Imaxe do mapatón celebrado en Santiago e exemplo de mapa editado desde a plataforma Missing Maps.

Imaxe do mapatón celebrado en Santiago e exemplo de mapa editado desde a plataforma Missing Maps.

Galicia pon no mapa as zonas máis vulnerables do planeta

A Facultade de Xeografía da USC acolle unha actividade para mellorar a cartografía das zonas desfavorecidas e axudar así na súa mellora e xestión

Cando as organizacións humanitarias chegan a un lugar devastado por un desastre natural, unha guerra ou unha pandemia, están moitas veces ás escuras. As cartografías aéreas que podemos ver nas nosas pantallas non teñen o mismo nivel de detalle en todo lugar do mundo, e as eivas nos mapas das zonas de crise poden ser, ás veces, cuestión de vida ou morte. Localizar e identificar unha posible vía de evacuación, un pozo de auga ou os lugares máis habitados é esencial,e para iso fai falta un mapa que os amose.

Este mércores, a Facultade de Xeografía de Santiago acolleu unha actividade que recibe o nome de mapatón, un proxecto colectivo no que calquera persoa con mínimos coñecementos de informática pode axudar a poñer no mapa lugares do globo nunha situación vulnerable. A iniciativa, que se desenvolveu en colaboración con Médicos sen Fronteiras, utilizou a ferramenta Missing Maps, co que calquera persoa pode poñer desde a súa casa un pequeno gran de area a través dos planos de código aberto da plataforma Open Street Maps.

En Santiago traballouse en dous puntos: unha zona rural de Níxer e un barrio marxinal de Caracas, en Venezuela. “Así podemos axudar a identificar canta poboación vive nun determinado lugar, as casas habitadas, os camiños e sendeiros de acceso… Temos que ver onde están as persoas para así poder axudalas”, explica Alberto Martí, profesor de Xeografía da USC e un dos coordinadores do mapatón.

A actividade encheu o aforo. Máis de 40 persoas, moitas delas estudantes, colaboraron en quendas de mañá para completar o mapa destas dúas zonas, e foron asesorados por profesores da facultade para resolver as posibles dúbidas. “Podes ver claramente como se contribúe a salvar e mellorar vidas”, conta Diego Cidrás, investigador na Facultade de Xeografía e un dos participantes no mapatón. “Vimos algún exemplo, como o do barrio de Caracas, no que localizar ben se existe ou non un rueiro pode ser a clave para actuar nunha situación de emerxencia”, conta.

Os voluntarios contrastarán os datos sobre o terreo e as ONGs aproveitaranos para mellorar as comunidades

Agora quedan as outras dúas partes que fan posible Missing Maps. Unha vez completado o mapa, os equipos de voluntarios que traballan sobre o terreo contrastan os datos con residentes na zona, e engaden os detalles, como a toponimia local, precisos para obter unha cartografía o máis axeitada posible á realidade. Finalmente, con estes mapas contrastados, as organizacións humanitarias desenvolven proxectos nestas zonas para reducir os posibles riscos e mellorar a vida das comunidades.

Está previsto que o ano que vén se repita o mapatón en Santiago. Porén, en calquera momento que teñamos libre é posible botar unha man. Na web de Missing Maps hai tutoriais sinxelos e accesibles para poder botar unha man, e aparecen tamén os proxectos que están actualmente en marcha. Desde casa, sen levantarse da cadeira, un pode axudar a mellorar a vida de alguén en Bangladesh, Ruanda ou Filipinas.

Máis información en Missing Maps.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.