Martes 19 Marzo 2024

Peregrina Quintela: “Para acabar coa fenda de xénero hai que ter conciliación real”

A catedrática de Matemática Aplicada da USC é unha referencia académica no traballo de transferencia do coñecemento á industria

As Matemáticas son unha das disciplinas científicas que máis atraen aos novos estudantes nos últimos anos. Os novos desafíos tecnolóxicos requiren de persoas capaces de ensinar ás máquinas máis avanzadas a interpretar os datos que reciben. Desde Galicia, o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) é un consorcio que reúne o coñecemento das tres universidades públicas para levalo a Administracións Públicas, empresas e industria. A súa directora, Peregrina Quintela Estévez (Vigo, 1960), catedrática de Matemática Aplicada da USC, tamén preside a Red Española de Matemática Industria (math-in), e acumula unha longa experiencia no eido da modelaxe e análise matemática, a simulación numérica e outras disciplinas.

A súa traxectoria, que comezou coa licenciatura de Matemáticas na USC e dous doutorados pola Universidad Autónoma de Madrid e a Sorbona de París, valeulle en 2016 o premio María Wonenburger que outorga a Xunta de Galicia. Este venres 14 será unha das participantes da mesa redonda que acollerá a Casa das Campás de Pontevedra co gallo do Día da Muller e a Nena na Ciencia.

Publicidade

– Lembra cando decidiu ser matemática?

– A min sempre me gustaron as ciencias. Barallei as opcións de Física e Matemáticas, que naquel momento podía estudar en Santiago. E acabei de decidirme porque gañei un premio na Olimpiada de Matemáticas que me permitía ter a matrícula gratuíta. Así comecei.

– Alguén lle dixo algunha vez que iso non era cousa de mulleres?

A verdade é que non. Xa no instituto todas as profesoras de Matemáticas eran mulleres, así que enmarcaba aquilo dentro da normalidade. Curiosamente, os de Física eran todos homes. Pero non, nunca me ten pasado ningún detalle así, nin entón nin no resto da carreira. 

– Con todo, considera que quedan pasos por dar?

– Xa se levan dado moitos, e o camiño percorrido é moi importante. Temos xa a moitas mulleres ocupando postos de responsabilidade. Pero si, queda por facer. A clave para acabar coa fenda é unha conciliación real. O que dificulta moitas veces conseguila é que a muller adoita ser máis sensible cara a carga familiar. Non é só compartir as tarefas na casa, senón tamén compartir a responsabilidade na toma de decisións. E vese por sorte, cada vez máis, que cando non hai cargas familiares xa non hai teito de cristal, polo menos no eido das Matemáticas. 

Pero queda por dar outro paso, porque seguimos vendo que ao pensar en coidados, tanto a persoas maiores como a nenos, a muller considera en maior medida que a obriga é súa. E aí hai que avanzar.

Por outra banda hai que desenvolver tamén mecanismos que permitan de verdade compatibilizar a vida laboral e a familiar. Hai pais aos que unha escola infantil non lle soluciona nada se o horario non é flexible para poder resolver incidencias profesionais e mesmo persoais en momentos puntuais. 

– As Matemáticas volven estar de moda nos últimos anos, despois do tempo no que se chegaron a considerar unha carreira sen saída. A que se debe?

– É unha suma de moitos factores. Por unha parte, desde o colectivo de matemáticos estase a facer un traballo moi importante para divulgar a gran cantidade de aplicacións que teñen. Por outra, tampouco se están escatimando esforzos para impulsar a transferencia ao tecido industrial, achegándonos ás empresas e administracións para que sexan conscientes disto. 

Hai outro factor que é o cambio que sucedeu coa dixitalización das empresas: despois desta adaptación, chega un momento no que as empresas, para incorporar machine learning,  big data, ou xemelgos dixitais nos seus procesos e nas tomas de decisión, precisan algoritmos máis robustos, rápidos e efectivos, e poder incorporalos ao labor diario dos seus traballadores. Para isto a utilización de métodos matemáticos avanzados é indispensable. 

En definitiva, conseguiuse acadar a atención de colectivos moi diversos, nos que as Matemáticas teñen un papel moi importante, e iso nótase no interese que espertan.

– Falaba das aplicacións que teñen as Matemáticas. Teñen feitos traballos moi salientables, como predicir a calidade da auga do lago de Meirama.

– Si, foi un proxecto moi interesante porque cando se pechou a mina querían recuperar a paisaxe. Había un oco enorme que deixou a explotación, e unha das opcións era enchelo coa auga de regatos da zona. O problema era que tanto as paredes como as augas de escorrentía podían contaminar a auga. E grazas ás matemáticas, coa colaboración de expertos de diversos eidos, puidemos facer unha simulación numérica para analizar a evolución da auga durante a enchedura, tendo en conta os cambios de estación, a inversión das capas de auga, a cinética química, etc. Foi un problema complexo, e puidemos propoñerlle a empresa a mellor solución posible para acometer o proxecto.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Grandes mulleres científicas que loitaron para romper o teito de cristal

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de Katalin Karikó é a flamante gañadora do último...

A UVigo adica febreiro a accións divulgativas polo Día da Muller e a Nena na Ciencia

O programa da Universidade de Vigo polo 11F inclúe obradoiros, feiras divulgativas, charlas e certames
00:02:00

Elena Vázquez Cendón e as vocacións científicas: “A min as mates danme seguridade”

A premio Wonbenburguer 2022 abre ante 400 estudantes o ciclo A Foto 51, organizado polo Concello de Pontevedra co gallo do 11F

Feiras divulgativas, charlas, talleres e concursos para celebrar o 11F na UVigo

Os campus de Vigo e Ourense énchense de actividades co gallo do Día da Muller e a Nena na Ciencia