Xoves 28 Marzo 2024

Máis e mellor auga para Vigo grazas á tecnoloxía

A potabilizadora da cidade dotarase dun novo sistema innovador e responderá a normativa comunitaria sobre a auga de consumo

O pasado 14 de outubro poñíase a primeira pedra da nova potabilizadora do Casal que abastece de auga, desde hai décadas, a Vigo e a outros catro concellos da área metropolitana, entre eles Moaña e Cangas. A actual Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) da cidade foi construída a mediados dos anos 70 para tratar a auga procedente da concesión que o Concello de Vigo dispoñía no río Oitavén. Tras dúas melloras levadas a cabo nos anos 90, hoxe, do Casal, vén o 90% da auga potable que se consome na cidade olívica.

Pero a infraestrutura viguesa ten que renovarse e, con ese obxectivo, vai ser ampliada e modernizada coa instalación dun sistema sen precedentes en España, o uso de membranas de ultrafiltración para mellorar a calidade da auga. O aumento do volume de tratamento, dos 900 litros de auga por segundo actuais ata os 2.200, é outra das novas anunciadas neste proxecto que, segundo o prazo de execución, estará concluído no 2023 e que conta cun orzamento estimado de 23 millóns de euros.

Publicidade

Un edificio de dúas alturas para un sistema innovador

Nunha primeira fase, construirase un edificio de dúas alturas e planta circular sobre o decantador existente. A auga será pretratada na parte inferior, circulando e mesturándose con distintos reactivos, para ser despois bombeada ata o segundo nivel onde se encontrará o sistema de filtración e ultrafiltración por membranas. Un sistema que ten como misión purificar a auga ao máximo grazas a retención de partículas sólidas, como os metais, os virus e os xermes, de ata 0,02 millonésimas de metro. A auga ultrafiltrada conducirase finalmente ata un depósito cunha capacidade de 132.000 m3, o equivalente a máis de 50 piscinas olímpicas. Nunha segunda fase do proxecto, cando o sistema de ultrafiltración estea operativo, construirase un novo laboratorio e unha nova sala de control totalmente automatizada.

A resposta as novas esixencias comunitarias

Os responsables do proxecto aseguran que con esta renovación, a ETAP de Vigo pon un pé no futuro ao responder as esixencias da nova Directiva europea relativa a calidade da auga destinada ao consumo humano aprobada pola cámara comunitaria e o Consello Europeo en decembro do 2020. A normativa, deseñada para protexer a saúde das persoas dos efectos adversos de calquera contaminación da auga potable, reforza os controis de calidade tanto no punto de consumo como nas zonas de captación, establece parámetros sanitarios máis estritos baseados en ditames científicos recentes e no principio de cautela, prevé a mellora da información aos consumidores e ten en conta, como gran novidade, unha iniciativa cidadá europea, “Right2Water”, lanzada en defensa de que o acceso a auga de calidade para o consumo humano forme parte dos dereitos humanos.

A primeira pedra da nova potabilizadora

A mediados do mes pasado, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o CEO de Aqualia, a empresa concesionaria do subministro de auga na cidade, Félix Parra, colocaron a primeira pedra da nova ETAP nun acto no que tamén enterraron unha cápsula do tempo. Nesa misiva ao futuro ían xornais do día, moedas en curso legal, un CD do proxecto e unha botella de auga recollida na potabilizadora nese momento.

O directivo da empresa concesionaria subliñou o desafío de levar a cabo toda a renovación da Estación de Tratamento de Auga Potable sen interromper o subministro a un total de 500.000 usuarios. O alcalde destacou, pola súa banda, que coa nova potabilizadora garántese o abastecemento a cidade nas próximas décadas e cualificou o proxecto de “reto tecnolóxico excepcional”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A ciencia de Cíes ilustra Fitur

A natureza do arquipélago, eixe principal da oferta de Vigo na feira internacional de turismo que se celebra en Madrid

Do río á billa: así será a novidosa ultrafiltración da auga de Vigo

Comezan as obras da nova potabilizadora do Casal, a primeira de España en aplicar un sistema de depuración por membranas con bombas somerxibles

Illas Cíes, un ecosistema na fronteira: o legado da investigación científica no arquipélago

Un libro recolle, en formato divulgativo, o traballo do comité científico, composto por expertos das universidades galegas, CSIC, IEO e outros colaboradores

Sete depuradoras galegas serán analizadas para alertar de rebrotes da Covid-19

A Universidade de Santiago, Augas de Galicia, Sergas e varias empresas de xestión da auga asinan un convenio para desenvolver protocolos de detección