Xoves 18 Abril 2024

Semenya, a lotería do cancro e un neonazi con avós negros

É un luxo chegar un luns á Nave de Vidán, en Santiago, pedir unha cervexa e atoparse de súpeto coas charlas de tres científicos que son moi bos no seu, e que teñen apaixonantes historias persoais que contar, e que saben contalas. Na primeira xornada de Pint of Science 2017 na capital de Galicia falouse de hormonas e de xenes, e de como estes elementos constrúen, construíron e construirán ao longo do tempo a natureza humana. María José Martínez Patiño, Antonio Salas e David Posada son tres exemplos, ao igual que o resto de colegas que se sumaron á iniciativa, de que a ciencia en Galicia ten moito que contar. Da man do presentador do acto, Manuel Vicente, director de Efervesciencia, o coñecemento comezou a fluír.

Caster Semenya é unha atleta sudafricana de 800 metros lisos que gañou a medalla de ouro nos Mundiais de Berlín en 2009 en medio dunha gran controversia sobre o seu sexo. Os medios alimentaron a polémica con afirmacións como “non é un home, pero tampouco unha muller“. Máis tarde, os resultados das probas de verificación de sexo confirmaron que competía en igualdade de condicións que o resto de mulleres, pero o dano xa estaba feito. Coma ela, numerosas atletas pasaron por un calvario e sufriron a incomprensión polo mero feito de ter un aspecto que non entraba dentro dos estereotipos.

Publicidade

María José Martínez Patiño contou a súa historia persoal. Foto: Anxo Iglesias.
María José Martínez Patiño contou a súa historia persoal. Foto: Anxo Iglesias.

O que algúns dos presentes en Pint of Science descoñecían era que a poñente que lles estaba falando sufriu un calvario semellante ao de Semenya. No 1985, María José Martínez Patiño era a campioa de España de 60 metros obstáculos e tiña o récord nacional. Unha análise certificou que tiña síndrome de hipersensibilidade aos andróxenos, o que incrementaba o nivel de hormonas masculinas no seu corpo. Retiráronlle a licenza para competir, prohibíronlle adestrar e sufriu un escarnio público que acabou coa súa carreira. Desde entón, loita para evitar que o seu caso se volva a repetir. Formouse en Ciencias do Deporte , é docente na Universidade de Vigo e forma parte da Comisión Médica do Comité Olímpico Internacional que realiza os controis de sexualidade. Neste senso, Martínez Patiño sinalou que o máis importante é a confidencialidade e o respecto polas atletas que se someten a estas probas para evitar que máis mulleres teñan que pasar por ese duro trance.

Despois de María José Martínez interviu Álvaro Morales, gañador de Famelab 2015, cun divertido monólogo sobre fecundación. E tomou o relevo Antonio Salas, profesor da USC e experto en xenética humana. “Isto pinta a que todos somos primos”, titulábase a súa charla. E así é; Salas aportou datos canto menos chocantes. “Calquera europeo que vivira no ano 1017 e tivera descendencia é antepasado de todos os europeos actuais”, afirmou. E tamén, explicou, baseándose en detallados cálculos, que en Galicia todos somos curmáns de 11º grao. Para ridiculizar a idea da pureza das razas, Salas valeuse do caso dun líder supremacista branco dos EEUU, Paul Craig Cobb, que proxecta crear un novo estado formado só por xente de raza aria. En 2013, Cobb someteuse a unha proba de ADN que revelou que un 14 por cento dos seus xenes procedían de antepasados subsaharianos.

Intervención do xenetista Antonio Salas. Foto: Anxo Iglesias.
Intervención do xenetista Antonio Salas. Foto: Anxo Iglesias.

Con todo isto, Antonio Salas pretendía demostrar que as nosas familias son moito máis próximas do que parece. Unha regra que case sempre se cumpre en xenética é que o número de antepasados reais adoita ser sensiblemente menor que o de antepasados teóricos. Para confirmalo, o xenetista aportou outro dato esclarecedor: o 80 por cento das relacións humanas ao longo da historia foron entre curmáns directos ou curmáns segundos.

A xornada inaugural de Pint of Science pechouna David Posada, Biólogo do Ano en Galicia en 2016 e o primeiro investigador galego que acadou unha bolsa Starting Grant. A súa intervención foi sobre o cancro e o papel do azar na aparición dos tumores. Lembrando un recente estudo publicado en EE.UU., no que se dicía que o 66 por cento das mutacións que causaban cancro estaban causadas polo azar, Posada sinalou que “o cancro é o prezo que temos que pagar por estar vivos”.

David Posada. Foto: Anxo Iglesias.
David Posada. Foto: Anxo Iglesias.

O investigador galego expuxo con claridade e concisión as dificultades que afrontan médicos e científicos á hora de enfrontarse aos tumores. Este crecemento descontrolado de células é heteroxéneo e imprevisible, de aí o elevado número de mortes que produce cada día. Con todo, a investigación avanza, e cada vez se coñece mellor ao cancro. Posada apuntou tamén outras curiosidades, como a baixa incidencia do cancro nos elefantes ou nas baleas. Débese, segundo explicou, a que posúen numerosas copias do xene P53, un supresor de tumores, mentres que o ser humano só ten dúas copias. Sinalou, do mesmo xeito, as limitacións da quimioterapia: un determinado medicamento pode neutralizar un tipo de células tumorais, mais non actúa sobre outras. Como mellorar isto? Con investigación, investigación e máis investigación.

Tras dúas horas e media, arredor das once da noite, clausurouse a primeira xornada de Pint of Science na Nave de Vidán. Na Coruña, tamén gozaron con dúas interesantes sesións, que se repetirán ata o mércores. Aprender, ás veces é moi sinxelo.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:05:00

O amor, unha cuestión de química?

Substancias químicas como a dopamina espertan o desexo que podemos sentir por alguén, pero só uns vínculos profundos garanten unha relación duradeira

Un estudo galego revela que as persoas con demencia teñen máis sensibilidade á música

O proxecto Sensoxenona evidencia que a música “afina” a expresión dos xenes alterados en pacientes con enfermidades neurodexenerativas

Un estudo da USC valida a eficiencia de ChatGPT fronte aos mitos sobre as vacinas contra a covid

Investigadores galegos analizan as respostas do popular chatbot fronte ás crenzas falsas máis estendidas sobre o coronavirus en redes sociais

Un estudo sobre poboación galega demostra a eficacia da dose de reforzo contra a covid

Os investigadores do IDIS analizaron máis dun millón e medio de tests, tamén en pacientes comórbidos