro. Esta semana volverá á súa cidade para participar no festival AstroGalicia, que terá lugar en Castrelo de Miño dos días 11 a 13.

De Ourense aos Estados Unidos

“Sempre me gustaron as ciencias, e xa me atraía a astronomía. E un día vin no taboleiro do colexio un anuncio de bolsas para cursar o bacharelato internacional nos Estados Unidos. E decidín presentarme”, lembra a investigadora galega. Foi aceptada, e cruzou o Atlántico ata Novo México. Unha vez rematado o bacharelato, regresou a Galicia para facer a selectividade, por se non acadaba praza na universidade estadounidense, e chegou a matricularse en Física na USC. Pero entrou na Universidade de Novo México, onde se licenciou en Astrofísica e se diplomou en Matemáticas.

De Novo México foise á Universidade de Maryland, onde realizou un Máster en Astronomía antes de volver probar sorte en España, arredor do ano 2007. “Pero atopeime co obstáculo das convalidacións; non podía ter acceso ás bolsas FPU e FPI”, lembra Raquel. Por sorte, atopou un lugar no Instituto de Astrofísica de Andalucía coa investigadora Montserrat Villar Martín, onde pasou seis meses estudando núcleos de galaxias activas.

Un ano despois, moveuse ata Santander, no Instituto de Física de Cantabria, onde formou parte durante cinco anos do grupo de Astronomía de Raios X. Naquel tempo, Raquel Fraga participou nos primeiros pasos do proxecto Athena (Advanced Telescope for High-ENergy Astrophysics) un ambicioso telescopio espacial da Axencia Espacial Europea cuxo lanzamento está previsto en 2031 para observar en Raios X os procesos máis enerxéticos e violentos do universo, entre eles os buracos negros supermasivos, como o retratado en abril deste ano.

A chegada aos Países Baixos

Despois de varios anos en Cantabria, Raquel decidiu dar o paso para facer o doutoramento. “Quería buscar un tema que fose atractivo para min, e tamén quería quedarme en Europa para estar preto da miña familia. Tiña contactos nos Países Baixos do proxecto Athena, e foi cando coñecín a idea que tiña en marcha Heino Falcke en Radboud. Facían radioastronomía, algo no que eu xa traballara, así que solicitei a praza, e felizmente concedéronma”, lembra a investigadora ourensá.

Rede do Event Horizon Telescope que captou os datos para obter as imaxes do buraco negro. Imaxe cedida por Raquel Fraga.
Rede do Event Horizon Telescope que captou os datos para obter as imaxes do buraco negro. Imaxe cedida por Raquel Fraga.

BlackHoleCam

Naquel tempo, en outono de 2013, Raquel Fraga recorda que xa se estaban asinando os acordos para definir as colaboracións do Event Horizon Telescope (EHT) a rede que fixo posible, a través de radiotelescopios colocados en distintas partes do mundo, que a humanidade puidera ver por primeira vez un burato negro. A través do proxecto BlackHoleCam, co-liderado por Radboud, o Instituto de Radioastronomía Max-Planck de Bonn e a Universidadede Goethe de Frankfurt, e que está financiado polo Consello Europeo de Investigación (ERC), o equipo do que forma parte Raquel puido mercar nova instrumentación para os seus obxectivos.

En BlackHoleCam, no marco da preparación da súa tese, centrada no estudo de Sagitario A* (o burato negro supermasivo no centro da nosa propia galaxia), a científica ourensá colabora en varios dos grupos de traballo do EHT. E entre as súas tarefas tamén está a de divulgación, xestionando as contas das redes sociais que difunden a actualidade do proxecto.

A fotografía do buraco negro

A ciencia supera unha nova fronteira: a primeira imaxe dun buraco negro

Raquel Fraga di, en broma, que conseguir a imaxe do centro de M87 foi cousa de astroloxía. “Tiveron que aliñarse os astros”, conta entre risas. Os datos que se usaron para compoñer a foto son de 2017, e as condicións meteorolóxicas naquel momento foron inmellorables en todas partes; ninguén se esperaba que tan pronto puideramos obter datos tan precisos”, lembra.

Ademais, a posta en marcha de toda a rede supuxo, alén da tecnoloxía, un esforzo humano ímprobo. “Tivo que sincronizarse á xente para irse a oito radiotelescopios de todo o mundo, pedir os tempos de observación, e apuntar cara o obxectivo ao mesmo tempo usando a precisión de reloxos atómicos para sincronizar a recollida de datos e evitar o mínimo erro de cálculo”, explica a ourensá.

E tal foi a cantidade de información recollida que non se podía enviar por internet. Fixeron falta barcos e avións para trasladar caixas e caixas de discos duros con todos os datos dende os observatorios aos dous centros onde se combinaron, o Max-Planck de Bonn e o MIT Haystack nos Estados Unidos. Despois foron analizados moi coidadosamente polos científicos.

Foi a hora da verdade. “O que se estaba facendo era algo novo, moi distinto da astronomía óptica. Durante dúas décadas estiveron desenvolvéndose a instrumentación e as técnicas para os cálculos que precisabamos. E unha vez que contrastamos todo, vimos que podiamos ter confianza e seguridade naquilo que estabamos vendo”.

Chegou entón o día histórico en Bruselas, que a piques estivo de ficar suspenso por mor das negociacións do Brexit, segundo lembra Raquel. Pero finalmente anunciouse o gran fito. Aquel día, a Universidade de Novo México, onde comezou a súa carreira, destacou a participación da científica ourensá no proxecto.

“Haberá imaxes mellores, e mesmo vídeos do buraco negro”

Unha vez acadado este avance, o equipo de BlackHoleCam segue traballando con novas metas. “Agora estamos inmersos no proxecto dun novo radiotelescopio en Namibia para mellorar a rede EHT, e sumar observacións doutros telescopios que se uniron á rede EHT en 2018, en Groenlandia, e outros que se unirán o vindeiro ano en Francia e Arizona“. Con isto, adianta Raquel, “as imaxes serán mellores que a que xa temos, e queremos facer un vídeo para amosar como van evolucionando no tempo estes buracos negros supermasivos”.

1 comentario

  1. Hi,

    Love your work, thanks a bunch. Read almost every EHT-related study published since 2019. I have a suggestion:

    Please pass this on to any appropriately skilled individual (or take it upon yourself, if you wish):

    Why don’t we treat space telescopes like electron microscopes? It’s in space, in a vacuum, and it’s cold– just like the inside of the microscope, but open. Ok, so now let’s make an electron matrix lense (e.g, like the top screen on a touchscreen) for that telescope, right at the front, like an eye has!? An electromagnetic array can keep a constant layer of electrons (or other practical sensory ‘gas’) floating in front of the sensors, and we use that field like a lens/glass to be read as a surface, and to focus signals observed. It would create an eye, instead of an eyepiece, complete with lense, chamber, back-of-the-eye sensors, as well as sensors for the matrix that forms the electron lense, and most importantly, it can still have the tradition of mirrored imaging…

    Good luck, I know it can be done, and it will improve our eyesight 100 fold.

    vascodesena@gmail.com

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A falsa endemia de malaria e outros intentos para desecar a lagoa de Antela

A partir do século XVIII a zona húmida foi considerada inimiga da agricultura. Os veciños intentaron evitar o desaugamento das terras que utilizaban para o pastoreo

Begoña Vila: “Atoparemos probabilidades de vida noutro planeta”

Co gallo do décimo aniversario de Gciencia, a astrofísica da NASA analiza a divulgación dos achados cósmicos e a busca de vida intelixente

Galicia superará os 40 graos durante a cuarta onda de calor da península

O sur de Pontevedra a Ourense serán as zonas máis afectadas durante un episodio de calor intenso que durará ata o xoves

Alerta por 19 positivos por tuberculose en Ourense: estes son os seus síntomas

Un infectado contaxiou a case unha vintena de alumnos do IES Julio Prieto Nespereira que, de momento, non desenvolveron a enfermidade