Mapas para combater o ébola desde Galicia

Un equipo de universitarios traballa desde Santiago na cartografía de campos de refuxiados e vilas afectadas pola epidemia entre Congo e Uganda

En novembro de 2018, a Facultade de Xeografía de Santiago de Compostela acolleu unha actividade en colaboración con Médicos sen Fronteiras denominada Missing Maps (Mapas perdidos), na que participaron máis de 40 persoas para poñer luz en zonas vulnerables do planeta. Aquel día, por exemplo, o equipo desenvolveu mapas dun barrio de Caracas e un espazo fronteirizo de Níxer, afectado por epidemias e o grupo terrorista Boko Haram. Coñecer ben o terreo, as vías de comunicación ou os servizos pode mellorar a vida de milleiros de persoas nestes lugares, que moitas veces carecen dunha cartografía axeitada.

Aquel encontro foi o punto de partida do que acabou nacendo Youth Mappers USC, un equipo de case 20 persoas que desde finais do pasado ano se reúne un ou dous martes pola tarde ao mes no seminario de Xeografía da USC. Alí, entre petiscos, comparten un par de horas poñendo luz sobre lugares que o precisan.

Publicidade

Xornada de traballo de Youth Mappers USC.
Xornada de traballo de Youth Mappers USC.

Aínda que o ébola non ocupa estes meses tantas páxinas nos grandes medios, a epidemia segue causando moita dor na República Democrática do Congo. Un brote que comezou o pasado agosto causou máis de 500 mortos. A enfermidade, xunto a outros conflitos, provoca que centos de miles de persoas estean cruzando a fronteira cara a Uganda, país que acolle aos refuxiados. Nestas zonas fronteirizas é onde están actuando os mozos galegos. “Impresionounos moito a cantidade de poboación desprazada“, conta Diego Cidrás, doutorando na Facultade de Xeografía e coordinador do proxecto.

O equipo de Youth Mappers USC está formado na súa maioría por estudantes de Xeografía dos últimos cursos de grao, aínda que tamén participas persoas doutras titulacións, e o grupo está aberto a calquera persoa con mínimos coñecementos de cartografía e ganas de botar unha man. Contan tamén con colaboradores que traballan desde os campus de Lugo e A Coruña. “O obxectivo é crear rede, constituír un grupo amplo que poida manterse”, explica Diego Cidrás.

Centos de quilómetros de mapas

En colaboración coa comunidade Humanitarian Open Street Maps (HOTOSM) en Uganda, os voluntarios galegos xa ampliou os mapas de centos de quilómetros de vivendas nas aldeas do país que poderían recibir o fluxo de refuxiados desde o Congo, tal e como se pode ver nas imaxes baixo estas liñas. “Son lugares que mudan a moita velocidade, porque chegan en pouco tempo moitos milleiros de persoas, e teñen que estar preparados para organizar o espazo”, conta o coordinador de Youth Mappers USC.

Antes e despois dun dos mapas nos que traballa o equipo de Santiago.
Antes e despois dun dos mapas nos que traballa o equipo de Santiago.

A partir de fotografías aéreas vanse poñendo no mapa as casas, as estradas, os pozos de auga, etc. dos que se deben servir os habitantes destas zonas. A información intercámbiase e verifícase constantemente no propio lugar, para ir actualizándoa.

E ademais, desde Galicia ofrécense, alén do labor humanitario, traballos de desenvolvemento das comunidades locais. “Estamos axudando tamén mediante o proxecto HOTOSM a formar aos habitantes da zona para que poidan manexarse con cartografía e xeografía en xeral, facer, por exemplo, análises de risco de inundacións, etc., cousas que lles poden ser moi útiles”.

Máis información e contacto de Youth Mappers USC:

Páxina web.

Twitter.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O tempo cambiará de maneira radical en Galicia: volve a chuvia e caen as temperaturas 10 graos

A partir do luns, unha fronte fría asociada a unha borrasca atravesará a comunidade

A fronteira con Portugal é a área de Galicia con maior presenza do mosquito da malaria

O insecto leva anos na comunidade pero o parasito non está en circulación, polo que o risco de transmisión autóctona é baixo

Unha dorsal anticiclónica disparará os termómetros por riba dos 30 graos

O mércores e o xoves serán os días máis calorosos da semana, con valores térmicos que superan a media de maio

Praga de moscas en 21 concellos galegos: as causas dunha invasión que vén para quedar

As variacións bruscas de temperatura e o cambio climático son factores que inflúen na multiplicación dos insectos