Os científicos que dan a batalla contra o avellentamento reúnense en Santiago

O encontro da Rede Nacional de Excelencia de Senescencia Celular contará con expertos como Manuel Serrano, ‘fichado’ pola empresa Altos Labs

O investigador Manuel Serrano, do IRB de Barcelona, que foi recentemente 'fichado' pola empresa Altos Labs, asistirá este venres ao encontro sobre senescencia en Santiago. Foto: IRB Barcelona.
O investigador Manuel Serrano, do IRB de Barcelona, que foi recentemente 'fichado' pola empresa Altos Labs, asistirá este venres ao encontro sobre senescencia en Santiago. Foto: IRB Barcelona.

O enorme desenvolvemento que viviu o planeta nos últimos dous séculos explícase, en gran medida, polos avances científicos que permitiron ás persoas vivir máis e mellor. Pero sempre é posible dar un paso máis. Niso andan moitos equipos de todo o mundo, estudando aspectos como a senescencia, un dos procesos que as células utilizan para afrontar os problemas serios que ameacen a súa supervivencia: “Un deles é a apoptose, a morte celular programada, e outro é o da senescencia: as células frean o seu proceso de división para non propagar os posibles erros que se están a xerar debido ao avellentamento e os factores asociados a el”, explica Manuel Collado, líder do laboratorio de Senescencia Celular, Cancro e Envellecemento do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). Collado e o seu equipo son os anfitrións do encontro anual da Rede Nacional de Excelencia de Senescencia Celular, que este venres 5 de novembro ten lugar no Hotel San Francisco da capital galega. Participan máis de 60 científicos e científicas de nove laboratorios españois xunto a varios convidados doutros países.

En Galicia estarán algúns referentes internacionais desta batalla contra o avellentamento. Por exemplo, Scott W. Lowe, do Sloan Kettering Institute de Nova York (EUA), un dos principais investigadores en cancro no mundo, un dos convidados internacionais xunto a Miguel Godinho Ferreira do IRCAN de Niza (Francia), ou Cleo Bishop, do Blizard Institute de Londres (Reino Unido). Xunto a eles, Manuel Serrano, outro científico moi relevante e de actualidade nas últimas semanas, ao confirmar a súa participación en Altos Labs, unha iniciativa financiada polos multimillonarios Yuri Milner e Jeff Bezos para afondar nos estudos sobre reprogramación celular.

A procura da fórmula dunha ‘xuventude’ máis longa

A Rede Nacional de Excelencia de Senescencia Celular reúne a equipos que, desde diversas perspectivas, analizan as vantaxes e desvantaxes dos procesos de senescencia para aplicalos ao posible tratamento de enfermidades asociadas ao avellentaemento ou os procesos de inflamación e crecemento descontrolado das células. Isto inclúe a un grande abano de patoloxías, desde o cancro ata o alzheimer, a artrite, a dexeneración macular ou a fibrose pulmonar.

Tal e como explican desde o laboratorio de Collado no IDIS, “a investigación en senescencia celular non se detén no avellentamento, xa que estas células tamén parecen xogar un importante papel no mantemento correcto dos tecidos e na súa reparación; con todo, o coñecemento da bioloxía das células senescentes non é sinxelo”.

Así, por exemplo, os estudos realizados nos últimos anos amosaron que estas células senescentes teñen unha influencia positiva na rexeneración e reparación de tecidos en certos contextos (o que pode evitar a aparición do crecemento descontrolado de células e a aparición de tumores, por exemplo) pero á vez poden ser unha barreira para os mesmos tecidos nos procesos de avellentamento, contribuíndo de forma negativa á contorna mediante a secreción de moléculas que poden alterar aos tecidos próximos.

‘Controlar’ as células senescentes abriría un enorme abano de opcións para combater doenzas asociadas ao avellentamento

Neste contexto, equipos como o de Manuel Serrano, que traballa ata agora no Instituto de Investigación Biomédica (IRB) de Barcelona, foi pioneiro no descubrimento do papel como barreira antitumoral que xoga a senescencia. Grazas a este proceso, as células danadas que sofren a activación dos xenes promotores do cancro (oncoxenes) deteñen a súa división celular, impedindo así a formación de tumores.

Serrano está a abordar novos enfoques alén dos avances xa acadados, como é a cuestión da reprogramación celular: a obtención de células nai embrionarias e pluripotentes (coa capacidade de volver diferenciarse en converterse en diversos tipos de tecidos) a partir de células adultas. Os avances nesta disciplina valéronlle en 2012 o Nobel a Shinya Yamanaka, que tamén se incorporará ao proxecto de Altos Labs xunto a Manuel Serrano.

A isto tamén se dedica outro dos investigadores contratado pola empresa, o tamén español Juan Carlos Izpisúa, do Instituto Salk de California, que nalgúns estudos en ratos conseguiu aumentar nun 30% a duración da vida dos individuos grazas a técnicas de reprogramación celular.

Fármacos que freen a senescencia

Porén, hai ocasións nas que as células tumorais foxen do control natural da senescencia. E neste escenario xorden novas oportunidades para inducir estes procesos, en técnicas tan coñecidas como a quimioterapia. Aínda que estes fármacos procuran a morte dos tumores, o que acontece en ocasións é que os axentes quimioterapéuticos danan as células tumorais e fanas entrar nun estado de senescencia. A procura destes fármacos senolíticos provocou que nos últimos anos se puxesen en marcha numerosas compañías de biotecnoloxía

Desde Santiago, o equipo de Manuel Collado no IDIS tamén acadou avances relevantes últimos anos, desenvolvendo compostos senolóticos capaces de eliminar de maneira selectiva as células tumorais senescentes producidas pola quimioterapia, tal e como expuxeron nalgúns artigos, como o que publicaron en 2019 en Nature Communications.

Científicos de Santiago conseguen matar de forma selectiva as células envellecidas

No encontro de Santiago tamén estarán equipos que abordan a senescencia desde diversos enfoques, como o de Pura Muñoz Cánoves, da Universitat Pompeu Fabra (UPF) de Barcelona, experta mundial en rexeneración muscular; Joaquín Arribas, do Instituto Vall d’Hebron en Barcelona, experto en cancro; María Abad, do mesmo centro, experta en microproteínas; Eva González-Suárez, do CNIO de Madrid, experta en cancro de mama; Ignacio Palmero, do IIBM Alberto Sols de Madrid, experto en distintas facetas da senescencia celular; Isabel Varela-Nieto, do mismo instituto, experta en desenvolvemento do ouvido; e Ramón Martínez Máñez, da UPV de Valencia, experto en química e nanomedicina.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.