Transformar a auga bruta en auga apta para o consumo humano. Esa é a misión das plantas potabilizadoras. Mais o avance da tecnoloxía e os cambios na lexislación en materia de saúde pública obrigan a realizar constantes melloras neste tipo de infraestruturas. É o que lle acontece á Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) do Casal, en Vigo. Foi construída nos anos 70 e leva medio século dándolle subministro á cidade olívica e á súa área metropolitana. Agora, un proxecto de ampliación e mellora prevé transformar esta planta nunha nova, que estará lista en 2023.
Dous dos aspectos máis salientables da nova potabilizadora serán, por unha banda, o seu sistema de ultrafiltración por membrana, que a converterá na primeira planta de España en utilizalo, segundo indicou o CEO de Aqualia, Félix Parra. Por outra, o aumento no seu volume de tratamento de auga. Nunha primeira fase chegarase aos 1.500 litros por segundo, pero esta cifra verase aumentada ata os 2.200. A actual ETAP do Casal procesa uns 900 litros por segundo.
Novo edificio de dúas plantas
Máis polo miúdo, as obras de ampliación e mellora contemplan a creación dun novo edificio, máis amplo que o actual e mellor dotado. O decantador, por exemplo, transformarase nun edificio de dúas alturas. Na súa parte inferior configurarase todo un sistema de cámaras de mesturas nas que a auga irá circulando e mesturándose cos distintos reactivos. Na planta superior están todos os equipos de ultrafiltración, que funcionan a través dun conxunto de bombas somerxibles, autorrefrixeradas e cunha baixa emisión de ruídos.
Este sistema de ultrafiltración por membranas consiste na retención de partículas sólidas —como son os metais, os virus ou os xermes— co obxectivo de purificar a auga o máximo posible. A idea é que estas membranas logren uns valores de turbidez mínimos, eliminando todas as partículas de ata 0,02 millonésimas de metro. Todo este proceso complétase con outros de carácter complementario, como pode ser o uso do cloro en momentos puntuais. Finalmente, habéra unha desinfección que garanta a máxima calidade da auga, que estará esterilizada ao longo de todo o proceso de distribución.
Subministro á área metropolitana
Esta nova planta potabilizadora está a ser impulsada polo Concello de Vigo que xunto con Aqualia, a empresa concesionaria do subministro de auga na cidade, realizaron probas piloto durante tres meses para saber cales eran as tecnoloxías dispoñibles para abastecer Vigo. De todas formas, a ETAP do Casal tamén subministra auga a concellos da área, como son Moaña, Cangas e outras zonas limítrofes de Redondela e Mos.

Un dos aspectos que se salientaron respecto da obra, que terá un prazo de execución de 18 meses e un orzamento estimado de 23 millóns de euros, é que se levará a cabo sen interromper o subministro de auga. Dende Aqualia sinalaron que se trata dun “desafío importante” e que, por iso, a obra será desenvolvida en dúas fases. Polo tanto, mentres están en marcha as obras de mellora e ampliación da ETAP, o servizo seguirase prestando con normalidade a máis de 500.000 usuarios de cinco concellos.
Estes datos foron achegados durante un acto celebrado nas inmediacións da ETAP do Casal no que participaron o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o CEO de Aqualia, Félix Parra, así como outros cargos do Concello e da empresa concesionaria. Tanto o rexedor local como o directivo participaron na colocación da primeira pedra da nova ETAP incluíndo, tamén, unha cápsula do tempo. Nunha tubaxe de fundición introducíronse xornais do día, moedas de curso legal, un CD do proxecto e unha botella de auga, recollida nese momento da potabilizadora.
“Con esta obra resolveremos os problemas de abastecemento que poida ter Vigo nos próximos 50 anos”, indicou o alcalde. Tamén asegurou que a planta, aínda que sexa unha modernización e ampliación da anterior, “é, de facto, unha nova potabilizadora”. Desta maneira, fixo fincapé no “reto tecnolóxico excepcional” que supón levar a cabo este proxecto. Pola súa parte, o CEO de Aqualia engadiu que unha vez que a nova ETAP estea construída, será a infraestrutura hidráulica máis grande de Galicia.