Elena Pazos traballa no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas da Coruña. Foto: epazoslab.es
Elena Pazos traballa no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas da Coruña. Foto: epazoslab.es

A galega Elena Pazos recibe 1,5 millóns do prestixioso programa Starting Grant

A científica da Universidade da Coruña é a segunda muller galega seleccionada para a prestixiosa liña de financiamento do Consello Europeo de Investigación

O Consello Europeo de Investigación (ERC) anunciou este martes a relación de beneficiarios do seu programa Starting Grant, unha das maiores apostas pola investigación de excelencia a nivel comunitario. E dous investigadores galegos lideran cadanseu proxecto entre os 408 (20 en España) seleccionados polo organismo europeo. Ademais do traballo do arqueólogo do Incipit Jorge de Torres, unha científica da Universidade da Coruña, Elena Pazos (1983), desenvolverá durante os vindeiros cinco anos un importante proxecto grazas aos 1,5 millóns dos que disporá. Elena Pazos convértese así na segunda científica galega que recibe esta prestixiosa axuda, despois de Elena Ojea, que traballa actualmente na Universidade de Vigo.

Será o proxecto SENSE (acrónimo de Supramolecular Engineering of biologically iNSpired peptide nanostructurEs), enmarcado nas liñas de traballo nas que Elena Pazos leva anos afondando. O equipo desta investigadora da UDC, graduada en Química pola USC (2006), está centrado no desenvolvemento de ferramentas químicas para o seu uso en biomedicinas, como poden ser as plataformas de péptidos. O grupo de Pazos está centrado especialmente na creación de sensores luminescentes e intelixentes que poidan detectar a presenza de marcadores de doenzas, como o cancro ou o Parkinson.

Despois de licenciarse en Química, Elena Pazos realizou a súa tese de doutoramento en Santiago baixo a dirección de José Luis Mascareñas e Eugenio Vázquez, cun traballo sobre sensores para detectar proteínas implicadas no cancro. Durante o desenvolvemento da tese, realizou estadías no Trinity College de Dublin e na Universidade de Illinois.

En 2012, grazas a unha bolsa da Fundación Barrié, comezou a traballar no equipo do profesor Samuel I. Stupp na Northwestern University, e posteriormente traballou na empresa Medcom Advance durante un ano. Entre decembro de 2015 e xuño de 2017, traballou no equipo de Ramón A. Álvarez-Puebla no Centre Tecnològic de la Química de Catalunya.

Foi entón, en xullo de 2017, cando regresou a Galicia grazas ao programa InTalent UDC, financiado por Inditex, sendo unha das dúas investigadoras elixidas entre máis de 120 solicitudes. Na actualidade, dirixe un equipo no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Coruña, con arredor dunha decena de estudantes e investigadores.

As axudas Starting Grant están destinadas a científicos que se atopan nas primeiras etapas da súa carreira, e que contan con entre 2 e 7 anos de experiencia dende a realización da súa tese de doutoramento, e que demostren cunha traxectoria con grandes expectativas de progreso.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.