De esqueda a dereita, Carlos Salgado, Luis Miguel Botana e José Manuel Sabucedo, Medallas de Investigación 2020 da RAGC.

Cinco científicos da USC e da UVigo reciben as Medallas de Investigación da RAGC

Galardoados Carlos Salgado, José Manuel Sabucedo e Luis Miguel Botana, da USC, xunto con Jesús Simal e Xosé Ramón Nóvoa, da Uvigo

Cinco investigadores galegos en activo reciben o vindeiro xoves día 8 as Medallas de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). Esta distinción recoñece na súa segunda edición a traxectoria consolidada de cinco científicos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Universidade de Vigo (Uvigo).

A entrega das medallas terá lugar no acto académico de celebración do Día da Ciencia en Galicia, no Colexio de Fonseca (Santiago), que será presidido polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da RAGC, Juan M. Lema Rodicio. Tamén se homenaxeará a figura de Andrés Comerma, o enxeñeiro que deseñou o Dique da Campá no Arsenal de Ferrol, e serán entregados os Premios de Investigación Ernesto Viéitez.

As Medallas de Investigación da RAGC distinguen a científicos e científicas de prestixio que desenvolvesen a maior parte da súa carreira investigadora en Galicia en cada unha das súas cinco seccións.

Carlos Salgado.

A medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, correspóndelle a Carlos Salgado, director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC (único centro galego ata agora coa distinción de Unidade de Excelencia María de Maeztu). Doutorado en Física Teórica pola USC, Salgado (Monforte de Lemos, 1971) completou a súa formación con estadías nas Universidades de París Sur e Roma e no CERN. No ano 2011 recibiu unha axuda Starting Grant do European Research Council (ERC) e no 2019 unha Advanced Grant.

Salgado está á fronte dun grupo referente internacional na teoría e fenomenoloxía de interacción forte en condicións de altas temperaturas e densidades, relativa á materia que formaba todo o Universo uns microsegundos despois do Big Bang e que se produce en laboratorio nos grandes aceleradores de partículas, especialmente no LHC do CERN.

Jesús Simal.

O catedrático da Uvigo Jesús Simal-Gándara (Santiago, 1966) recibe o xoves a medalla Antonio Casares Rodríguez, da seccion de Química e Xeoloxía. É responsable do Grupo de Investigacións Agro-Ambientais e Alimentarias da Uvigo, grupo de referencia competitiva da Xunta de Galicia. Foi membro do Comité Científico da Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición; director do Centro de Investigación Agro-Ambiental e Alimentario; director do Departamento de Química Analítica e Alimentaria; e vicerreitor de Internacionalización da Uvigo. En 2018 foi incluído na lista dos 100 autores máis citados a nivel mundial no campo da tecnoloxía de alimentos. Actualmente é presidente da Asociación Internacional de Nutrición e Seguridade Dietética e membro da Real Academia de Farmacia de Galicia. Realizou estancias de investigación en Francia, Estados Unidos, Alemania, Reino Unido, Holanda e Suecia.

Luis Miguel Botana.

Luis Miguel Botana (Catoira, A Coruña) recibe a medalla Ánxeles Alvariño, da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde. Catedrático de Farmacoloxía na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC, fixo unha estancia posdoutoral na Universidade Johns Hopkins de Baltimore. A súa actividade científica céntrase na farmacoloxía, toxicoloxía e detección das toxinas mariñas, así coma no uso de produtos mariños para a formulación de fármacos. Foi director do Laboratorio Comunitario de Referencia de Biotoxinas Mariñas e director do Departamento de Farmacoloxía da USC. A investigación desenvolvida durante a súa carreira, en colaboración con máis de 50 grupos internacionais, tivo unha gran proxección social no sector pesqueiro en Galicia: a actual lexislación europea sobre control de toxinas mariñas baséase en parte nos traballos do seu grupo de investigación, que é referencia mundial neste campo.

Xosé Ramón Nóvoa.

O catedrático da Uvigo Xosé Ramón Nóvoa (Dozón, Pontevedra) foi o elixido pola sección de Ciencias Técnicas para recibir a medalla Isidro Parga Pondal. Doutorado en Química pola USC, a súa carreira docente e investigadora estivo sempre ligada á actual Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo, con estadías de investigación na Universidade de Manchester (Inglaterra) e no Centro Nacional de Investigación Científica (CNRS) de Francia. A súa actividade investigadora céntrase nas aplicacións industriais da electroquímica: corrosión, recubrimentos, pasividade e baterías son as súas principais liñas de traballo activas na actualidade. Ten dirixido nesta temática 12 teses de doutoramento e publicado máis de 150 artigos.

José Manuel Sabucedo.

A medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais da RAGC, destaca a traxectoria de José Manuel Sabucedo (Vigo, 1955), catedrático de Psicoloxía Social na USC. É coordinador do grupo de Comportamento Social e Psicometría Aplicada e membro do instituto CRETUS. Recibiu o Premio Galicia de Investigación e foi promotor e primeiro presidente da Sociedade Científica Española de Psicoloxía Social e editor da International Journal of Social Psychology. A súa investigación céntrase no estudo de procesos psicosociais básicos e na súa aplicación aos ámbitos da conduta política e do medio ambiente. Nos últimos anos e xunto ao seu equipo traballou na conceptualización da obriga moral. A súa formulación está a ser utilizada por outros autores en modelos explicativos de diversas condutas.

A celebración da ciencia

A entrega das medallas forma parte da celebración do Día da Ciencia en Galicia, que a RAGC promove para poñer en valor a traxectoria dos científicos que historicamente e na actualidade contribúen de forma significativa ao avance do coñecemento e á súa aplicación á mellora da calidade de vida das persoas e ao progreso económico de Galicia.

Neste marco, no acto académico do vindeiro xoves homenaxéase a figura do enxeñeiro e arquitecto naval, farmacéutico, escritor e divulgador Andrés Comerma, responsable do deseño da obra máis importante realizada en Galicia no século XIX –o Dique da Campá no Arsenal de Ferrol– e introduciu numerosas innovacións tecnolóxicas en Galicia, como a telefonía e os raios X.

Tamén serán entregados os Premios de Investigación Ernesto Viéitez a un equipo liderado polo Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC e a un enxeñeiro do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.