Sábado 20 Abril 2024

Un fío de esperanza para novos tratamentos contra o párkinson

A científica andaluza Patricia González lidera unha investigación que publica "Nature" que obtén "datos sen precedentes" a partir de modelos de rato

No ano 2015, nun laboratorio do Instituto de Biomedicina de Sevilla (IBIS), a científica Patricia González Rodríguez desenvolveu, xunto ao grupo do doutor José López Barneo, un rato modificado xeneticamente para inducirlle a progresión da enfermidade de párkinson, converténdose no primeiro modelo animal coñecido capaz de mimetizar esta doenza en humanos. Seis anos despois, desde a Northwestern University de Chicago (EUA), esta investigadora andaluza acaba de recoller os froitos daquel traballo cun artigo que publica a revista Nature, describindo “datos sen precedentes” sobre o párkinson e abrindo, deste xeito, unha xanela de luz pola que poderían abordarse novas vías de tratamento contra a enfermidade. Xunto ao alzhéimer, o párkinson é a patoloxía neurodexenerativa máis prevalente na actualidade, e a súa incidencia incrementarase nas vindeiras décadas.

O párkinson caracterízase pola perda (ou dexeneración) das neuronas dopaminérxicas da substancia negra do sistema nervioso central. Esta perda provoca falta de dopamina no organismo, substancia que transmite información necesaria para que realicemos movementos con normalidade e, polo tanto, dá lugar aos síntomas motores típicos, como o tremor en repouso ou a rixidez.

Publicidade

O traballo, no que colaboran institucións científicas de varios países, conclúe que non abonda con afectar unha parte das neuronas dopaminérxicas (axóns) como se pensaba ata o de agora, senón que debe afectarse tamén o corpo da propia célula (soma). Ademais, observouse que as neuronas afectadas pola enfermidade non morren, só perden algunhas das súas propiedades, polo que poderían reactivarse con posibles novos e futuros tratamentos.

As causas do párkinson son descoñecidas a día de hoxe, aínda que tradicionalmente foron asociadas a defectos nun complexo molecular denominado CMI nas neuronas dopaminérxicas da substancia negra. A ausencia dun modelo animal axeitado para testar esta hipótese foi un obstáculo para avanzar no coñecemento sobre as causas do párkinson. Isto xerou un debate no estudo da doenza, xa que non estaba claro se os defectos de CMI eran causa ou consecuencia da enfermidade.

Neste novo traballo descríbese tamén que as neuronas afectadas pola enfermidade perden algunhas das súas propiedades e cambian o seu metabolismo durante un tempo longo. Este dato é importante pola crenza previa na comunidade científica de que a neurona afectada morría pola enfermidade sen opción de recuperarse. Este cambio de paradigma abre as portas a unha gran cantidade de vías de investigación para novos tratamentos terapéuticos.

“O obxectivo final é comprender mellor a fisiopatoloxía da enfermidade de párkinson e contribuír con este coñecemento ao desenvolvemento de terapias novas que mellorarán a calidade de vida e a expectativa dos pacientes” comenta. Patricia González, que proximamente volverá ao IBIS de Sevilla para continuar traballando xunto ao equipo de López Barneo.

O modelo de rato utilizado na investigación presenta unha patoloxía rexionalmente selectiva, é dicir, primeiro aféctase o axón das neuronas dopaminérxicas e posteriormente o soma (corpo da célula). Tamén se explica no estudo que non abonda con que se afecten (e funcionen mal) os axóns das neuronas dopaminérxicas para que se de o parkinsonismo, senón que ten que afectarse o soma.

Durante máis de trinta anos, a opinión predominante entre os científicos que estudan a enfermidade foi que os síntomas motores cardinais son causados polo esgotamento de dopamina nos axóns. Con todo, fronte a esta corrente de pensamento, o artigo describe que para que aparezan os síntomas motores da enfermidade de párkinson é necesaria a falta de dopamina na rexión onde están os somas (corpo da célula) das neuronas, chamada substancia negra.

A partir da investigación básica realizada previamente, iniciouse un estudo clínico en pacientes con párkinson en colaboración con Michael Kapplit, neurocirurxián no Weill Cornell Medical College (Nova York, EUA) e coautor deste artigo xunto a Patricia González. Esta terapia xénica irá dirixida a tratar esta pequena área do cerebro chamada substancia negra onde está o soma (corpo) das neuronas en vez dos axóns como maioritariamente se fixo ata o de agora.


ReferenciaDisruption of mitochondrial complex I induces progressive parkinsonism (Publicado en Nature).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta a proteína responsable da sensación de frío

O estudo foi publicado na revista ‘Nature Neuroscience’ e pode axudar a comprender como perciben as temperaturas baixas os seres humanos

Crean en Vigo un mapa de biodiversidade costeira a partir de 11.000 chíos

A análise da información recompilada na rede X permite, cun baixo custo, complementar os programas existentes de vixilancia

Atracción fatal ou confusión? Este é o verdadeiro motivo polo que os insectos voan arredor das bombillas

Estes animais non se dirixen ao foco luminoso, senón que se inclinan cara a el, desvíanse e modifican de forma errática a súa traxectoria

Pesticidas e párkinson: unha conexión fóra de toda dúbida

Diferentes estudos realizados demostran que ata dez insecticidas, funxicidas e herbicidas producen danos neuronais asociados a esta doenza.