Venres 26 Abril 2024

Miguel Ángel Ríos: “A ciencia vai protagonizar unha nova revolución cultural”

O catedrático emérito da USC cede este mércores a presidencia da Real Academia Galega de Ciencias a Juan M. Lema Rodicio

Hai pouco máis de cinco anos, Miguel Ángel Ríos Fernández, catedrático emérito da USC, e un dos impulsores da Química Cuántica e a computación en Galicia, asumía a presidencia da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) sucedendo ao finado Ernesto Viéitez. Este mércores, cumprido o seu mandato, Ríos, que dirixiu tamén o centro de cálculo Barrié de la Maza da USC, e o consello de administración do Cesga, cede o cargo a Juan Manuel Lema Rodicio, catedrático de Enxeñaría Química da USC, e alumno de Ríos cando era estudante na universidade compostelá.

O presidente en funcións deixa unha Academia moi renovada, despois de cinco anos nos que se deron importantes pasos: a entrada de novos académicos – entre elas varias mulleres – a convocatoria de galardóns como o de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia ou os Ernesto Viéitez de Investigación, así como os dedicados á divulgación (Contar a Ciencia e Premio de Xornalismo Científico) ou o fomento do Día da Ciencia en Galicia como data para transmitir o legado e importancia de grandes investigadores e a súa achega á sociedade.

Publicidade

– Cambiou ben a Academia en cinco anos…

Algo de cambio si que houbo, sobre todo porque ao chegar había eivas que corrixir para adaptarse aos novos tempos. A metade das prazas estaban vacantes, estaba moi centralizada en Santiago, aínda pouco aberta ás universidades de Vigo e A Coruña, cunha idade media moi avanzada, etc.

Houbo que facer un esforzo moi importante, pero conseguimos dar pasos no bo camiño. Nestes anos ingresaron 20 novos académicos (entre eles todos os do novo equipo directivo), varias mulleres; e foi xente das diversas áreas de coñecemento, xa que algunhas delas estaban bastante ao descuberto cando chegamos.

Tivemos en conta todos eses criterios: a excelencia investigadora, que fosen doutras universidades, as áreas de coñecemento, o xénero… Creo que hoxe a Academia xa ten outra cara.

Ríos: “Queriamos abrirnos á sociedade, achegarnos á xente e ser máis divulgativos, e creo que o estamos conseguindo”

– De que aspectos está máis satisfeito?

– Non falaría de nada en concreto, senón de todo o que se fixo. Queriamos abrirnos á sociedade, achegarnos á xente e ser máis divulgativos. Imos pouco a pouco, pero creo que o estamos conseguindo, tendo en conta que viñamos dun punto de partida moi difícil. Temos dentro xente moi valiosa, e agora ela é quen ten que dar ese novo salto.

Se queremos falar de exemplos, hai moito onde escoller. Un deles é o Día da Ciencia en Galicia; a miña teima era que esta data collera relevancia institucional, que non fora só a homenaxe a un científico, senón que a sociedade se implicara nel. E creo que con iniciativas como as unidades didácticas para os centros educativos, primeiro coa Fundación Barrié e logo co Consello da Cultura Galega, o Parque das Ciencias Isidro Parga Pondal, en Santiago, a recuperación do Premio de Xornalismo Científico ou a exposición itinerante sobre os científicos galegos conseguimos este obxectivo.

– O seu sucesor vén tamén do eido da Química. Que pode dicir do profesor Lema Rodicio?

– O profesor Lema foi alumno e é amigo, e ten unha traxectoria que fala por si mesma. Foi clave para poñer en marcha a Escola Técnica Superior de Enxeñaría en Santiago. E o mesmo podo dicir do resto do equipo. A nova directiva é tamén un novo xesto cara a apertura que comentabamos ao principio: son todos académicos que entraron neste mandato, hai dúas mulleres (Alicia Estévez e Pilar Bermejo) e un representante das outras universidades (Antón Álvarez Sousa (UDC) e Fernando Pérez (UVigo).

Agora temos a Academia case cuberta ao 100%, con xente suficiente e disposta a traballar e colaborar en todas as áreas. Está todo listo para dar ese novo salto.

Pediulle algún consello o novo presidente?

– Juan Manuel Lema precisa poucos consellos porque ten sobrada preparación en organización e xestión, pero si que estivemos falando do que se fixo ata agora e do que quedou por facer.

A RAGC seguirá sendo o que xa era, porque as súas directrices así o marcan, pero dentro disto cómpre un novo pulo. Por exemplo, o financiamento sempre foi un obstáculo para sacar adiante algunhas ideas, e temos que procurar solucionalo. E hai ideas, como a creación dun foro de debate e opinión sobre temas científicos que afecten a Galicia, que poderían saír adiante.

– Nos seus discursos sempre insiste en que a sociedade non pode avanzar sen a ciencia: está isto claro na sociedade galega?

– Hoxe máis ca nunca na historia a ciencia ten unha proxección social e económica que é tremenda, pola súa influencia no seu día á día. O mellor favor que lle podemos facer é comunicala, contarlla á sociedade, para que saiba o que están facendo os investigadores.

En Galicia estamos acostumados a falar da cultura como a cultura das letras. Non quero dicir que sexa malo, é estupendo que se fale de cultura, por suposto, pero xa o dicía Ramón y Cajal: “Ao carro da cultura en España fáltalle a roda da ciencia”. E a ciencia está a mudar o mundo como nunca antes.

A situación galega mellorou moito, sen dúbida. Nos medios de comunicación fálase máis de ciencia; non só nos especializados, senón tamén nos xeralistas. E hai que seguir loitando por isto, porque temos que fomentar a cultura científica desde o colexio, a todos os rapaces.

Se o conseguimos, non van ser só os científicos os que falen de ciencia. Eses rapaces, no futuro, ademais de ser científicos, van ser políticos, e deben ter claro que hai que dar máis apoio á investigacións; e van ser empresarios, e terán tamén claro que financiar a ciencia é clave para mellorar a sociedade.

– Vostede foi un dos pioneiros da computación en Galicia: a que nos enfrontamos nos vindeiros anos coa chamada cuarta revolución industrial?

– Xa o dicía antes: a tecnoloxía está cambiando a nosa vida a unha velocidade nunca vista: coa intelixencia artificial e a robótica imos afrontar unha situación para a que posiblemente non estamos preparados de todo. Desaparecerán funcións e postos de traballo que ata agora facían persoas, e xurdirán novas necesidades. E temos que mobilizarnos para que a sociedade non sufra ante estes cambios, empezando desde as escolas.

A ciencia vai protagonizar unha nova revolución cultural: os nosos referentes, o modo de vida, a mentalidade… Todos estes cambios precisan de coñecemento para afrontalos, e niso temos que insistir.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

A eternidade por fin comeza un luns

Artigo gañador da VI edición do IGFAE C3, o concurso de comunicación científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías
00:05:26

Gciencia fai 10 anos

O portal da ciencia culmina dez días de celebracións polo seu décimo aniversario